Resulta ferido nun presunto intento de roubo con violencia no Pino

A vítima recibiu un disparo de escopeta despois de que un intruso entrase no seu domicilio

Unha persoa resultou ferida de consideración logo de recibir un disparo de escopeta na súa vivenda particular, no concello coruñés do Pino.

Os feitos ocorreron sobre as 19:30 horas da noite pasada, no lugar da Tarroeira. Foi a esa hora cando a propia vítima pediu axuda ao 112 Galicia. Indicou que o acababan de agredir no interior da súa casa e necesitaba asistencia sanitaria. O suposto atracador irrompera na vivenda cunha escopeta, disparándolle á porta.

De inmediato, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061, Urxencias Sanitarias e da Garda Civil.

Debido á situación, persoal sanitario mobilizou ademais dunha ambulancia, o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que enseguida se desprazou ao momento e tomou terra moi preto do lugar dos feitos.

Segundo informaron os axentes ao persoal do Ciae, a persoa foi evacuada na aeronave ao centro hospitalario de referencia, aínda que non parecía revestir gravidade. Indicaron ademais que todo apunta a que se tratou dunha tentativa de roubo.