O millonario dono de Topshop, acusado de abuso sexual e ataques racistas a traballadores

Philip Green nega as acusacións dun parlamentario británico

Philip Green
photo_camera Philip Green

Un parlamentario da Cámara dos Lores británica revelou que o empresario Philip Green, dono do xigante téxtil Topshop, é o home ao que apuntan acusacións de supostos abusos sexuais e ataques racistas contra traballadores.

O diario The Daily Telegraph publicou unha investigación sobre presuntos casos de abusos que implicaban a un "relevante home de negocios" sen identificar, dado que un xuíz prohibira a difusión da súa identidade.

Ao amparo dos privilexios que outorga a lexislación británica aos parlamentarios en cuestións relacionadas coa liberdade de expresión, o laborista Peter Hain considerou o seu "deber" revelar o nome do acusado, que negou pola súa banda as acusacións.

Hain describiu o caso como o dun "poderoso empresario que está a utilizar acordos de confidencialidade e substanciais pagos para ocultar a verdade sobre graves e repetidos episodios de acoso sexual, abusos racistas e intimidacións".

"Sinto que é o meu deber, baixo privilexio parlamentario, nomear a Philip Green como o individuo en cuestión, dado que os medios de comunicación están suxeitos a unha orde xudicial que evita a publicación dos detalles desta historia, que é claramente de interese público", afirmou o membro dos Lores.

A pesar de que o maxistrado non levantou a prohibición de difundir a identidade do empresario, os medios británicos divulgaron amplamente as palabras do parlamentario laborista.

Green é o presidente de Arcadia Group, grupo que comprende marcas como Topshop, Topman, Wallis, Evans, Miss Selfridge e Dorothy Perkins.

Nun comunicado, o empresario negou "categórica e completamente" calquera acusación relacionada con comportamentos racistas ou abusos sexuais.

"Arcadia e eu tomamos as acusacións e queixas dos empregados moi en serio e, no caso de que se produzan, investíganse exhaustivamente", asegurou Green.

O grupo "emprega a máis de 20.000 persoas e, como é habitual en moitas grandes empresas, ás veces recibe queixas formais por parte de empregados. Nalgúns casos, (esas queixas) resólvense co acordo de todas as partes e os seus asesores legais", indica o comunicado.

Comentarios