Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Orfandade no Barroco

A escultura de Soledad Penalta sempre amosa o seu interese e posibilidades expresivas fronte ao espectador. Desta vez engádeselle un novo elemento co que dialogar, como é o interior da compostelana Igrexa da Compañía, xorde así un feliz contraste de formas.
Soledad Penalta

A IGREXA da Compañía, a carón da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, converteuse nos últimos tempos nun singular espazo expositivo no que, en función da exposición que alí se desenvolve, téntase máis ou menos disimular o seu poderosísimo Barroco. E non un Barroco calquera, senón ese Barroco de placas tan típico da arte compostelana e que ten neste templo un marabilloso exemplo, con toda unha serie de retábulos abraiantes na súa talla e composición. De aí que non sempre sexa sinxelo propoñer a mostra dun traballo no seu interior, xa que a competencia é máis que evidente.

Tanto a obra de Soledad Penalta como o propio traballo do comisariado a cargo de Juan Monterroso non evitan esa confrontación, propoñendo, o que quizais sexa máis intelixente, como é o enfrontar varias pezas á propia enerxía das obras barrocas do templo. Así toda unha serie de pequenas pezas ubícanse ao longo das naves laterais chantadas nos retábulos alí colocados. O dourado desas madeiras é, daquela, o pano de fondo desas pezas en aceiro, un contraste que as veces nos confunden pero que outras amosan o poder da escultura para rebelarse ante a súa contorna, para facerse cun espazo de seu reclamando todas as súas posibilidades expresivas. Nas formas propostas por Soledad Penalta, nesta mostra que leva por título Palabras orfas, exprésase o material cunha linguaxe propia, a desas formas que se solapan unhas con outras a través de diferentes planos. Tamén dende uns baleiros que pelexan coa materia para xerar, dende a abstracción ou a figuración, con especial predominio da primeira, unha conceptualidade da pegada humana. Xa que, ao fin e ao cabo, o que se agocha sempre tras estas pezas é unha reflexión sobre a nosa identidade e todos aqueles elementos da nosa sensorialidade ou intimidade que nos conforman xa non só como colectivo, senón tamén como seres individuais. Nesta reflexión a escultora noiesa tamén propón unha achega inesperada como é a que outorga a palabra que, tanto polo seu significado como pola súa propia fisicidade e inserción na superficie da peza, incrementará valores e posibilidades en cada un dos seus traballos.

 Fillas dun tempo concreto e da man de artistas que, ao fin e ao cabo, responden ao mesmo, a provocar a emoción do espectador

As 17 obras, de diferentes tamaños en aceiro inoxidable e aceiro corten, tamén teñen na súa proposta no só esa introspección interior senón que reflicten a tensión permanente entre o ser e o colectivo. Pezas que suman diferentes elementos que xogan a amosar ese senso grupal, esa reunión de individuos que, xuntos, xeran outra dimensión, mesmo outra mirada cara unha realidade que aquí se traduce nunha escultura. As palabras, cun enorme coidado á hora de amosar a súa caligrafía, crean todo un itinerario expresivo de ocos, de sombras que proxectan toda unha serie de significacións, que van máis alá do puramente textual, xa que as palabras se enguedellan coa propia forma que as suxeita. Sobre formas cilíndricas ou noutras máis orgánicas as palabras sementan na materia todo o seu itinerario de accións arredor das nosas inquedanzas, desexos, medos ou mesmo esperanzas, isto é, arredor de todo aquilo que fai do ser humano alguén en contacto cun ecosistema non sempre cómodo para el.

O mesmo, sobre esa comodidade, podemos pensar das pezas de Soledad Penalta neste templo barroco, e como as súas formas tentan tamén amosar a súa afouteza ante a monumentalidade dun Barroco que, desta vez, acolle máis que expulsa a unha escultura que non é do seu tempo, pero que si serve para, coa nosa complicidade, entender unha progresión de centos de anos nas súas posibilidades, nas súas formas de representación. Fillas dun tempo concreto e da man de artistas que, ao fin e ao cabo, responden ao mesmo, a provocar a emoción do espectador, a xerar nel toda unha serie de reaccións coas que poder entendérmonos e sentírmonos parte dun proceso social do que somos parte esencial. De sentírmonos menos orfos.

Comentarios