Sáltase un control na Illa e dáse á fuga no medio da celebración do Entroido

A Garda Civil detivo ao condutor, un vilagarcián de 24 anos que deu positivo en alcol e drogas

Detenido en A Illa por darse a la fuga. DP
photo_camera Detenido en A Illa por darse a la fuga. DP

A Garda Civil detivo a un mozo de 24 anos que se deu á fuga na Illa de Arousa mentres as rúas estaban cheas de xente que celebraba o Entroido, segundo informa o Instituto Armado nun comunicado emitido este martes. 

O condutor saltouse un control de alcoholemia e drogas que realizaban axentes da Garda Civil no marco do operativo de seguridade viaria nos festexos do entroido do municipio arousán. 

Logo de non deterse ante o sinal dos axentes, o mozo emprendeu a fuga a gran velocidade polo centro urbano, onde centos de persoas celebraban o Entroido. 

Tras varios quilómetros de fuxida, nos que chegou a chocar contra un turismo que estaba estacionado, o fuxitivo foi detido nas inmediacións da ponte da Illa. 

O condutor, veciño de Vilagarcía de 24 anos de idade, deu positivo nas probas de alcol e de drogas. Podería enfrontarse a unha pena de seis meses a dous anos de prisión e a retirada do permiso de condución por un período de entre un e seis anos.