Buscando sitio onde aparcar

Aparadoiro dunha festa. AEP
Aparcadoiro dunha festa. AEP
Hai xente que prefire morrer a pagar un párking

HORA E media leva (mínimo) dando voltas co coche; a ralentí e polas mesmas catro rúas unha e outra vez. O primeiro é para meterse cando alguén deixe o sitio libre (se os de atrás levan présa, que esperen) e o segundo, para non ter que camiñar moito ata onde vai, que non é hoxe o día. El rosma tantos pecados e agarra tan tenso o volante —que o ten cuberto cunha grosa funda, comprouna nos chinos, para non gastar o coiro: ben llo cobraran como extra na Mercedes— que eses dedos tan inchados, apuntados nesas unllas mal cortadas, rinchan no plástico con máis furia que Don Federico na radio cando ouvea polos perigos do comunismo.

Fóra chove. Os intermitentes da dobre fila teclean SOS en morse no asfalto mollado. Os paraugas fan contorsionismo entre as beirarrúas minguantes. A lama palpita desfeita, mesturada cas flores, baixo o SUV que un espabilado deixou na zona axardinada. Hai un beiril crepitando en silencio co peso de rodas gastadas. Unha farola levou un golpe, alguén cansado de manobrar aparcou ao toque. Baixa unha muller apurada: abre a porta do copiloto e turra polo aire dun vello en zapatillas de casa. Fai acenos ca man para que lles deixen cruzar. Pero pítanlles.

El tamén pita, claro, porque xa leva outra media hora (mínimo) polas mesmas catro rúas. Agora xa non tan amodo, que prefire acelerar e pisar o freo cando intúe que alguén vai saír. Total, se lle pegan por detrás vai ser culpa do outro. Mira que andar poñendo en perigo a un coitado señor maior! Pero ninguén sae: hai quen se mete no coche e acende as luces, a saber a que andarán; el pítalle a ver que fai, pero ca man di como que non sae. Pítalle outra vez a ver se se a pon nerviosa —é unha muller— e remata por dar marcha atrás, porque isto de meterse no coche e non saír, habendo tanta xente que necesita aparcar, é algo propio de xente que non é ben, pero nada. Bótalle un par de pecados gordos ca ventá medio baixada, que tampouco a tapicería do Mercedes merece ser mollada por unha merdeira, e continúa intentando atopar sitio mentres Don Federico tamén se vai quentando na radio. Como a chuvia colle forza o luminoso azul do párking, cas letras verdes indicando libre, parécelle que resulta máis rechamante e ofensivo.

A culpa realmente é de quen non fai párkings gratis, porque isto é un negocio, ten vostede razón Don Federico. Son para os mesmos mangantes de sempre. Estes políticos que só nos queren tirar dos cartos, porque seguro que os mesmos gobernantes que fan as rúas peonís son os que montan os aparcadoiros de pago. Porque eu teño o dereito constitucional de aparcar de balde. Ben mo quitan dos meus impostos! O mundo, Don Federico, vai ao revés. Toda a vida loitando por ter coche, por ser alguén, e agora nin deixan aparcar na rúa. Para os negocios é a morte mesma. Se a min paréceme ben que haxa bicicletas e transporte público, hai xente á que non lle foi tan ben na vida como a min, pero téñenlles que dar facilidades. Que fagan máis paradas de bus e con máis frecuencias

Se me puxeran unha debaixo da casa ata o collía algunha vez, cando me dá isto de non ver do ollo esquerdo e ter a man frouxa, que case non controlo o volante. Ademais, o párking non vale para calquera. Non digo que todo o mundo poda pagalo; hai xente que non sabe meterse nel, e que igual deixa o coche e nunca o dá encontrado, de tan grandes e complicados que son. Que aquí veñen homiños da aldea que non saben que praza é a 2ºG, porque non teñen estudos dabondo. Estes políticos pensan que todos somos universitarios como eles. E logo hai quen nunca deu atopado a saída do párking e están meses ata que os localizan polo cheiro do cadáver, iso vino eu no facebook e tamén no whastapp. Ocorreu en Polonia ou un país deses rusos.

E veña outra volta a ver se desta hai un sitio libre, e xa dous mozos que querían meter cadanseu coche no mesmo oco báixanse e péganse de hostias, primeiro dan unhas puñadas ao aire, logo acaban a rolos no medio da rúa. O resto pitamos: que arranxen como queiran, pero nós necesitamos aparcar. Cando o resto xa afrouxaron o claxon el segue atorrando. O Mercedes inmóbil e prendido baixo a chuvia. A cabeza contra o volante, a funda dos chinos protexendo o coiro da baba morna que lle cae. Se o parking do hospital fose gratis inda estaría con nós, dixeron no tanatorio.

Comentarios