Opinión

Na primavera dos afectos

Inés Mosquera xorde como unha nova voz da nosa poesía con Papoulas amarelas, un conxunto de poemas que miden unha vida en relación ao seu tecido familiar, coa figura da avoa como gran referencia nos afectos e na aprendizaxe da liberdade.

Sempre é unha ledicia atopar novas sensibilidades no eido da poesía. Novas propostas que se veñen a sumar ao firme ronsel de mulleres e homes que fan desta disciplina unha das máis sobranceiras da nosa escrita. Ines Mosquera, adicada á investigación no ámbito da literatura galega, preséntase en sociedade coa súa Papoulas amarelas, editada pola editorial Medulia e acompañada das ilustracións de Yeray Martín Prats. Un libro cheo de delicadeza na súa presentación e no que a padronesa afronta e amosa a súa relación coa figura da avoa, o que lle serve para contrapoñer o seu proceso de crecemento, a través de diferentes idades, co que supón esa vigorosa presenza ao longo de todo ese itinerario de muda.

Flor

Un libro que, como esas papoulas, muda de cor a medida que pasamos as súas páxinas, como no paso do tempo que substitúe diferentes cores polo amarelo que anuncia un novo tempo, un remate da vida á que todos, dun ou doutro xeito, sempre nos imos achegando. Escribiu Fernando Pessoa que "No entardecer da terra,/ o sopro do longo outono/ amareleceu o chão", e do mesmo xeito que a súa avoa se achega á despedida, tamén a poeta muda a súa cor ao longo dun proceso de madureza que forma parte da configuración dunha identidade que leveda no tecido da familia, nese acubillo que se amosa sempre aberto á natureza, a un proceso case natural de simbiose cunha contorna que sempre se amosou fundamental nese traxecto común mantido entre avoa e neta. As cores, os efectos da natureza, os insectos, as plantas, fixan o marco para esa unión que lle serve á nena para entender boa parte do proceso vital no que se atopa, ata darse conta de que dende un determinado momento arrinca unha nova etapa.

A nena xa non é nena, sendo o comezo dunha interpretación distinta do que acontece ao seu arredor. "O cerebro é máis profundo que o mar", afirmou Emily Dickinson, sendo deste xeito como a memoria e o pensamento convértense nunha natureza máis que explorar, e na que atopar ese recoñecemento en forma do verso que ela merece, como lle conta Inés Mosquera a súa avoa, sabedora de que na palabra as cores resisten mellor o paso do tempo que nas papoulas que xa anuncian o outono, sendo o mellor facer da primavera refuxio e acubillo para esa necesaria afouteza dos afectos.

Mais o tempo non entende de serenidades e sempre camiña cara a adiante, arrastrando con el recordos, aloumiños e conquistas. A nena que camiñaba da man da avoa abraiada vendo as xoaniñas coroar as follas máis altas, agora sería quen de darlle a súa cabeleira para que a trenzase sen fin. O bosquexo de adulta deixou de selo e Inés Mosquera precisa entender esa primavera dos afectos como un espazo de resistencia ante o inevitábel, ante a perda que será física, pero que nunca o será de xeito total xa que hai elos que son irrompíbeis.

Para amosar esos elos a poeta elixe unha poesía calma, de palabras que se van fiando de xeito firme, aínda que a nós nos poidan semellar sinxelas. Cada páxina constitúe un acto de amor que se amosa, non dende un exceso de azucre, que sería o peor que podería facer unha poeta no seu debut, senón que ese amor leveda dende a confianza nesa relación, e dende esa simbiose proposta cunha natureza que enche de significados cada poema para que abrollen as imaxes. É a teima das palabras por visibilizar esa muda no pigmento das flores que é tamén a muda na pel das protagonistas.

Papoulas amarelas e Inés Mosquera preséntanse ante nós a partir dunha poesía chea de humildade e respecto, que sempre é a mellor maneira de deixar pegada entre os lectores que atopan unha proposta seria e ben construída dende unha intención moi sólida, como é a de amosar a importancia dunha relación persoal e que ao remate deixa un saboroso gusto que che deixa coas gañas de seguir lendo este tipo de poesía chea de frescura.

Comentarios