Detido un septuaxenario cun laboratorio de marihuana no seu domicilio de Ourense

Incautáronselle 140 plantas e varias bolsitas preparadas para a súa venda

Un home de 64 anos foi detido en Ourense no marco da denominada operación Popeye como suposto autor dun delito contra a saúde pública e defraudación de fluído eléctrico, tras achar no seu domicilio un laboratorio, que contiña sustancias estupefacientes destinadas á venda ilegal.

Segundo informou a Comisaría provincial, no rexistro efectuado ao domicilio, os axentes policiais interviñeron "140 plantas de marihuana e varias bolsitas preparadas para a venda".

A investigación, levada a cabo polo grupo de estupefacientes, comezou a principios "do mes de maio" tras ter coñecemento dun posible tráfico de drogas, que se saldou o martes coa detención desta persoa, un home de 64 anos, natural de Colombia.

Tras ter coñecemento destes feitos, os axentes estableceron un dispositivo de vixilancia comprobando que esta persoa mantiña un "enganche ilegal" nos contadores da subministración incorrendo así nun suposto delito de defraudación de fluído eléctrico.

Durante o rexistro efectuado no domicilio, a Policía concluíu que "todas as habitacións, excepto o baño e a cociña, estaban destinadas ao cultivo de marihuana" e ademais a despensa era utilizada de secadero.

No mesmo acharon lámpadas, ventilación e instrumentos que estaban destinados a que as plantas se preservasen en condicións adecuadas e evitar así que fose detectado o seu cheiro.

En total, os axentes incautáronse de 140 "plantas de marihuana dispostas para a venda, varias bolsitas de marihuana preparadas" así como diverso material de laboratorio indoor e unha báscula de precisión.

O home quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial. 

Comentarios