Opinión

Un novo universo poético

Materia, emocións e lírica enguedéllanse na proposta poética de Antonio Seijas coa que gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense. Un debut no verso que sorprende pola súa madurez e por construír todo un universo arredor da fin do mundo, mais tamén da finitude humana.
Antonio Seijas. RAFA FARIÑA
photo_camera Antonio Seijas. RAFA FARIÑA

Teorías do fin, sae do prelo da editora Aira dando a coñecer a un novo poeta. Se a Antonio Seijas tiñámolo vencellado aos territorios da ilustración, agora terémolo que ter en conta tamén nese outro territorio como é o do verso, a partir desta obra premiada e editada, e con varios libros de poemas agardando xa pola súa próxima publicación.

Unha vez superada esa distancia máis mental que real de colocar aos nosos diferentes creadores nun contexto determinado, o certo é que a poesía de Antonio Seijas tamén causa sorpresa pola súa aposta, pola contundencia do escrito e por cómo se xestiona unha sucesión de poemas que artellan un libro perfectamente estruturado baixo unha lóxica que vai do universal, desa magnitude que supón achegarse aos posibles finais do universo, e como esta se vencella coa nosa modesta finitude como seres humanos. Unha sorpresa que se mantén tamén ao atopármonos cunha temática científica, xa que cada un dos capítulos do libro arrinca dende cadansúa teoría arredor de cómo vai rematar todo isto e que non fai máis que certificar o enorme interese do seu creador por ámbitos que van máis alá das humanidades.

Ao tempo que contemplamos como podemos acabar, agardamos que dentro de moitas lúas, Antonio Seijas tamén propón unha sorte de viaxe pola existencia vivida, cunha firme áncora cuxa ausencia xorde aquí como ese remate vital tras o que é complicado calquera recuperación e cuxa presenza non o abandonará. A perda dunha nai é como a destrución dun planeta, un sentimento de orfandade inesgotable ao que a poesía chega para acougar desasosegos, mais tamén para situar a Antonio Seijas nunha nova caracterización do seu quefacer artístico, pero no que atopamos elementos que xa poñía de relevo no seu labor de ilustración como esa permanente confrontación entre a luz e a escuridade, así como a capacidade das palabras colleitas para xerar imaxes.

Para alguén afeito ao campo da imaxe, a acadar nelas unha síntese de moitas situacións, pode parecer sinxela esta situación, pero o traballo coa palabra alude a outros códigos e a outras posibilidades fronte ás que Antonio Seijas propón un xeito de crear moi intuitivo, que relaciona ambas disciplinas, sen apenas diferenzas claras e no que a espacialidade do poema, a súa fisonomía na páxina, tamén ten moito que dicir de cara á súa conclusión final. Esa afouteza da imaxe, que leveda dende a palabra, lévanos a ese universo particular tan eficaz e no que a materia, como concepto físico e teórico, encaixa de xeito vizoso coa proposta lírica e a carga de emocións que atopamos ao longo desa viaxe propia do autor ao longo dos textos, ata chegar a esa perda da nai que lle dá sentido a todo o que lemos. Unha compoñente afectiva e íntima que entra en colisión coa frialdade do cosmos, con esas escuridades, con esas luces afastadas e situadas en diferentes dimensións que, pese as súas medidas, pouco semellan ter que dicir cando un se expresa do seguinte xeito: "Ese ollar de nai resumía/ toda a teoría da relatividade / a cada instante que me falabas".

Xoga tamén Antonio Seijas coa dimensión temporal no fondo da súa escrita. Un tempo que tamén se move entre o contraste, entre a dialéctica dun tempo que pode ser e o que realmente se revela ante nós. De aí que haxa ritmos e repeticións nas súas palabras, modificacións do que adoitamos ler de xeito cotiá e que aquí a palabra domina esa temporalidade, marcando os ritmos da lectura. Nesa temporalidade a dialéctica do escuro fronte á luz, lévanos a coñecer demos, cortizas, cinzas, materia escura, baleiros... ao tempo que asexamos a presenza do luminoso, daquilo que alberga un fío de esperanza: o amor, a enerxía, a luz, e todo iso para estourar no interior do libro ao atoparse, ao poñerse liña tras liña deste Teorías do fin que, ao tempo que nos abre un novo universo, preséntanos a un novo poeta ao que lle damos a benvida, Antonio Seijas.

Comentarios