
Os axentes seguen investigando a súa estancia en Burgos, onde ten unha filla duns vinte anos
Unha filla de 4 anos de Ana Julia Quezada, detida pola morte do neno de 8 anos Gabriel Cruz nas Hortichuelas (Níjar, Almería), faleceu en 1996 ao caer desde unha xanela da vivenda na que residían a un patio interior, un caso que se pechou como unha morte accidental.
Ana Julia Quezada chegou en 1995 a Burgos procedente do seu país natal, a República Dominicana, e instalouse nun piso con esta filla froito dunha relación anterior cun home do seu país.
Un ano despois, a nena faleceu no que foi considerada unha morte accidental, segundo informaron a Efe fontes da investigación, quen engadiron que foi a parella nese momento de Ana Julia -que non era o pai da nena- quen atopou o seu corpo.
INVESTIGACIÓN. As Forzas de Seguridade investigan máis datos sobre os anos que residiu en Burgos a principal sospeitosa da morte de Gabriel Cruz. Segundo informaron a Efe fontes policiais, os axentes solicitan a maior información posible sobre o paso de Quezada por Burgos, onde na actualidade reside unha filla súa duns 20 anos.
A agora detida chegou a Burgos procedente do seu país natal, a República Dominicana. Alí estivo a residir con quen entón era a súa parella ata que os dous se desprazaron en 2014 á localidade das Negras, en Níjar.
Vecinos das Hortichuelas aseguraron que comezaron a sospeitar dela cando, o pasado sábado 3 de marzo, Quezada afirmou atopar unha camiseta interior de cor branca do menor cando camiñaba xunto ao pai do desaparecido. Esa camiseta contiña restos de ADN do neno.
Co achado do cadáver, a detención de Quezada e o seu traslado á Comandancia de Almería púxose fin a trece xornadas de angustiosa procura de Gabriel, na que segundo os datos da Delegación do Goberno en Andalucía traballaron 1.487 profesionais e 2.574 voluntarios.