Blog | O Cabaret Voltaire

Cando Vicente Risco era alguén...

Ánxel Fole sentaba no Lugo Bar, onda a muralla romana. Tomaba café con persoas interesantes. Un catedrático de grego, un cazador de raposos de Monterroso ou un barbeiro manco. Deixaba o contertulio falar un cacho. Ao cabo dun cuarto de hora, propoñía: «Ben, xa conversamos. Agora imos ver a televisión».
Vicente Risco
photo_camera Vicente Risco

DESPOIS DO café, Ánxel Fole dirixíase á redacción de El Progreso. Baixaba á hemeroteca. Collía un tomo de xornais encadernados. Abría unha páxina calquera. Lía e tecleaba na Hispano Olivetti. Maloca picábao:
—Que, don Ánxel? Xa está copiando?
—¡Por favor, qué burro es usted!


Fole falaba galego. Cando se enfadaba, castelán; se estaba de bo humor, francés.
A cultura galega nunca foi dada ao plaxio, como atrevemento caía na imitación. Sen embargo, o creador que máis picoteu nos ensaios, debuxos e cadros alleos é o máis exaltado. En Lugo temos unha nova franquicia de Castelao co gallo de cumprirse cen anos da primeira Asembleia Nazonalista no hotel Méndez Núñez. Son partidario de homenaxear médicos, que conste.
Poderíamos empezar por Luis Pimentel. O poeta ten unha estatua e un colexio en Lugo; pero fóra da cidade, nada. Que opinaría da escultura? El, que se horrorizaba co xeito de vestir de Carvalho Calero.
—Este señor ten un xeito moi triste de levar o sombreiro —comentaba ao velo pasar.


Hai un remoto vínculo con Fole e con Pimentel. Cando empecei a traballar neste xornal aínda sobrevoaban a redacción anécdotas divertidas de don Ánxel.
Gustáballe «ver a televisión». Vicentiño Risco non a tiña de neno. Era un cativo sofisticado. O seu xogo preferido consistía en recurtar reis e soldados de papel. Escenificaba novelas inspiradas na vida de María Estuardo, nas guerras dos hugonotes.


Eu quixera coñecer a intención de Castelao ao escribir aquilo de "Cando Risco era alguén...". O medo e vergoña son humanos. O médico de Rianxo desprezaba os covardes. Risco e Cunqueiro humilláranse ante outro galego, o militar taimado de Ferrol.

O tío de Manuel María, que era crego intercedeu por Álvaro varias veces que o encerraron no cárcere de Lugo


Cunqueiro posiblemente sentise temor, pero nunca vergoña. Un día pedía a soberanía do vello reino de Galicia falando a voces orgullosas nos cafés de Mondoñedo. Ao outro día desfilaba pola Praza da Catedral uniformado de requeté para defender o dereito á coroa de don Carlos. O tío de Manuel María, que era crego intercedeu por Álvaro varias veces que o encerraron no cárcere de Lugo. E non por arredista, senón por estafador.


Podía subir aos ceos para escribir «no niño novo do vento/ hai unha pomba dourada/ meu amigo/ quen poidera namorala». Logo baixar aos infernos de ser sorprendido metendo o índice na torta de nata.


A familia de Otero Pedrayo convidaba de cando en vez aos Risco a Trasalba. O pequeno Vicente tiña medo do ouveo dos lobos e do canto dos mouchos nas noites do pazo. Parece lóxico deducir o pánico de Risco a ser visitado polos amigos de Calafate cando amencía pola Ponte Vella. Disque Calafate tiña un cinto con sesenta marcas. Unha c de cabrón se a vítima era un home; unha p de puta se era muller.


Se Fole escribía na redacción antiga, contáronme que Pimentel exerceu como médico onde está a actual. Ás veces comunícabanlle que un amigo seu morrera por entrada de bala no cranio. Non entendía nada, quedaba cegado. Un celador baixaba para axudalo a subir as escaleiras de mármore branca da clínica.

Vicentiño repetía os ecos do seu avó Vicente Martínez-Risco y Elices, alcalde de Castro Caldelas, cando proclamara un cambio de Goberno en nome de Espartero


O temor de Risco xa lle viña de neno. As súas tías Plácida, Elisa e Rosario prohibíanlle dicir gato. Os michos había de denominalos ulanos. Cando lles botaba discursos aos gatos da rúa da Paz, tratábaos de señores ulanos. Estaba na cama, enfermísimo imaxinario, envolto en varios abrigos. Erguíase cunha manta coma capa de rei. Botaba unhas sardiñas en anacos á rúa da Paz. Agardaba a xuntar foro gatuno abondo. Botábase a declamar un discurso. Vicentiño repetía os ecos do seu avó Vicente Martínez-Risco y Elices, alcalde de Castro Caldelas, cando proclamara un cambio de Goberno en nome de Espartero. Ás veces imaxinaba que era un Martínez-Risco dos que comparecían ante os dignatarios da Casa de Alba como corrixidores e administradores da vila.


Maloca contaba que Fole estaba lendo un xornal do día. Suxeitaba un cigarro entres os dedos amarelos e o pelo branco polo espanto da posguerra. Empezou a rir:
—Que locos están!
—Que foi, don Ánxel?
—Di o periódico que a Asociación de Escritores en Lingua Galega propúxome para o Premio Nobel. Que locos están!


A querencia de Risco polo discurso perdeuse na ditadura, pero era brava. En Ourense coñece en 1913 «a un Lerroux sin pulimentar, rudo,macizo, agresivo, violento; llevaba un inmenso jipi y el meñique izquierdo cargado, agarrotado, de sortijas». Risco e os amigos acompañárono ao hotel Roma. «Lo hicimos salir al balcón para ovacionarlo. Éramos así en la época». E despois calou ata a morte por pesadelos que protagonizaba por Calafate.


Luis Pimentel tamén estaba enfermo de pánico, pero nunca deixou de ser xeneroso. Acollía na casa a Noriega Varela cando este visitaba Lugo. O escritor de Mondoñedo aparecía cunha maleta marrón de cartón e reforzos de metal, e tamén un maletín negro. Cando Noriega saía levaba canda si o maletín. A muller de Pimentel está intrigada. Pregunta a Luis.
—Que gardará Antonio no maletín?
—Non o sei, pero non se che ocorra preguntarllo. É moi desconfiado.
A muller non se resistiu. Noriega explicoullo sen reparos.
—Levo chourizos. En Lugo non poñen tapas nos bares. Cando saio coa Confraría de Bebedores de Santo Matías, abro o maletín e compartimos uns chourizos.

Ramón Piñeiro comprendería que soamente o quintacolumnismo permitiría algún cambio no bloque de cemento franquista


Foron máis desagradables os mitins de Risco en 1918 de Boborás, Ribadavia ou Taboadela. Os católicos ortodoxos denunciaban a incompatibilidade entre rexionalismo e fe. Os caciques burlábanse dos discursos en galego e mandaban bandas de música para axordecelos; cando non mandaban sicarios que ameazaban con acoitelalos, como en Celanova. Pasados 18 anos, en 1936, Vicente xa aprendera que «hai un nimbo de ida espírito arredor do home que cala».
Catro décadas máis tarde, nos 70, Ramón Piñeiro comprendería que soamente o quintacolumnismo permitiría algún cambio no bloque de cemento franquista. Manuel María, comprensivo con Risco e Cunqueiro, non llo perdoou:
—Piñeiro é un señor que no ano 50 abre en Santiago un despacho de galeguista, como quen abre un bufete de avogado ou unha consulta de médico, e dedicouse a vivir del.


Cada galeguista viviu o seu medo a morrer por entrada de bala no corazón ao seu xeito. Fole sentaba no Lugo Bar para falar cun catedrático ou un barbeiro. Escoitalo un pedazo e «vía a televisión». Como non había aparello televisivo descorría a cortina do ventanal. A mesa do café abríase á Ronda da Muralla para ver pasar xente, carros do país e contados autómobiles. Daquela a vida era lenta. Permitía ser contemplada.

Se aburría xuntábase con Florentino Cuevillas para meditar e fumar pipas da marihuan


Como non había televisión cando era novo, Risco lía os románticos alemáns e os decadentistas franceses e ingleses, adentrábase no orientalismo e no ocultismo, pescudaba no budismo, estudaba a Paracelso e facíase acólito da Igrexa teosófica de Roso di Luna. Se aburría xuntábase con Florentino Cuevillas para meditar e fumar pipas da marihuana nun piso da praza de San Cosme.


Tanta actividade e máis ter escrito Teoría do nazonalismo galego deberían abondar para abrirlle unha franquicia en cada vila como as que ten Castelao. "Eu son o máis arredista porque pradico a soparación do espírito de Castela, do espírito español en xeral", presumía.


Naquela primeira Asemblea Nacionalista de Lugo estaban el, Cabanillas, os Villar Ponte, Correa Calderón, Ánxel Casal ou Lence Santar; pero xa temos asentado o modelo masculino, Castelao, e o modelo feminino, Rosalía. Non hai interese en escavar, sequera uns centímetros.

Comentarios