Blog | O Cabaret Voltaire

O reloxo de Xoaquinía daba a hora en galego

Mariano Rajoy nunca sentiu ardor guerreiro. Mimetizábase co ambiente. Para pasar desapercibido hai que ser aséptico. Cando lle tocou cumprir o servizo militar en 1980 foi un camaleón en uniforme verde. A súa misión era manter o brillo nas escaleiras da Capitanía Xeral de Valencia.
Miqui Otero - crédito Chus
photo_camera Miqui Otero - crédito Chus

NUNCA AQUELAS escaleiras estiveron tan limpas. O capitán xeral, Jaime Miláns del Bosch, subíaas e baixabaas mentres ordenaba na cabeza os tanques a mobilizar contra Calvo Sotelo. A preparación dun golpe de Estado é unha manobra máis taimada e perigosa que fregar as escaleiras dun antigo convento dominico. Con todo, o capitán xeral atendía o requerimento de Mariano para que pisase sobre os papeis de periódico que o soldado organizara como unha partida de dominó.


Milans del Bosch sabía que en febreiro de 1981 os seus tanques procesionarían por Valencia. Ao mesmo tempo, Tejero conducía un autobús cheo de uniformes verdes para alunizar contra a democracia nas portas do Congreso. O capitán xeral de Valencia non sospeitaba que en outubro dese ano o soldado coidadoso subiría as escaleiras de San Xerome, entre os dous leóns de ferro capturados ao moro, como deputado de Alianza Popular.


España deu un acelerón no último cuarto do século XX. Entre as barricadas da reconversión industrial, o zulo onde Ruíz Mateos tiña a contabilidade seria, os xarutos de Felipe González e os peiteado fundacional de Alaska marchounos a década dos 80 nun suspiro. O Mundial de Fútbol merece un parágrafo de seu. Non unicamente por Naranjito. A selección foi confinada nos Pirineos baixo a custodia dunha unidade de elite da Garda Civil. Había medo razoable a que Eta levantase polos aires metade da plantilla. Dese mundial lembro as vértebras rotas e os dentes saltados cos que Battiston volveu a Francia tras a saída do porteiro alemán.


Para as Olimpiadas de 1992 houbo máis cabeciña. Encargáronllas a Samaranch. O dirixente barcelonés aunaba a habilidade fenicia para o negocio dos cataláns e o sentido do espectáculo marcial dos fascistas. A maquinaria barcelonesa funcionou precisa coma o reloxo británico de Xoaquinía; cando menos na apariencia, que é a conta de resultados duns xogos olímpicos.

Miqui Otero sospeita que a frecha cenital foi caer a un caleixón contiguo a Montjuic


Daquela marabilloume a ceremonia inagurual. Un arqueiro disparou unha frecha que foi caer nun pebeteiro situado elevadisimamente, case á altura do Purgatorio, para prendelo. Daquela eu non estaba «educado en la sospecha», como lle pasaba a Simón Rico, o fillo de galegos na Barcelona de 1992 que protagoniza Simón, a nova novela de Miqui Otero. Daquela deixara de crer na puntería de Cupido, pero aquel frechazo entre España e o mundo pareceume rebordante de autenticidade.
Miqui Otero sospeita que a frecha cenital foi caer a un caleixón contiguo a Montjuic. Nel almacenaran pedra quitada ao rebaixar o estadio. Foi usada para reanimar a construción da Sagrada Familia. Os capiteis, o cicelado elegante, encargáronse ao escultor lucense Manuel Mallo en Begonte.


Nese tempo tampouco imaxinaba eu que poñer o himno catalán cando o rei Juan Carlos entraba en Montjuic fora un cálculo veneciano de Samaranchs. Evitaba que se pitase ao monarca e asemade que se pitase Els segadors cando cantaban «ara el rei, Nostre Senyor/ declarada ens té la guerra».


O xoves fun pasear Mondoñedo. Sospeitaba que eran as vésperas de que o conselliro Comesaña me mandase parar quieto nas lindes sanitarias de Lugo. Visitei o faiado onde Cunqueiro escribiu Merlín e familia. A casa levantouse no século XVI sobre outra medieval. As paredes divisorias están feitas con palla e barro, e cubertas con papel pintado. Son tan aparentes como fráxiles.
O sábado anterior tomara un café no Eduri con Suso Lista, o escritor e percebeiro de Corme. El falábame do mundo aparente da literatura. Eu preguntáballe polo mundo fráxil dos percebeiros.
—Jaure, morre máis xente na cama que no Roncudo —desdramatizou.


Suso contábame que vai publicar un libro sobre un home no Camiño. Eu interesábame polo latexo do presente cando o mar bate no Roncudo, esa violencia coa que o destino cubre a rocha firme na que apañas percebes e te arrastra ao fondo do mar. Os cataláns terían convertido o apañar percebes nun espectáctulo con venda de entradas, pero viñeron a Galicia e déuselles por salgar a sardiña para conservala.

Suso Lista contoume que o sabio mariño de Corme fora Cousillas, un barbeiro dos anos 50 como os que daba o país daquela: devoto da conversa e da rondalla


Ás veces quen sabe máis do mar nunca camiñou sobre a súa superficie húmida e esvaradiza. Que sabía Xesúscristo do mar de Galilea? Suso Lista contoume que o sabio mariño de Corme fora Cousillas, un barbeiro dos anos 50 como os que daba o país daquela: devoto da conversa e da rondalla. O seu currículo vitae era idéntico ao do Pallarego, correspondente de El Progreso en Mondoñedo co asesoramento de Cunqueiro.


O pai do personaxe Simón Rico, Lolo, «había llevado americanas de pana con hombreras y había acudido al mitin del PSOE en el 82». Unha década máis tarde comprendeu que a España dos 90 era unha parede de palla e barro baixo papel pintado. Entendería que os Xogos de Barcelona foran «un juego de astucia». A mármore desfíxose en lama. «Las Olimpiadas del 92 dejaron una resaca que acabaría por curarse buscando otras sustancias: la televisión, el humor, el ladrillo, la música, la política; todo parecía dominado por esos polvos que la gente vertía sobre el reverso de su guitarra para acto seguido alinear sus narices alrededor», escribe Miqui Otero.


A novela Simón é deslumbrante, xa o terán lido noutros papeis. As mellores novelas sobre Barcelona foron escritas por fillos de galegos: o propio Miqui, pero tamén Vázquez Montalbán e Francisco Casavella. Soamente un galego pode entender Barcelona porque un galego vive da fascinación e pretende vivir do mercadeo. O galego é un catalán aspiracional. A fascinación de Otero vénlle de Galicia. A nai de Simón leva o apelido Merlín e procede de Castroforte de Baralla, a cidade de Torrente Ballester.


Ás veces a corrente é inversa. Baixeras veu de Tarragona nun vento que deu a volta na Costa Dorada e o depositou en Ribadeo. Aprendeu galego na cátedra informal do investigador Ben Cho Shey en Madrid. No seu piso de Tirso de Molina cursaron primeiro de galeguismo Lino Ventosinos, Juan Soto, Bernardino Graña, Raimundo Patiño, Bautista Álvarez ou Ferrín. A lingua daquela era máis fráxil que aparente.

Os armadores de Ribadeo do século XIX mandaban os fillos adolescentes estudar bacherelato ao Londres de Dickens


Eu non coñecín a Xoaquinía. Xavier Baixeras lembra «a voz de Joaquinia» no seu poemario recente, O bosque sem saída. Os armadores de Ribadeo do século XIX mandaban os fillos adolescentes estudar bacherelato ao Londres de Dickens. Un alumno agasallou ao pai cun reloxo de pé. Cando as agullas do reloxo de Xoaquinía marcaban as cinco en punto, hora do té, a criada Inés quedaba marabillada.
—O reloxo de Xoaquinía é inglés, pero dá as horas en galego! —contaba no posto da froita.


Unha mañá de verán Ben Cho Shey pasea por Carballo cando na Praza de Galicia atopa un bus da empresa Cotelo. Lembra que no desterro en Cáceres, en 1939, vira «arrombado á sombra duns eucaliptos un auto de liña sobre cuio fondo campaba o letreiro Cotelo». Emociónase con tal dimensión que compra un billete ata a fin do traxecto, sexa onde sexa. Acaba en Corme, a trinta quilómetros segundo se sae cara ao Atlántico.
De camiño, rememora o que lle pasara aquela tarde de 1969 na que fora gravar cantigas dos Maios en Marín. Un policía da Secreta achegouse ao seu coche. Amosou a placa:
—Pode explicarme por que soa A internacional no seu automóbil?
—Por favor, señor axente! Que pouco oído! Non é A Internacional, é A Marsellesa!
—Tanto ten! A Marsellesa é un himno republicano.


Cando o autobús chega a Corme, Ben Cho Shey pregunta por alguén que saiba historias locais auténticas e sólidas. Mándano a barbería. Chela, Paca e Manolita, tres das sete fillas de Cousillas, curtan o pelo aos mariñeiros. Entre mentres, o barbeiro titular fai a crónica do mar e canta pezas populares. «A miña nai porque puido/ fixo unha casa na Illa/ para ver os de Neaño/ como pescan a sardiña».