Blog | O Cabaret Voltaire

Xosé Ramón Barreiro, que saíu fumar

A votación na RAG era determinante. Os académicos levaban unhas horas vociferándose, segundo contaban os traseúntes da rúa coruñesa das Tabernas. Cansos de que os seus argumentos quedaran enganchados nunha roda dialéctica decidiron votar. Apareceu o consenso. Houbo 14 votos a favor, 3 en branco e un ausente: "Xosé Ramón Barreiro, que saíra fumar".
Xosé Ramón Barreiro.EP
photo_camera Xosé Ramón Barreiro.EP

O ASUNTO ERA tan importante que xa ninguén sabe de que estamos falando. Non hai un académico nin un xornalista que recorde o motivo daquela discusión. Pode que Barreiro Fernández fose capaz de lembralo coa súa memoria de balea, pero el preferira docificar as pugnas saíndo da Academia para fumar.

Os historiadores teñen unha ollada longa, rebaixan a importancia do día porque eles viven por anos ou séculos. Ven de publicarse en español La barbarie de la ignorancia (Alfabeto), o libro de conversas no que o periodista Antoine Spire fala, sonsaca e irrita a George Steiner. O ensaísta políglota naceu en París. Soubo polos pais austríacos daquela Viena que pasara de ser a capital dun Imperio Austrohúngaro a unha cidade provinciana na que o mais cosmopolita era tomar café amargo dun golpe seco e comer torta de mazá caramelizada con canela. Era unha Viena decadente, pero preñada de Historia. Nela non soamente habitaban as «diez muchachas,/ un hombro donde solloza la muerte/ y un bosque de palomas disecadas» de Lorca. Polos cafés, malvivindo grazas ás tortas de mazá, pasaron Walter Benjamin, Adorno,  Wittgenstein, Ernst Blosch, Lukács, Freud, Hitler, Stalin, Tito e Trotski. O álbum familiar do século XX.

Barreiro Fernández tamén vivía fóra do tempo. Ata o final escribiu os seus libros nunha Olivetti. Era reacio a usar os ordenadores. Non os usaba nin para consultar. Miraba nos libros "porque atopas a cita exacta". Cada mes recibía unha vintena de catálogos de vello na súa casa da Coruña. Queríaos tanto que lles puxo un piso, como se fosen unha paixón senecta que acaba sendo doméstica e parental. A muller sabía que había 24.000 libros fóra do alcance da súa vista nun edificio da rúa Juan Flórez, a maiores dos 6.000 cos que tiña que convivir. El explicáballe que aquela Crónica de la orden de San Benito, de Yepes, pola que pagara 3.000 euros, e aquela copia do século XIX dunha Historia de Galicia de 1640, que lle custara 2.000, eran bens gañanciais, un investimento do matrimonio. Ela facíase a convencida, a cega, a xorda,a muda.

Contoume Barreiro unha vez que se especializara no século XIX xa de estudante porque a Universidade de Santiago recibira o arquivo de Ricardo Blanco Cicerón (1844-1926). Era un avogado e político carlista de Tui tan afeccionado a coleccionar arte e antiguedades que acabou sen un cadelo. O seu cuñado, Simeón García —fundador do Banco Simeón— foi quen cubriu todas as súas vergoñas.

O seu pai explicoullo malia que vivían ambos os dous o século de Hitler: "Es xudeo. Pertences a un club do que un non se dá de baixa. Ao contrario, debe pregoalo"

 
O reino de Blanco Cicerón non era deste mundo. A unidade do seu tempo era a eternidade. George Steiner conta un chiste macabro sobre o Holocausto no libro de conversas: "¿Sabe que fai un xudeu a piques de entrar na cámara de gas de Auschtwitz? Pois colle un caderno e anota os seus últimos comentarios ao Talmud". Cando un sabe que vai ter a vida no Ceo para sentir horror por ser asfixiado por uns nazis non perde o tempo en lamentos. O seu pai explicoullo malia que vivían ambos os dous o século de Hitler: "Es xudeo. Pertences a un club do que un non se dá de baixa. Ao contrario, debe pregoalo".

Despois de subirse a ese globo étnico, George Steiner baixa e recoñece que "houbo outros pobos infinitamente dotados. A Grecia antiga somos nós, a nosa cultura! Roma, Exipto e cantos outros!". Con todo, subliña que a todas esas civilizacións sobrevive "unha presada de xudeos dende hai máis de 5.000 anos".

Os argumentos dese orgullo de ser xudeu desvélaos o propio Steiner cando fala dese salto entre os séculos XIX e XX protagonizado por "Marx, Freud, Einstein, a música de Schönberg, o xenio de Proust". Kakfa aseguraba que "quen golpea a un xudeo tira a humanidade ao chan". 

Eles inventaron a modernidade, a pesar de que non eran decididamente modernos na intimidade. Marcel Proust torturaba animais e contrataba prostitutas para que se rebaixasen ante el con escenas lésbicas. 

Estabamos xa no século XX, pero a muller continuaba sendo percibida como no século XIII, cando Alfonso X santificaba a virxe María nunhas cantigas e denigraba a María Balteira noutras. Daquela unha moza podía ser santa ou esposa, o resto eran prostitutas. A coruñesa tiña propiedades, pero, por motivos que non nos chegaron, elexiu ser soldadeira nas cortes reais do seu tempo. Vivía de cantar e bailar para Alfonso X e Fernando III a cambio dunha soldada.

A certidume que temos sobre A Balteira é que dez xoglares do seu tempo escribiron sobre ela en clave de escarnio, que non era tanto moralizante como burlesca.

María López Villarquide (A Coruña, 1982) vén de dedicarlle unha novela, La juglaresa (Espasa). A obra está cargada de toda a estilización da personaxe que requiren as buscas de compras en Amazon. A certidume que temos sobre A Balteira é que dez xoglares do seu tempo escribiron sobre ela en clave de escarnio, que non era tanto moralizante como burlesca.

A Balteira deixa no seu testamento unhas propiedades ao mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes. Solicita que o seu cadaleito sexa cuberto con tres varas de tea de estanforte e que se lle dea un trato "familiar", o que nos revela que sentía unha fría soedade dende que regresara á casa en Galicia.

Barreiro Fernández recibiu unha homenaxe ecuménica e admirativa dos seus antigos alumnos e dos seus discípulos co gallo do seu pasamento o pasado mércores. Os organismos oficiais reveláronse pouco atentos á desaparación do sabio que escribiu media Historia de Galicia. Queda Ramón Villares cun brillo semellante e, despois, buscarlles sucesor. Núñez Seixas fulget, pero atende máis a unha dimensión internacional; especialmente á historia recente de Alemaña.

Gustaríame saber a opinión de Seixas sobre a afrimación do Joachim Fest de que o nazismo ten a súa orixe nese momento de 1529 en que os turcos cuspen furia e lume sobre as murallas de Viena, aínda que non chegan conquistar a cidade. Dese pánico a ser sometidos polo Imperio Otomano viría o racismo austríaco que se xuntou coa capacidade de organización xermana na figura dun pintor sen talento, Adolf Hitler. O artista buscara triunfar en Viena. Acabou sobrevivindo grazas a unha asociación caritativas xudea, que lle da de comer.

María Balteira vai ás cruzadas —Menéndez Pidal asegura que en 1257— e, ao regreso, renega do poder de excomungala que ten Roma para concederllo unicamente a A Meca

O argumento de Fest coincide co de George Steiner, que afirma que "Hitler é un fenómeno profundamente austríaco. Os alemáns sentírono". Engade que "un dos primeiros programas de depuración de xudeus en Europa é francés". O intelectual cita a Édouard Drumont, un feroz antisemita e periodista que propón en 1902 deportar os xudeos a Madagascar.

O comportamento dos franceses cos seus concidadáns semitas sorprende porque son sensibles á cultura. Uns cabaleiros galos foron a Madrid en 1615 para preparar unha voda real Preguntan por Miguel de Cervantes. Dinlles que é un esmoleiro desdentado e godallo. Sorpréndese de que España non o tivese "moi rico e sostido polo erario público". O escritor suma as súas penas e traballos en cartas ao conde de Lemos: "Sobre estar enfermo, estoy muy sin dinero".

Ás veces acaba un por fiarse máis dos inimigos que dos propios. María Balteira vai ás cruzadas —Menéndez Pidal asegura que en 1257— e, ao regreso, renega do poder de excomungala que ten Roma para concederllo unicamente a A Meca. Non concreta a figura que pode aplicarlle ese ostracismo relixioso porque o culto musulmán ten unha xerarquía menos ríxida que o católico.

Ao remate da súa vida a soldadeira quere confesarse cun cura para evitarse o desagradable calor do Inferno. Busca o perdón a todos os seus pecados por un motivo de idade: "Son vella. Ai, capelán!". Non atopa outro motivo para arrepentirse que o paso do tempo.

Cervantes renuncia mesmo a esa dignidade. Dedica a segunda parte de El Quijote y Los trabajos de Persiles y Segismunda ao Conde de Lemos: "Ya estará Persiles para besarle las manos, y yo los pies, como criado que soy de Vuestra excelencia".