Multitudinaria manifestación en Vigo para denunciar os problemas da área sanitaria

A marcha contou coa presenza do alcalde de Vigo, o secretario xeral do PSdeG e o portavoz de En Marea

Cabeza de la manifestación convocada por la junta del personal del Chuvi, en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Cabeza da manifestación convocada pola xunta de persoal do Chuvi, en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)

Unhas 2.000 persoas manifestáronse este xoves polas rúas do centro de Vigo, nunha marcha convocada pola xunta de persoal da área sanitaria, para denunciar os problemas de colapso de Urxencias, saturación da Atención Primaria e as avultadas listas de espera, e para esixir unha sanidade "cento por cento pública" e de calidade.

Na marcha, que partiu pasadas as 20.00 horas do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, participaron, entre outros, o alcalde da cidade, Abel Caballero, e varios dos concelleiros da Corporación; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; e o portavoz de En Marea, Luís Villares, entre outros cargos políticos.

Tras unha pancarta na que podía lerse Pola Sanidade pública, os manifestantes corearon consignas como Camas pechadas, negocio para a privada, Álvaro Cunqueiro, hospital chapuceiro ou Menos directores e máis traballadores.

Ao final da marcha, unha portavoz leu o manifesto, no que os convocantes pediron "rescatar" a sanidade pública, dotándoa dos medios e dos profesionais necesarios, tanto en hospitais como en Atención Primaria.

"DETERIORO" DA SANIDADE. Así, esixiron a construción de novos centros de saúde para paliar a "grave" situación actual e a "deterioración" do servizo; tamén reclaman medidas para reducir as "intolerables" listas de espera, ou o "colapso" nas Urxencias.

Segundo proclamaron, estes problemas só poden ter solución se se recupera a xestión "cento por cento pública" do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que, "por suposto", debe haber un aparcadoiro "público e gratuíto".

A xunta de persoal lamentou o empeoramento do servizo sanitario polos "drásticos recortes" do PP, e denunciou que "os únicos beneficiarios da política sanitaria da Xunta foron "as empresas privadas, que incrementaron un 42 por cento a concertación co Sergas". 

Comentarios