sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Miradoiros da escrita

As vistas fermosas nunca solucionan a escrita
Cunqueiro con fillos
Cunqueiro con fillos

VISTA


HOXE TOCA escribir con vistas, desde Vileimil, na Pontenova. A galería reúne un chisco de temperatura nunha tarde que se tornou desapracible. Por fóra do cristal este norte de primeira primavera parece unha estampa xaponesa de flores brancas e literatura . Asoma unha casa torre do século XVI, de cando os fidalgos da Pontenova facían emprendemento metalúrxico. Reparei en toda a literatura (de cordel) creada sobre as vistas dos estudos dos escritores. Facúltase á paisaxe observada unha especie de maxia simpática que se supón que debe transferir inspiración do marco bucólico aos argumentos e diálogos da obra en curso. "Ah!", dirá o escritor autoenganado, "se eu puidera escribir desde estas vistas, entón si que si!". Vou aforrar a decepción. Pois non. Non pasaría nada, ou nada especial. A maior parte dos grandes libros foron e son paridos en zulos, cociñas, celas, habitacións tenebrosas, antigos faiados reformados, caixóns nos que se amorean aspiradoras, andeis de libros con caixas de xoguetes de nenos, cafeterías ás que se escapa para ter un pouco de paz, como lle pasaba a J.K. Rowling ou porque precisas ruído para escribir, como era o caso de José Hierro. Velaí o prodixio. Velaí porque a literatura reside nos libros, e non nos miradoiros.


OLFACTO


Visitamos a casa de Cunqueiro en Mondoñedo, ese centro de interpretación que é ao mesmo tempo, cafetería. Binomio algo confuso para unha casa dun escritor pero finalmente, resolto con elegancia. Azul e branco como cores corporativas e o fermoso achado de ir abrindo os tabiques para amosar as capas de pintura de séculos e as técnicas construtivas do inmoble. Sobre Cunqueiro: doses de información realista para a escasa superficie dispoñible, audiovisuais ben editados, algo —pouco— de memorabilia cunqueiriá para a fandom. Agardaba cheiro a mazás ou —non sei por que— a chocolate, é unha casa que pide chocolate con churros. O que eu quería ver era o faiado, o acocho da escrita cunqueiriá. Procurei polas fiestras na procura do Bosque da Silva, que tanto excitou a imaxinación do escritor. Vin unhas árbores plantadas, pouco máis que un patio traseiro da vila. Por imaxinar, eu pensárao extenso e espeso, aló nunha aba distante á altura do mosteiro dos Picos, pero o certo é que a fraga da Silva apenas sobresae dos tellados. E non pasa ren, porque onde estaba o bosque, en realidade nunca poderemos chegar: estaba dentro dos ollos de Cunqueiro, que é o lugar onde deben residir as paisaxes literarias, e de onde saen só a vontade do escritor. Apuntamento: que raquítica a mesa na que escribía don Álvaro. A min non me cabería nin a cunca do café. Sumémoslle outro mérito.


OÍDO


As vistas a un escritor só lle valen para mirar. Abondo é. Observar o mar gris, perder a vista no bosque ou nun serpeante camiño, é a primeira técnica de procrastrinación da humanidade. Pero non é escribir. Na Dordoña consérvase a torre na que o ensaísta Michel de Montaigne escribiu partes importantes da súa obra. No primeiro andar mandou facer a capela, comunicada por unha xaneliña coa segunda planta, onde radicaba a cámara do escritor, quen podía escoitar, como Felipe II no Escorial, a misa sen se mover da cama. E no último andar, a biblioteca, onde escribía. Como era habitual nestas torres do XVI, as fiestras eran cativas e os xardíns do predio non habían ser visibles desde a mesa. Pero Montaigne construíra a súa propia paisaxe para cando levantar os ollos. Penduraban numerosos cadros encargados ao seu gusto e os marcos da libraría estaban pintados con citas de autores clásicos. Para descansar a vista, Montaigne prefería perderse en latíns de pan de ouro e nun mundo de imaxes de ficción. O escritor prefería descansar na imaxinación.

Tras uns días de asueto maldicindo das hordas turísticas das que el forma parte, o xornalista volve a casa para parir afirmacións maximalistas tipo «o francés fai», ou «Francia é»


GUSTO


Aproveito os seráns de galería para ler algúns libros pendentes. Un deles, Asombro y desencanto, de Jorge Bustos (Asteroide, 2021), unha crónica dunha viaxe pola Mancha e polo Occidente francés, da que tiro a anterior referencia a Montaigne.  Poucas veces teño visto libros nos que o resumo da miña opinión sobre el sexa o seu propio título. Pásmome coa celebrada acollida do libro nalgúns círculos. Velaí temos un xornalista atrapado pola sombra dos cronistas do 98, a súa España doída e a perigosísima vontade de estilo. Bustos vai en agosto de vacacións a Francia por primeira vez, xa ben maiorciño, e afirma non ter tratado moito a ningún cidadán galo. Pero iso non lle impide nada. Aproveita un cartel de rúa posto en francés e "dialecto bretón" para gabar a capacidade francesa de respectar a diversidade cultural (!!) sen deixar de honrar a República. E tras uns días de asueto maldicindo das hordas turísticas das que el forma parte, o xornalista volve a casa para parir afirmacións maximalistas tipo «o francés fai», ou «Francia é». A Bustos a viaxe a Francia desfíxolle algúns tópicos do seu nacionalismo español. A min a lectura do libro, por desgraza, fortaleceume outros.


TACTO


Levara varios libros -ensaio ou ficción- que teñen en común seren escritos por xornalistas un pouco máis novos ca min e movérense na madrileñidade, ese concepto inevitable. Enfíanse cunha estraña liña discursiva común, engolada e farragosa, que transita por eses diarios, ficcións nostálxicas, crónicas. Como se quixeran escapar do meme e do zasca que nos invade tecleando artificios e facéndolle a pelota ás lectoras. Non sei en que medida esa imaxe responde máis ben ao gusto dos editores, que en tempos de sobreabundancia de escrita son tan culpables coma os escritores.


PINTAR


Á volta da Pontenova parei a mirar o meu propio escritorio. Un cuarto pequeno cunha biblioteca en equilibrio precario, no que os dispositivos tecnolóxicos para contar conviven nos andeis cos libros que me contan. Penduran cartografías antigas do Atlántico, con monstros mariños bufando entre ondas, un falcón voando sobre unha árbore morta e unha lagoa bretemosa no Barbanza, as moedas fundacionais da casa, do tempo de Carlos IV, o botón da casaca inglesa dun guerrilleiro de Tabeirós durante a francesada. E cando levanto os ollos do ordenador bato sempre cunha fotografía de Anna Turbau na que os homes dunha aldea aturan, despistados nos últimos bancos da igrexa, a misa do domingo. O que está en primeiro plano vírase para min inquisitivo: quere saber que pinto eu aí. É unha pregunta pertinente. Sinto que para respondela, debo volver a mirar para a pantalla e escribir sen parar na procura da resposta.

Miradoiros da escrita
Comentarios