Opinión

Querido Manolo

"Non pases tanto de min, que xa me chega con estar aquí aburrida en Lestrobe coidando das nenas". Como parella, Rosalía e Murguía tiñan un punto Kurt Cobain e Courtney Love.
Kurt Cobain e Courtney Love. EP
photo_camera Kurt Cobain e Courtney Love. EP

Un home guapo e unha muller non exactamente guapa, pero si atractiva. Manolo e Kurt daban moi ben nas fotos. Pena que a Murguía, do que celebramos o centenario do seu pasamento, lle sacasen case tódalas fotos xa de ancián. Hai que facerse unha chea de fotos antes de vello, que logo xa as iremos administrando. Porque o tío sabía posar: cando mides 1,40 tes que buscarte a vida para lucir ben. Aí está, tan campante e sedutor, no retrato familiar da casa da Matanza. A xefa está no centro, moi cascada aos 48 anos, non ía durar moito máis, cun canciño contra a saia. Tamén as catro fillas e Ovidio, o futuro pintor de breve carreira, sostido en plan colegueo polo pai. É unha foto ben linda porque sen ela só teriamos estampas demasiado formais. Este Ano Querido Manolo que comeza vai ser un pouco Día das Letras Galegas 2.0, ou na sombra. A min este criterio de facerlle festa alternativamente a un personaxe carismático, dos que dá gusto poñer fotos del, con outros de imaxe máis discreta paréceme acertado. O flow de Lois Pereiro, Xela Arias, Uxío Novoneyra ou propio Murguía teñen que compensar cousas como o de Carvalho Calero, que sempre sae enfadado e con pinta de gángster de Chicago. Ata no debuxo conmemorativo dos Bolechas mira os cativos con reprobación. Será unha xogada para previlos do reintegracionismo, non sei.

Como boa celebrity, Murguía cáenos ben porque nos alude dalgún xeito, ben porque nos identificamos nos seus defectos ou aspiramos ás súas virtudes. Como Mariano Rajoy ou Rosalía, La Rosalía, co seu delicioso pasar de todo. Vale que ninguén aparte dos estudosos vai ler a Historia de Galicia, que xa era dura de tragar, por vella de estilo, para os homes da xeración Nós. Pero é moi moderno iso de pórse metas ambiciosas e deixalo a medias, porque deu feito ata os Reis de León. Tamén o gusto polas teorías raras, pola presenza do oculto, por non asegurar moito nada e aderezar as opinións cun segundo o vexo, posiblemente, o máis probable é que. Tamén pola vida precaria, que só tiña traballo asegurado cando os seus amigos gobernaban e se acordaban del, e pola informalidade. Non chegaba aos extremos cunqueiráns do pequeno desfalco –polo que sabemos, que Murguía oculta moitos segredos–, pero facía cousas como o absentismo laboral ou tomar os deadlines como algo orientativo. Tampouco era o seu administrar os cartos, que lle queimaban no peto segundo cobraba. Nin a responsabilidade afectiva, como diciamos. 

Como son vostedes lectores cultivados agardarán que fale de literatura e voulles responder ao meu xeito, co beef que mativo con Benito Vicetto. Este outro preboste escribiu outra Historia de Galicia, nunha prosa priscilianista que hoxe parece linguaxe élfica. Os dous homes tiñan intereses comúns, comunicáronse un tempo, desvirtualizáronse e aí caéronse fatal e leváronse a matar de por vida. E ata máis aló: morto o seu rival dedicáballe o noso velenoso amigo, os ananos e os calvos son moi dados á maldade, un "non coñezo libro máis triste nin que impresione tan penosamente". Tamén a tivo con Pardo Bazán, á que envexaba enfermizamente por nobre e por rica. Hai que dicir que a Ilustre Inimiga tiña cruzada a Rosalía, de viva e de defunta, e Queridísimo Manolo quedou como administrador único do seu legado, como Courtney Love con Kurt Cobain.

Todos temos dereito a polo menos un par de obsesións negativas, sen moito fundamento, con alguén. Hai quen o toma con insistencia, tal a xornalista Lynn Barber con Helena Bonham Carter: "Non pode ter cárdigans que abotoen? E mangas que se deteñan nos seus pulsos? Agradecémoslle que non queira ser un obxecto sexual, pero hai un treito entre parecer Pamela Anderson e una orfa victoriana". A boa de Helena, outra desas persoas non exactamente guapa, pero si atractiva, estivo chorando días despois de ler isto. Logo fíxolla máis veces. Xulgar pola maneira de vestir non está ben, pero comentalo é gracioso. Murguía vestiu durante décadas á moda romántica, a de cando el era novo: chistera e gabán longo. Estaba pasadísimo de moda, pero a el facíalle máis alto e non deixaba de ser estilo. As rapazas de Autodefensa (Filmin) están estomballadas no sofá cunha resaca criminal. Como na neveira só teñen ketchup din que a súa vida é unha merda, que teñen que parar de drogarse tanto, pero recapacitan e fan unha lista das cousas polas que teñen que dar gracias. E unha delas é o seu sentido da moda. Que tremendo drama sería non telo, e que imaxina ser unha básica. Gracias por non ser unhas básicas!

Comentarios