Blog | Nube tóxica

Ai, Dolores

En clase de inglés xogabas a encher ocos de texto en cancións. Á volta de Nadal, Helen sacou un cedé do bolso. 'No Need to Argue'

O videoclip da túa adolescencia. EP
photo_camera O videoclip da túa adolescencia. EP

DÉCADA DOS noventa naceu prematura, na noite aquela de novembro na que se veu abaixo o telón de aceiro e o inimigo global comezou a vestir palestinas nas películas de Hollywood e nos noticiarios. Foi un tempo de quero e non podo. Por veces, semellaba que as subalternas tiñades algo que dicir. Un día picaban Balas blancas de Barricada e Matador de Fabulosos Cadillacs nos 40 Principales e, e súpeto, o Corazón partío de Alejandro Sanz e a estratexia de terra queimada: por que o chaman latino cando queren dicir Miami?

En clase de inglés xogabas a encher ocos de texto en cancións. Así aprenderas o Like a Prayer de Madonna e o Love Me Do dos Beatles. Helen tiña uns ollos azul cobalto como ti nunca viras e o pelo negrísimo. Foi ela quen primeiro che dixo que agochabas unha gata por espírito animal e che falou dos Black Irish, eses fillos de Eire de cabelos e pel escuros que se supoñen descendentes dos súbditos da coroa de Castela naufragados coa Armada Invencible e que puideron refuxiarse en Irlanda. Helen era de Dublín e guapísima. Con estilazo e botas militares. Ollabas para ela entre a admiración e as calores propias da idade.

Un día, Helen sacou un cedé do bolso. Era á volta de Nadal. Un agasallo da súa irmá. No Need to Argue, The Cranberries. Aquel serán traballastes con Zombie. "It’s the same old theme since nineteen sixteen". "O mesmo conto desde 1916". O Alzamento de Pascua. A loita pola independencia de Irlanda. A ocupación. O Exército Republicano. A Tabarnia anticipada que foi e que aínda é o Ulster. A canción non o dicía exactamente así, pero devagar, mentres Helen che esfarelaba cada frase, ías entendendo na gorxa de Dolores O’Riordan que a xenreira é unha forma de beleza tan válida como a que máis. Zombie xa era algo de teu antes de veres por primeira vez o videoclip da MTV e de maldicir, ofendidísima, nas discotecas de Malgrat de Mar na excursión de terceiro de BUP o milleiro de veces que se escoitou a versión makinera infame de Ororo.

Fomos afortunadas porque a cultura pop dos noventa nos deu a Dolores e un bo feixe de mulleres cabreadas e/ou con actitude. Pensa en Kathleen Hannah e as Bikini Kill. En Mercedes Peón. Na axente especial Dana Scully. En Buffy e Willow. As Veruca Salt. Shirley Manson á fronte de Garbage. Silvia Superstar, coas Killer Barbies. Anabel Conde e o seu desesperado Vuelve conmigo en Eurovisión. As Spice Girls e o akelarre feminista de Mozas e bruxas.

Aquel curso con Helen puxeches a bata de entomóloga e diseccionaches moitos dos cortes de No Need to Argue. Ode to my Family. Dreams. Tiñas tan estudado cada xiro vocal de Dolores O’Riordan que o día en que escoitaches por primeira vez o Pies descalzos dunha Shakira adolescente e morena soubeches que ela era tamén fan de The Cranberries.

Os noventa remataron coa irrupción de Gran Hermano. Liches cousas de xente que admiras, como Kiko Amat, inzadas de veleno contra The Cranberries. Aínda con todo, tanto nun karaoke como se estiveses apercibida de expulsión da academia de Operación triunfo, procurarías remedar a carraxe de Dolores O’Riordan.

Este luns, Paco Nieto escribiume. Quere que elixa as seis cancións da miña vida para o programa Jukebox de Openradio.es. Viñéronme á cachola Zombie e os ollos cobalto de Helen . Á tardiña souben que Dolores O’Riordan viña de finar en Londres e morreu tamén a miña adolescencia.

Comentarios