El tiempo
martes. 16.08.2022
El tiempo

O Risk da avestruz

"A incerteza xoga un papel e forma parte da motivación do ‘downscrolling’, o desexo de comprender a natureza da ameaza: que probabilidade hai de que se produza, cales poderían ser as consecuencias, quen podería facerlle frente e quen podería axudar". James Tapper en The Guardian (06/03/2022)
mapa
Mapa. EP

NON SEI como traducir downscrolling, pero o seu significado é evidente para calquera persoa do mundo moderno. Refírese a actualizar continuamente as redes sociais cunha compulsión ansiosa. O downscrolling percibiuse nos primeiros días da pandemia, cando moita xente trasladou o nerviosismo da incerteza ao comportamento compulsivo do pulgar sobre o móbil. A información non funcionaba como un bálsamo, senón como un tubo de neón eternamente prendido sobre ti. Teño certa inquina, non sei por que, aos tubos de neón de luz branca: converten unha casa nunha granxa de polos. No Decathlon cóntannos que se esgotaron as lámparas, os fornos portátiles de Camping Gaz e os transistores. Disque ten que ver coa subida do prezo da luz, así que hai que imaxinarse a xente en pisos alumeándose como se se atopara no medio da tundra, entrenando para a economía de supervivencia. Ben é certo que cando se desencadean os grandes acontecementos danse moitos comportamentos imprevisibles. Pero non o é menos que nas tensas esperas previas, nos baleiros que enchemos escroleando no noso móbil á procura de non se sabe que, e se cadra opinando por aburrimento, é onde se desvela moito do que somos. 

"As ideoloxías non son calquera tipo de crenzas socialmente compartidas, como o coñecemento sociocultural ou as actitudes sociais, senón que son máis fundamentais. Elas controlan e organizan outras crenzas socialmente compartidas". Teun Van Dijk. Ideoloxía e análise do discurso (2005).

44. Creo que tiña dezasete anos cando levei unha destas boas leccións da vida. Decidimos montar unha revista no instituto. Promoviamos o proxecto dous rapaces: o único galegofalante dos mil alumnos do centro, que para máis mérito era reintegracionista, e máis eu. Antes de comezar xa tivemos a mítica confrontación co director, xa que o instituto asumía os custes de impresión e non quedaba outra que negociar. O director non quería que se publicaran textos en galego lusista, algo que era inevitable para o proxecto xa que o outro redactor non pensaba escribir doutro xeito. Eu rompinme os cornos discutindo co director para garantir a coexistencia de normativas. Os meus argumentos non eran filolóxicos, senón que tiñan que ver coa liberdade de pensamento e expresión. Consideraba que no asunto da normativa o que había, para comezar, era unha cuestión de conciencia. Mentres os lectores puideran entender o que se escribía alí, ninguén tiña moito máis que dicir dunha elección tan persoal. Enfronteime moito ao director e outros profes por este tema: non entendían a miña obstinación.

Uns meses despois, o rapaz lusista montou outra revista cuns colegas seus. A revista estaría toda escrita en portugués. Penso que, sobre todo por non quedar mal, convidoume a colaborar. Díxenlle que escribiría na normativa da RAG e negouse airado, sen a mínima posibilidade de réplica. Fiquei impactado: en realidade non compartiamos os valores básicos sobre a tolerancia e a liberdade de expresión nos que nos guiaramos no enfrontamento co director. El só se valera deles —e máis de min— para beneficiarse. Creo que foi o meu primeiro contacto cunha das sombras máis ominosas da nosa sociedade. Penseino nestes días, ao lembrarmos todas as manifestacións contra a guerra de Irak ás que acudimos ou moitas outras protestas que hoxe se poden montar, apenas en horas tras algún acontecemento grave; recordeino con auténtica desazón ao sentir o silencio tan burdo, tan cruel e vergoñento que inza as rúas galegas e españolas nestes días de borralleira nos que as bombas aterran na poboación civil. E pensei que, no fondo, na nosa cultura política os valores están ao servizo da ideoloxía e non ao revés. Que perigoso iso. Canto camiño nos queda por percorrer.

Toda crise e acontecemento mediático ten a capacidade de revelar algo descoñecido sobre os teus veciños

"As leis que determinan o comportamento do mundo a gran escala e as que rexen o seu comportamento a pequena escala parecen moi diferentes. O feito de que parezan ser tan diferentes e de que se cadra teñamos algo que ver con esta aparente discrepancia ten que ver coa mente humana". Roger Penrose. Lo grande, lo pequeño y la mente humana. Cambridge University Press, 1999.

45. No tempo das redes sociais e do ansioso downscrolling, toda crise e acontecemento mediático ten a capacidade de revelar algo descoñecido sobre os teus veciños. Certo é que a maior parte destas novas certezas preferirías non sabelas. O máis estraño para min foi o súbito interese pola xeoestratexia en xente que polo xeral non se preocupa de cuestións que van máis alá da parroquia; o noso contorno electrónico encheuse agora de comentaristas de partida de ‘Risk’ que observan o enfrontamento entre nacións coa distancia dos deuses, tal e como acontecía nas barberías galegas en 1914 entre xermanófilos e aliadófilos. Aínda que a esquerda moderna nace cunha descomunal macroteoría sobre a historia, a economía e o poder, que é a de Marx, sempre destacou en non esquecer o particular: as vidas particulares dos que sofren, dos oprimidos, dos febles. E velaí estiveron boa parte dos seus logros e vitorias no campo cultural e dos dereitos humanos.

Pola contra, agora as vítimas son suxeitos incómodos. É mellor non mirar moito para elas, porque explicarlles desde aquí que os responsables de que teñan que fuxir da casa co posto se atoparían xusto no lado contrario do que veñen as bombas é unha pirueta demasiado desvergoñada, como aquelas respostas de María Antonieta á fame dos pobres ou eses curas que deixaban caer nos funerais das vítimas de atentados que no fondo estas eran as culpables. Todos sabemos que o mundo non é tanto unha feira de vaidades como de intereses, e que nas guerras entran en xogo todas as fichas do taboleiro: as limpas e as suxas. Pero a empatía debera ser un deses valores que están antes de todo. Ata as avestruces sacan a cabeza do furado de cando en vez.

O Risk da avestruz
Comentarios