jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Pastores de camiños

O verán é un convite para mirar o que non se advirte ou le durante todo o ano. Levamos un ano e pico aprendendo a mirar con máis detemento o que nos rodea, por mor do confinamento. Se cadra sexa o momento de pasar de mirar a coidar.
táboa 3

TACTO
ZAS. COLLO por aquí cando subo aos chans. Zas. E logo non volviches por alá? Zum. Tras. Os vellos contaban que o camiño levaba ata unhas minas. Sabíanche moito os vellos. Rac. Zas. Arrecarallo. Zaf. Liches o último libro de Anselmo? Escribe ben, a cousa é como non hai máis coma el. Rocroc! Alí estaba unha capela. Ás veces penso que mellor os toxos, non? Cando menos. Rac! Zas! O peor é que eu xa lle dixen: do que ti vives é do que estes fixeron. Que hai que ter un pouco de non, sei, de ética ou de moral, ou como lle chamen. Pero esa xente morreu, tiveron que marchar aló ao exilio para que ti andes aquí a andar polo si ou polo non, non? Que tiñan unha idea, pero esta xente que ten. Zum! Colle ti o outro fouciño!


OÍDO
Elixio Vieites é un pastor de camiños. De todos os camiños. Aló por onde vai, leva un fouciño e vai cortando fentos, toxos, xestas, mantendo aberto un guieiro polo medio de sendas que no seu tempo estiveron ben coidadas e limpas. Eses camiños antes levaban ás leiras, ás bouzas, devesas, as terras de labor. Pero para Elixio non levan ás fincas, senón a un territorio tamén tanxible, pero distinto: a mámoas, castros, petróglifos, capelas arruinadas, ou simplemente paisaxes. A teima de Elixio está neses camiños, en evitar que se pechen. E podería facer como moita xente, que só lle preocupa o camiño, o castro, a mámoa da súa casa, e non se decata de que todas as mámoas son nosas, todos os castros, camiños e bosques son nosos, e que esa magnífica fortaleza do local que nos defendeu agora está a ser tamén un problema, porque nos impide entender as novas escalas do poder e das decisións.


VISTA
O verán —se é que tal cousa existe, que iso está por ver— é o tempo no que os camiños se pechan. Van aprendendo a facelo ao longo de todo ano, centímetro a centímetro, aproveitando que morren os últimos camiñantes, e que a terra perde a memoria das pegadas. E ao chegar a primavera, a terra alenta e devora o antigo rastro humano. Segue aí, con todo. A través do procesado intensivo dos datos LiDAR, revélase a traza dos antigos camiños, especialmente de aqueles que van polo alto dos montes. Está a terra rabuñada por miles de anos de camiños. Son invisibles pero en realidade deixan sucos que se perciben por centos de metros. Como se foran os dedos dun oleiro que rabuñan e decoran o barro antes da cocedura. Pero o laser LiDAR non é a escala humana, por moito que fagamos trucos visuais que nos sorprenden amosando as cicatrices que os homes deixan na terra.

Adoptar un vieiro ou unha congostra, un carreiriño, unha corredoira, sería un convite para andar o territorio e gozalo dun xeito novo


OLFACTO
Non sería un mal proxecto, estender a teima de Elixio, convertela nunha afección familiar. Que cada familia adoptara un camiño orfo, que xa non leva a ningures, e que o mantivera porque mentres se manteñan os camiños será máis complicado que a maquinaria pesada arrase co territorio de xeito impune. Moita xente pode pensar que o ancestral do país é a muiñeira, pero o importante son os camiños: eles testemuñan a pertenza dun territorio, a apropiación da natureza pola cultura e a súa síntese. E, sobre todo, teñen poderosos resortes legais que a gaita non ten, son activos moi valiosos en pleitos e contendas. Adoptar un vieiro ou unha congostra, un carreiriño, unha corredoira, sería un convite para andar o territorio e gozalo dun xeito novo, pero tamén para protexelo non só como un recurso estético, senón como un almacén de dereitos —ou sexa, de liberdades— conseguido durante séculos de camiñadas.


GUSTO
No camiño condénsase o universo simbólico da cultura galega. As súas encrucilladas exercen como interfaz entre este mundo e o outro. Os muros dan conta das diferentes tradicións construtivas rexionais, pero tamén das condicións do substrato xeolóxico. No xeito no que o camiño se adapta á orografía observamos a sabiduría ancestral de conseguir a mellor ecuación entre esforzo, rapidez, mantemento. No camiño se aparecen os defuntos e a compaña, Pepa a Loba pide cartos e se deposita, nas rodeiras, a memoria dos vehículos desaparecidos. Neles medra unha flora especial, un pouco parásita destes ires e vires, que sabe convivir co tránsito. E o camiño obríganos a percorrelo: ninguén para nun camiño máis que para descansar. Se non andamos nel, o camiño non existe. Gustaríame que excitaramos o noso localismo coidando camiños, compartíndoos nunha plataforma, ensinándoos a outros pastores de camiños.


ACOUGAR
Neste verán tentarei andar os camiños que nos deixen. Chego, como sempre, ao final do camiño, canso e con gañas de parar. Non tiven nin tempo en pensar en cales serán os meus libros deste verán. Hoxe trouxen da libraría Couceiro o contundente Un mar sin límites: una historia humana de los océanos (Crítica, 2021), do profesor da Historia do Mediterráneo na Universidade de Cambridge David Abulafia. Son 1.392 páxinas dun universo de comerciantes, no que os conquistadores e exploradores occidentais teñen un papel relativo. Un libro que nos ensina a ver alén de nós mesmos. Se cadra porque o mar tamén ten camiños, e estes son invisibles pero reais. Coma os vellos camiños galegos, cando fican cubertos de vexetación.

Pastores de camiños