Nas tarefas de extinción participaron bombeiros do Morrazo, Vigo e Baixo Miño
Dous incendios provocados por un raio que alcanzou unha tubaxe de gas e o tellado dun edificio obrigaron a desaloxar este venres á noite a uns corenta veciños de dous edificios separados uns trinta metros entre si na Avenida José Costa Alonso, en Moaña.
Segundo indica o servizo de urxencias 112, o operativo iniciouse sobre as 23 horas do venres tras as chamadas de alerta de varios veciños e nel participaron bombeiros do Morrazo, Vigo e Baixo Miño.
O operativo centrouse en apagar o lume na tubaxe de gas, que tivo varias fugas. Foron controladas coa interrupción da subministración e a ventilación do edificio. Tamén apagaron o incendio do tellado dun dos edificios que calcinou todos os trasteiros.
Para garantir a seguridade dos veciños dos dous edificios, uns corenta, foron desaloxados pola Garda Civil e regresaron ás vivendas unha vez os bombeiros deron o visto e prace.