Blog |

Momentos antes de ‘A love supreme’

Estamos en 1964. Un cuarteto encamíñase ao estudo para grabar un disco que cambiará a interpretación da música. John, McCoy, Jimmy e Elvin rexistran A love supreme. Meses antes, nos mesmos estudos de New Jersey tocaran case 40 minutos para unha banda sonora. Esas sesións son o novo disco de John Coltrane, Blue World, que se publicará o venres
John Coltrane
photo_camera John Coltrane

EN 1964 The Beatles invadiron os Estados Unidos e John Coltrane entrou nos estudos dirixidos por Rudy van Gelder polo menos tres veces. Na primeira delas, entre abril e maio, rexistrou Crescent. Na última, a comezos de decembro, gravou A love supreme. Entre unha e outra volveu ao estudo para plasmar outros case corenta minutos e música que non era para un disco seu. A formación para esta sesión era a mesma que se coñece como o cuarteto clásico de Coltrane: McCoy Tyner no piano, Elvin Jones na percusión e Jimmy Garrison no baixo, ademais de Trane ao saxofón. Garrison tivo máis papel que a interpretación porque o baixista tiña amigos comúns co director de cine canadiano Gilles Groulx (Montreal, 1931-1994). O realizador buscaba naquel tempo unha banda sonora para a longametraxe Le chat dans le sac, unha película en branco e negro sobre unha parella que padecía dificultades similares ás que Quebec tiña na súa relación con Canadá.

Groulx insistiulle a Garrison para contar coa participación de Coltrane. O saxofonista accedeu e co seu grupo habitual entrou no estudo. Gravaron 36 minutos de novas versións de pezas que se poden considerar standars no seu repertorio, Naima ou Village blues, por exemplo, ou a que dá título ao novo disco, Blue world. O realizador levou os 37 minutos, pero só utilizou dez para a súa película. Coltrane esqueceu notificar ao seu selo que fixera ese traballo quizais considerando que a música só estaba destinada á banda sonora. Á súa primeira e única banda sonora. 


O biógrafo do saxofonista, Ashley Kahn, explica nas notas ao disco, a conversa entre o músico e o realizador. Groulx tiña na cabeza un xeito de lista de pezas que lle prestaban e pasoulla. Coltrane contestou segundo lía: "Esta si, esta non. Esta non é miña". Para rematar a conversa, asegurou ao director: "Sei o que queres".


John Coltrane non puido ver a película sobre as dificultades dun xornalista e a súa parella no Montreal qebecuá, nin as influencias da Nouvelle Vague, pero quizais non importaba moito porque esa non era o xeito de traballar do músico nacido en 1926 en Hamlet, North Carolina. Non precisaba de antecedentes e, neste caso, era máis incorporar a música á película. A cinta quedou con dez minutos do John Coltrane Quartet e o resto pasou a un arquivo.

O seu baterista, Elvin Jones aseguraba que non se descansaba naquela época e que terían chegado a tocar xuntos My favorite things unhas 1.500 veces.


O saxofonista, nas súas palabras, vivía en 1964 un ano bo. Levaba máis ou menos tres anos de seis actuacións por semana, 45 semanas por ano. O seu baterista, Elvin Jones, que actuou en 2002 na Fundación Barrié da Coruña, aseguraba que non se descansaba naquela época e que terían chegado a tocar xuntos My favorite things unhas 1.500 veces. A aparición de Crescent, quizais non moi valorado na estensísima discografía do músico, supuxo un cambio de ton, un avance no conxunto da súa carreira, igual de libertario, menos frenético; igual de impetuoso, máis profundo.


O vindeiro venres publicarase Blue World, que será o segundo disco de Coltrane nos últimos dous anos, despois da edición de Both directions at once. Os seguidores do músico que foi capaz de saltar a disciplina de Miles Davis nunha gravación dirán que esta recente descuberta non é tan importante como a primeira, non revela tantas cousas novidosas sobre Coltrane e o seu grupo. Pero este Blue World foi grabado na antesala de A love supreme e o cuarteto co seu líder están operando dun xeito semellante. Por esa época, segundo lembraron McCoy Tyner e Elvin Jones, o cuarteto actuaba e rexitraba cun proceder parecido. Coltrane explicaba aos músicos onde quería chegar, os elementos fundamentais da sesión, e deixaba moito espazo para que cada un puidera desenvolver as súas achegas. Tyner, que actuou no Festival de Jazz de Pontevedra de 2004,  explicou a Kahn que o saxofonista non detallaba moitos pormenores cando se trataba de gravar: "Levabamos tanto tempo tocando xuntos que a banda tiña son propio. Podías facer o que quixeras sempre que tiveses presente a forma". O pianista fala ao biógrafo deses meses finais de 1964. Nese tempo Coltrane chegaba ao estudo e «escribía nun papel os símbolos dun grupo de acordes moi básicos, podías oír a relación entre os acordes e como encaixaban entre eles, pero non é que chegara e dixera quero que toquedes isto ou outro».


Entre decembro e xaneiro próximos haberá que celebrar o 55º aniversario da publicación de A love supreme, un disco convertido nunha referencia que, por veces, parece máis un mito cultural que o prodixio dun disco producido nunha soa sesión por catro músicos que se coñecían moi ben e cun Coltrane seguro de ter encontrado un son que representaba a espiritualidade do humano. Un álbum que espertou a atención dos músicos de jazz, pero tamén do rock e da clásica e que, 55 anos despois, é un dos escasos discos do xénero que entra nas seleccións dos máis importantes do século XX. Un disco que, quizais, tivo en ‘Blue world’ un anticipo.