Blog | El Ojo Público

Christopher Lee, o derradeiro parente de Drácula

Ata mediados dos anos cincuenta, o cinema británico apenas producía películas de terror. Desde os primeiros títulos de Universal, nos anos trinta —todos eles adaptando relatos de autores ingleses ou irlandeses—, a censura da British Board of Films creara a cualificación H  —Horror, en inglés— exclusivamente para este xénero, impedindo aos menores de 16 anos que entrasen nun cinema onde se proxectaban Drácula, o monstro de Frankenstein ou a Momia.
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library

HAMMER FILMS, fundada or un actor de variedades e un exhibidor de orixe catalá, naceu como produtora de baixo orzamento con vocación popular nun momento no que o cinema perdía espectadores en masa en favor da televisión. 

Cando os censores cambiaron o polo X, en 1951, o terror empezou a mostrarse nos cinemas de toda Gran Bretaña. A mediados da década dos cincuenta, Hammer estreou A maldición de Frankenstein (Terence Fisher, 1957), unha película que se anunciaba co reclamo: "Por favor, tente non desmaiarse. Non recomendado para persoas con propensión a ter ataques de nervios". No proxecto inicial estaba previsto contratar a Boris Karloff para interpretar ao monstro. Universal, que vendera os dereitos dos monstros pero con moitas limitacións, ameazou con despregar todo o seu exército de avogados e sepultar a Hammer nun mar de demandas contra a propiedade se levaban a Karloff. Hammer rexeitou a idea e pensou a película desde outra perspectiva. Ían apostar por actores de segunda fila, por un aproveitamento da cor que mostrase o sangue máis vermello, e por un erotismo velado. Peter Cushing foi o elixido para interpretar ao Doutor Frankenstein, e Christopher Lee, pola súa altura, ao monstro. 

Sir Christopher Frank Carandini Lee (1922-2015) naceu hai un século no céntrico barrio de Belgravia, en Londres, a poucas rúas da casa onde viviu Mary Shelley. Fillo do matrimonio dun tenente coronel do exército real británico e unha condesa descendente de Carlomagno, estivo nos servizos secretos do exército británico durante a Segunda Guerra Mundial. Acabada a guerra, Lee incorporouse á Comisión de Crimes de Guerra, e percorreu Alemaña e Austria como cazanazis. Con 24 anos, o seu primo Nicolo Carandini, que por entón era embaixador italiano en Londres, preguntoulle polos seus plans de futuro. "Non o sei", contesta. "Algunha vez pensaches en ser actor?". "Nunca". "Pois que saibas que os teus bisavós fundaron a primeira compañía de teatro en Australia". Lee empeza a interesarse polo cinema e o teatro. Apúntase nunha compañía e viaxa por Europa de xira.

En Gran Bretaña tiña problemas para entrar na selección de castings pola súa altura, aínda así facía pequenos papeis nunha industria en desenvolvemento. Os seus case dous metros de altura abríronlle a porta para interpretar o seu primeiro personaxe principal: o monstro de Frankenstein. Hammer era unha produtora pequena que tiña como mercado principal Estados Unidos. A maldición de Frankenstein tivo unha recepción complicada en Europa. A crítica esnaquizouna nunha época e un lugar onde o seu criterio importaba. Transmitiuse a idea de que Hammer explotaba os baixos instintos do espectador menos formado, e todo o seu cinema víase como subproducto de consumo en autocines e salas de barrio. A industria británica estaba avergoñada de que o seu representante máis visible no cinema internacional era unha compañía de baixo orzamento que exportaba un cinema case pornográfico. "Odiamos as películas con mensaxe. Unicamente ofrecemos entretemento e diversión", defendeuse James Carreras, un dos fundadores de Hammer.

'Rasputí'n rodouse ao mesmo tempo que a segunda película de Drácula e Hammer aproveitou decorados, persoal técnico e actores para as dúas

Con todo, o éxito popular de A maldición de Frankenstein anima a Hammer a continuar reinterpretando os monstros da Universal. Drácula (1958), A momia (1959), As dúas caras do doutor Jekyll (1960), e Rasputí (1966) —que non era un personaxe de ficción pero foi recreado como tal— foron obra dun equipo formado polo produtor Michael Carreras, o director Terence Fisher, o guionista Jimmy Sangster, o decorador Bernard Robinson e os actores Peter Cushing e Christopher Lee. Rasputín rodouse ao mesmo tempo que a segunda película de Drácula —Drácula, príncipe das tebras (1966)—, e Hammer aproveitou decorados, persoal técnico e actores para as dúas. Pasaron oito anos desde a estrea do primeiro título do vampiro, e Hammer quería explotar a Lee no papel de Drácula ata que non quedara nin pinga de sangue por derramar. Iniciou así unha serie na que Lee xa non estaba contento. "Na segunda película eu non falaba. Nada. Nin unha palabra en todo o guión. Era absurdo. Estaba decidido a que esa fose a última vez".

Para a terceira e cuarta, O poder do sangue de Drácula e As cicatrices de Drácula (1970), que se ían a rodar case simultaneamente e para as que Lee dixera que non, chamoulle Michael Carreras. "Tes que facelas. Xa vendín as películas a unha distribuidora americana contigo no papel. E pensa na xente que non traballará se dis que non". Lee afirmou, anos máis tarde, que esa foi a única razón para seguir facendo Dráculas para Hammer. "A xente estaba contenta e ao público gustábanlle, pero a min non. Eu fora contratado para facer ao personaxe do libro de Bram Stoker, e ese non era o Drácula de Bram Stoker".

No medio dese desencanto recibiu a chamada do director español Jesús Franco. "Faremos o Drácula de Bram Stoker", díxolle. E convenceulle. O conde Drácula (Jesús Franco, 1970) rodouse no Tinell, no Poble Espanyol e no Barrio Gótico, nunha Barcelona máis europea, e culturalmente máis vibrante que o que ocorría no resto de España. Alí xúntanse dúas personalidades moi diferentes. Lee, un británico preocupado pola literalidade do texto de Bram Stoker; e Franco, un cineasta inclasificable, excéntrico —nunha España aínda baixo a bota da ditadura—, e máis convencido de que ao vampiro había que adaptalo á súa visión exploit que a esa elegancia aristócrata que propoñía Lee. "Nalgún momento dixen que me parecía mellor que as de Hammer", dixo Lee anos máis tarde, "pero a película de Franco non é boa. Moito zoom… Non é boa. Aínda ninguén foi fiel ao libro de Bram Stoker. Nin Coppola".

A mediados dos noventa, e cando parecía que o fin da súa carreira era inevitable, Peter Jackson chamouno para interpretar a Saruma

Despois da súa aventura en Barcelona con Franco, Lee volveu rodar con Hammer Drácula 73 (Alan Gibson, 1972) e Os ritos satánicos de Drácula (Alan Gibson, 1973), a última na que interpretou ao vampiro coa produtora británica. É difícil saber cantas veces o levou á gran pantalla, porque seguiu participando en parodias, como Agárrame a ese vampiro (Steno, 1959), One more time (Jerry Lewis, 1970) ou Drácula pai e fillo (Édouard Molinaro, 1976), e versións apócrifas. A pesar das bromas, converteuse nun gardián das esencias do Conde e suplicou sempre respecto máximo á novela de Bram Stoker. En 1975, viaxou a Romanía para facer un documental. Un día de gravación, achegouse ao Castelo de Bran e vestiuse como Vlad Tepes o empalador, o personaxe histórico no que se baseou Drácula. Saíu dos bosques e viu de fronte a un grupo de soldados romaneses comendo coas súas familias. "Evidentemente, eran todos comunistas. Pero víronme a min e se santiguaron". 

A pesar de que pasou á historia como a imaxe de Drácula, por encima de Bela Lugosi, Lee ten unha filmografía inabarcable. Foi Fu Manchu e Sherlock Holmes, Lucifer e Scaramanga en O home da pistola de ouro (Guy Hamilton, 1973). Había anos nos que estreaba nove películas, rodando en varios idiomas e en varios países. A mediados dos noventa, e cando parecía que o fin da súa carreira era inevitable, Peter Jackson chamouno para interpretar a Saruman o branco na triloxía de O señor dos aneis (2001-2003), e George Lucas para o Conde Dooku nos episodios II e III de Star Wars (2002-2005). Volveu rodar case coa mesma intensidade que nos anos sesenta e setenta.

En Pánico en el Transiberiano (Eugenio Martín, 1972), outra película rodada en España, Peter Cushing e Christopher Lee encarnan aos únicos personaxes que quedan vivos no tren tras un masacre de posesións demoníacas. Fronte a fronte, din "Monstros, nós? Imposible! Somos ingleses".

Comentarios