Miércoles. 12.12.2018 |
El tiempo
Miércoles. 12.12.2018
El tiempo

As tres ou catro vidas de Stefan Zweig

É o autor que non desgusta a ninguén. Ameno, pero tamén moi nutritivo. Capaz de retratar a historia de hai un par de séculos como se acabase de suceder. Profundamente humanista, de estilo cabal, rico; pero non pomposo. Zweig leva cen anos de actualidade.

Stegfan Zweig.EP
Stegfan Zweig.EP

DICÍA O GRAN crítico literario inglés, Cyril Connolly, que o libro que segue a ser lido unha década despois de publicado é unha excepción. Noutras palabras, os libros case nunca teñen unha vida máis longa que os coellos de monte, os esquíos ou os raposos.

Isto ben a conto de Zweig porque Zweig é precisamente esa excepción. As súas obras merecen, como poucas, a definición de clásicos do noso tempo. Este autor austríaco cuxo apelido todos tendemos a pronunciar á inglesa, en vez de á alemá, como sería o correcto, xa era lido e coñecido nos anos 20 do pasado século, pero tamén foi moi lido na década dos corenta. En España, as súas obras eran visíbeis nas bibliotecas familiares nos anos 50 e 60. Reverdeceron grazas a novas edicións nos 90 e, xa neste novo milenio, resultan aínda máis visíbeis se cabe. As novas xeracións chegan a Zweig coma se se tratase dunha novidade.

A gran escapada
A peripecia vital de Zweig é coñecida. Naceu en Viena, nunha familia acomodada, e tivo tempo de vivir baixo un imperio caracterizado aínda pola orde e a previsión. Iso e uns estudos bastante completos de humanidades déronlle a perspectiva necesaria para comprender mellor que outros as convulsións do século XX. Ao fío da I Guerra Mundial, declarouse pacifista e europeísta; o que entraba en contradición con todo o que se estaba vivindo. Despois, coa chegada de Hitler ao poder, marchou vivir a Londres e temeroso polo que vía —a posibilidade de que os alemáns ocupasen Inglaterra— recalou finalmente en Brasil, acompañado da súa muller. Nese país, e coa maioría de Europa ocupada xa pola Wehrmacht, decidiu quitarse a vida en 1942, aos 61 anos, e nunha cidade, Petrópolis, cuxo propio nome parece un invento cinematográfico.

Deixaba tras de si unha impoñente obra literaria, caracterizada tanto pola súa visión profunda das persoas e da sociedade como pola súa fluidez e equilibrio narrativo. Quizais, no tempo confuso de hoxe, apreciamos a Zweig por esa capacidade para non enganarse nin enganar os demais.

Un divulgador nato
A pesar de que era poeta, dramaturgo e novelista, talvez o que máis estimamos de Zweig son as súas biografías —sería longo sequera enumeralas— e as súas crónicas de época que sorprendentemente destilan actualidade. Zweig era curioso, rigoroso e ameno. Posuía coñecementos enciclopédicos, pero sabía expoñelos sen pedantería e de forma natural.

En Momentos estelares da humanidade, libro que leva por subtítulo Catorce miniaturas históricas, consegue converter nun bestseller a súa visión, de amplísimo percorrido, que vai desde Ciceron e Bizancio, até Lenin e a conquista do Polo Sur. Zweig soubo encontrar a chave da prosa: accesíbel na forma e profunda no contido. En O mundo de onte. Memorias dun europeo, só se equivoca ao vaticinar que, co fin da represión sexual, as prostitutas —que naquel momento inundaban as rúas— acabarían por desaparecer.

Sen deixar de serlle fiel aos feitos, Zweig mostra sempre a súa mirada inspirada de escritor. É o que sucede cun dos seus libros máis celebrados, Fouché.

Fouché foi xefe de policía de Francia, tanto con gobernos revolucionarios, como con gobernos que representaban todo o contrario. O seu mérito radicaba na súa grande intelixencia e na súa capacidade para tecer unha amplísima rede de confidentes, ben pagos. Nada pasaba no daquela país máis desenvolvido do mundo —xunto con Inglaterra— sen que Fouché ou soubese de seguida. Cambiaban os gobernos e mesmo o tipo de réxime, pero Fouché seguía manexando os fíos principais.

Por suposto, a visión de Zweig é moi crítica co personaxe, nas súas primeiras edicións o libro subtitulouse O xenio tenebroso, pero non obstante a súa prosa imantada acaba por facérnolo interesante e incluso atractivo. Algunha prensa entretívose recentemente en mostrar páxinas dun exemplar desta obra subliñadas polo dirixente de Podemos, Pablo Iglesias. En certa medida, o que fai Fouché é poñer en práctica as teses de Maquiavelo, de acordo co seu propio estilo e co tempo no que vivía.

Sensibilidade de cronista entre o ben e o mal
Zweig humaniza sempre as súas criaturas, sexan reais ou de ficción, nunca se conforma cunha visión unilateral. Non parece crer na maldade humana, a pesar da época na que lle tocou vivir; aínda que tampouco na bondade natural. De ter que escoller entre Hobbes e Rousseau, os patrocinadores de ambas ideas, Zweig quizais quedaría co perfil de cronista sensíbel, pero non posicionado en ningún dos dous extremos. A súa é unha visión máis completa, que vai para alá da filosofía, e enlaza a historia coa psicoloxía e a socioloxía, o que lle proporciona o seu carácter moderno. Todo o conxunto logra finalmente elevarse grazas ao dominio que ten o autor das técnicas literarias.

Sen unha boa e completa biografía de Stefan Zweig a man, é difícil saber de onde sacou tanto tempo e curiosidade para abastecer todos os libros que publicou: as súas biografías sobre María Antonieta, Balzac ou Montaigne, por exemplo, os seus ensaios e libros de viaxes sobre Rusia e Brasil —país ao que foi un dos primeiros en vaticinarlle un gran futuro— ou as súas novelas de case cincocentas páxinas, como A impaciencia do corazón.

É coma se todo o que o rodeaba, desde os grandes estados, aos mellores intelectuais, pasando pola vida da rúa ou as ligazóns amorosas, tivese que ser peneirado polo seu ollo. Coma se xuntase a capacidade para comprender toda a Historia que se estudaba na época, desde o mundo grego á revolución francesa, coa anotación detallista e coa arte de ofrecer as pinceladas máis ilustrativas para definir cada momento e cada personaxe.

Onde outros cronistas e outros escritores, no seu momento máis recoñecidos, agora resultan áridos ou pasados de moda, Zweig emerxe fresco e preparado para dialogar co noso presente.

Ernesto Chao no papel de Zweig
A influencia de Zweig chegou a moitos lugares, entre eles ao teatro. O dramaturgo Antonio Tabares escribiu o drama Unha hora na vida de Stefan Zweig, referido aos derradeiros momentos da vida do escritor. A compañía de teatro Lagarta Lagarta foi a encargada de presentar a montaxe en galego, co recentemente finado Ernesto Chao no papel de Zweig. A sona que lograra Chao, coa súa parvicie cómica na serie da TVG Pratos combinados, tivo así un final e xusto contrapunto. Aos que presenciamos a obra, resúltanos desde aquela difícil separar os rostros do de Ribadavia e do austríaco.

Tres títulos en galego
En galego contamos xa con tres traducións de Zweig. A primeira foi Novela de xadrez e máis recentemente Momentos estelares da humanidade e A impaciencia do corazón. Moi poucos autores estranxeiros contan con tres obras vertidas á nosa lingua, o que dá a medida da acollida que segue a ter o autor. Novela de xadrez, a máis curta, foi traducida incluso en dúas ocasións, a primeira pola editorial Ir Indo e a segunda por Irmáns Cartoné. Momentos estelares da humanidade viu a luz hai pouco da man de Kalandraka e A impaciencia do corazón é unha novidade de Hugin e Munin. Coas tres —novela corta, novela longa e pequenos textos divulgativos de notábel interese—, podemos facernos unha idea bastante aproximada do conxunto da súa obra.

 

As tres ou catro vidas de Stefan Zweig
Comentarios