Retrato de esquecemento

Xosé Luís Franco Grande. AEP
Xosé Luís Franco Grande. AEP

Defendemos nesta columna a necesidade de que os clásicos da Literatura Galega teñan unha máis ampla circulación nas librarías do país. Calquera afeccionado aos libros sabe das dificultades para chegar a unha boa libraría e atopar a poesía de Darío Xohán Cabana, a narrativa de Camilo Gonsar —da que falabamos hai ben pouco— ou mesmo verdadeiras obras mestras, caso de ‘Memoria solar’ de Luz Pozo, sen ir máis lonxe. Case que todo o papan as novidades —necesarias tamén, por suposto—e non existe no país unha iniciativa editorial que recolla sistematicamente as nosas obras máis valiosas.

Isto supón a caída a un inxusto segundo ou terceiro plano de figuras de grande importancia e mesmo de xeracións case que completas. É o caso de parte da coñecida como Xeración das Festas Minervais —malia que historiadores da literatura galega tan senlleiros coma Xosé Ramón Pena non usen demasiado esta etiqueta—. Si, temos moitas e moi boas edicións de líricos coma Ferrín ou Manuel María, pero os lectores agardamos tamén polas de autores coma Bernardino Graña. Con outro dos grandes das nosas letras, Xosé Luis Franco Grande, rematou a espera grazas á súa poesía reunida, baixo o título ‘Un intre no tempo’, pola Editorial Galaxia en edición de Teresa Seara.

A figura de Franco Grande, finado aínda no 2020, merecía este rescate do esquecemento cara ao grande público polo seu valor alén da poesía: lexicógrafo, profesor, intelectual en calquera sentido co que esta palabra poda utilizarse... En resumo, unha das figuras chave para o mantemento da cultura galega nuns tempos de escuridade e perigo como foron os anos 50 e 60.

En canto á súa lírica, chama a atención neste mundo noso de sobreprodución editorial, que se limite a catro libros, os aquí recollidos, moi separados no tempo: un en 1967, outro en 1987 e outros dous en 2015 e 2017 —estes pódense ler, na práctica, como unha soa unidade na nosa opinión—. Todo semella consciente e traballado nos versos de Franco Grande, que abranguen etapas moi distintas no individuo e na sociedade galega, coas correspondentes consecuencias literarias.

‘Entre o si e o non’ é un libro editado a destempo. O noso autor pertence á primeira xeración das Festas Minervais, marcada pola poesía do eu e unha actitude existencialista, moi acaída á formación filosófica de Franco Grande. Porén, a súa publicación prodúcese cando xa domina unha segunda xeración, a da poesía social, que reclama a liberdade do pobo e respecto da que se mantén á marxe como poeta —non como escritor e mestre—. Os primeiros versos resultan para o lector actual un chisco repetitivos, mais alzan o voo co paso das páxinas, co cumio de certos poemas dirixidos a amigas como Xohana Torres ou Marina Mayoral.

Máis falan quizais ao lector actual os versos de ‘O tempo á espreita’, primeiro os dedicados á morte de pai e despois aqueles que conectan o poético co mundo da época, caso dos dedicados a executivos ou esmorgas de dubidosa moral. A poesía crepuscular regresa, coma nunha traxectoria circular, aos motivos íntimos e da natureza viguesa e do Baixo Miño tan queridos para Franco Grande. Lido o conxunto é sinxelo ver por que o autor tomiñés foi un referente durante décadas e por que aínda fala a todos aqueles e aquelas que desexamos conectar o presente das nosas letras co seu pasado.