martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A vida como espectáculo

Poucas biografías fascinan tanto como a da excesiva, vital e transgresora Bela Otero, un dos lumes da Belle Époque. Pero detrás da historia de escándalos, albíscanse indicios de que a vida que coñecemos era outra parte máis do traxe que vestía para saír aos escenarios.
A Bela Otero
A Bela Otero

Na rede localizo dúas fotos do Arquivo Hulston, datadas ao redor de 1950. Carolina Otero, emigrante de Valga condecorada coa Lexión de Honor francesa, posa relaxada cuns 80 anos moi ben conservados e elegantes, lonxe desa imaxe de decrepitude e abandono na que tanto se insiste ao contar as súas décadas de vellez en Niza. As fotos son excepcionais, porque podemos ver o interior da modesta habitación da pensión na que reside. O xornalista chairego Ramón Chao cóntanos que esa Carolina Otero crepuscular era retraída, inaccesible e moi celosa da súa intimidade. Pero nestas dúas fotos a muller amósase relaxada e sorrinte. Poderán as fotos estar vinculadas á campaña de promoción do filme La Belle Otéro, protagonizado por María Félix en 1954? 

Exploramos como voyeurs as fotos que se ven nas paredes e sobre un moble. Carolina parece descolgar unha para amosarlla ao fotógrafo. Nesa selección de imaxes temos a ollada máis directa, se cadra a única ollada sen intermediarios, ao mundo interior de Carolina Otero. O que observamos é agardable, pero non deixa de sorprender. Non recoñecemos ningunha das fotos porque non son as que se repiten nos centos de libros, reportaxes e webs  dos seus biógrafos e cronistas. Aínda que se distinguen algúns retratos dela, non proceden das incontables tarxetas postais coa súa figura que encheron media Europa. Facíallas o gran retratista da Belle Époque, Leopold-Émile Reutingler. Nesa parede humilde da súa vellez, Carolina emprega a memoria selectiva, como facemos todos, para contarse a si mesma o seu pasado.

Nestas fotos non está o cabaré Folies Bergère —onde prosperou a súa sona parisina—, nin vai vestida de bailaora ou toureiro andaluz —a identidade falsa empregada para destacar na competitiva noite de París—, nin deslumbra chea de brillantes e xoias —o seu xeito de amosar o mundo a escala dos seus amantes—.  Carolina Otero lémbra como unha actriz de teatro dramático, vestida con mesura, en diálogo con galáns —non se aprecian máis mulleres—, en escenarios de interior burgués. Coñecemos esa historia: a muller de orixes humildes e escuros que tenta dignificarse saltando da provocación hormonal á máis seria interpretación dramática. Cumprir o itinerario dickensiano, vaia. Algunhas fotos son máis intrigantes: aparece o anfiteatro romano de Arlés, un canciño, dous retratos de homes con uniforme de gala que non consigo identificar, pero que non parecen os seus amantes de máis sona, e unha misteriosa habitación sen xente e mobles sen especial atractivo. Esta última foto repítese en dúas paredes do cuarto. Será unha estancia da mansión que adquiriu no suburbio parisino de Andrésy? Ou da Vila Carolina da Costa Azul na que se retirou?

...rodean fascinados o papel dun corpo provocador no centro do espírito da Belle Époque, o periodo dourado do liderazgo mundial francés na política e na arte; a Bela Otero coma o símbolo dun París libertino e galante...


Un corpo no centro da Belle Époque
Se só coñeceramos á Bela Otero por estas fotos vellas penduradas das paredes empapeladas da pensión, poderiamos pensar que foi unha de tantas actrices con mala fortuna. Pero o fascinante desta personaxe é que nós sabemos, ou cremos saber, outra historia. De feito, os seus biógrafos case nunca lles pareceu interesar esa Bela Otero pegada en fotos da parede do hotel Novelty. Máis ben rodean fascinados o papel dun corpo provocador no centro do espírito da Belle Époque, o periodo dourado do liderazgo mundial francés na política e na arte; a Bela Otero coma o símbolo dun París libertino e galante, e o seu arco narrativo confortable: a traxedia dunha nena pobre e sen pai, violada durante a súa miserenta infancia galega, as súas aventuras ata a apoteose corporal, a vida disipada e sen control, a autodestrución ludópata e a súa consecuencia, a morte no esquecemento, na soedade e na pobreza. No fondo, unha parábola moral conservadora que deixa a cadaquén no sitio no que a sociedade di que ten que estar.

Durante moito tempo pensei que Carolina Otero era unha desas figuras do país  á que lles aumentamos os méritos. Unha noite en Niza comprobei o trabucado que estaba. Fun cear ao hotel Negresco. Ao entrarmos, había unha enorme lámpada de araña e unha mesa aos pés. «Aquí bailou espida unha vez La Belle Otéro», dixéronnos. Pasamos ao restaurante e descubrín que se chamaba Le Chantecler.  Alí entendín todo. Comecei a descubrir que aquela sona de Carolina Otero non só era real, senón que na nosa escala galega se cadra non eramos moi conscientes de todo o que significaba en Francia e en Europa. Dito como boutade: Carolina Otero foi sen dúbida a galega que estivo máis próxima ás figuras decisivas do poder occidental desde os tempos do emperador Teodosio. E fíxoo desde unha actitude de ‘material girl’, como a ten moi ben descrito Helena González, nunha curiosa comparación con Madonna. Unha muller que se decata do papel que xoga o corpo, o desexo e o sexo nesa Europa de entreséculos. Unha muller obxecto que usa ese obxecto de carne no seu beneficio, e o comercializa por todas as vías posibles. E co seu corpo chega ao centro do mundo.

A biografía como ficción colectiva
O problema é que a figura de Carolina Otero hai ben de tempo que deixou de ser real para se converter nun produto de ficción. Atráeme esa borrosidade. Síntome máis seguro escribindo sobre unha personaxe do século XIII da que se conserven tres ou catro liñas que sobre a ‘cordeirana’, como lle berraron unha vez desde a platea dun teatro de Bos Aires en alusión á súa parroquia natal, para o seu espanto. Unha característica de moito do escrito sobre a Bela Otero é a ausencia de referencias documentadas nas numerosas afirmacións sobre as súas aventuras sexuais, os agasallos dos amantes ou do despilfarro nos casinos, aínda que neste último caso cando menos algunhas’ biógrafas deron recollido algunhas testemuñas orais sobre o desastre vital da ‘cocotte ludópata. Carolina Otero é como unha novela colectiva que se redacta a través de díxome-díxomes.

A clave é que Carolina Otero tivo olfacto comercial para ver as posibilidades do cinema e explotalas sen intermediarios.

Indicios alén da personaxe
Cando consigo verificar datos pola miña conta, a personaxe comeza a mudar e se aproximarse algo a esas fotografías escollidas pola bailarina. Por exemplo, a súa fascinante incursión na cinematografía. Miguel Anxo Rodríguez reparou en que xa fora filmada xa en 1895 para o kinetoscopio de Edison (a metraxe está perdida). Pero Carolina Otero participou tamén nun curioso episodio que se ten considerado a primeira censura cinematográfica da Historia, do que dá conta o operador de cámara dos Lumière Felix Mesguich. A galega contratou ao operador para a súa xira rusa. Mentres filmaban o seu famoso Valse Brisante nun cabaré de San Petesburgo, un oficial da armada imperial sumouse á gravación con algún —bastante— champagne de máis. A posterior proxección do filme provocou a indignación das autoridades militares e a expulsión inmediata de Rusia de Mesguich, non sen antes censurar boa parte da película. Hoxe aínda se pode ver no Youtube, cos primeiros momentos estelares da irrupción do oficial en escena. A clave é que Carolina Otero tivo olfacto comercial para ver as posibilidades do cinema e explotalas sen intermediarios. O seu corpo era a súa imaxe e o seu negocio: era ben consciente en darlle unha narrativa, unha identidade, un futuro. 

Unha das poucas pasaxes íntimas nas que se nos desvela outra Carolina Otero está nas memorias da escritora Colette, que entrou no círculo íntimo da cantante. Na súa elegantísima casa de Andrésy, que aínda existe, Otero acollía a Colette e cantaban pola noite, acompañados dalgúns amigos de idade. A francesa descríbenos con detalle unha escena ben íntima: a cea doméstica, que era unha entrega á suculencia e ao pracer gastronómico, cousa que Colette adoraba. Otero prefería un abundante cocido, cheo de chourizos, verdura, garavanzos, longaniza, ao convencional estilo francés. Sen medo a gardar de máis no corpo, Carolina Otero enchía catro ou cinco veces o prato co condumio e tras unha breve sobremesa, a cantante reclamaba outra vez atención para a música no salón, en seráns discretos e íntimos. Non sería o único que facía, pero eses gustos son pouco distantes dunha vida tan de excesos. A París, segundo Marga do Val, levou tamén ao seu irmán Adolfo, a estudar pintura. Este namorouse de Adosinda, a criada de Carolina, e volveu para traballar como pintor para o balneario de Cabreiroá.

E unha última pasaxe que a min máis me intriga. Fronte a esa lista de amantes aristócratas que provoca tanto pracer enumerar, o certo é que a relación que máis lle durou foi co primeiro ministro francés Aristide Briand, unha figura decisiva da Europa de entreguerras. Progresista, pacifista, fundador da Sociedade de Nacións e visionario da Unión Europa. Dez anos de encontros sexuais e aventuras de corredor dan para moito. Foron confidentes, e pola súa cama pasaron as guerras do século, as crises financeiras, a espionaxe. Que lles facía sentir tan cómodos aos dous? Se cadra aí estea unha das grandes historias detrás desta muller.

Non existe unha Carolina Otero oculta e deturpada, porque en gran medida esa imaxe disipada debémoslla a ela mesma: era parte do seu negocio e fabricouna a conciencia no estilo de vida, nas autobiografías, nos filmes. Unha biografía escandalosa como atrezzo de número de cabaré, que nos segue a enredar na conciencia. Pero iso non quere dicir que Carolina Otero non levase outra vida: a circunstancia rutineira na que se sucederon moitas décadas do seu retiro en Niza, sen supoñerlle máis trauma aparente que a perda dese diñeiro co que non naceu. Mágoa do seu silencio.

A vida como espectáculo