Os cimentos da Galicia que vén

O debate deixa medio centenar de medidas, entre elas algunhas leis, sobre as que a Xunta edificará a súa estratexia política e económica

Debate sobre o Estado da Autonomía. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Debate sobre o Estado da Autonomía. LAVANDEIRA JR. (EFE)

1 Fiscalidade
Galicia manterá as bonificacións fiscais vixentes e aplicará novas rebaixas nos impostos cedidos, que se concretarán nos orzamentos. Unha será para a compra de inmobles usados destinados a vivenda habitual.

2 Orzamentos
O Consello aproba este mércores o teito de gasto de 2019, paso obrigado para dispor de orzamentos.

3 Pobreza
Plan de atención a persoas sen fogar e mellora das axudas da Risga en dúas liñas: que se poida percibir máis dunha renda social por fogar e que poida compatibilizarse cun salario.

4 Dependencia
O obxectivo de atender a 60.000 dependentes adiántase de 2020 a 2018 e incrementarase desde o ano que vén a axuda para coidadores e asistentes persoais entre un 10% e un 15%. Tamén se reforzan o Bono Autonomía en Residencia e a axuda a domicilio, ademais de apontoar o compromiso de construír unha residencia de maiores por cidade.

5 Sanidade
Estratexia Galega de Cronicidade, novo plan de hospitalización a domicilio e lei de ordenación farmacéutica. Presentarase o novo hospital da Coruña e construiranse 17 centros de saúde.

6 Demografía
Primeira lei de impulso demográfico de Europa; fomento do retorno de emigrantes con oficinas de asesoramento e bolsas; ampliación do Bono Coidado a ludotecas; campaña de concienciación en empresas para que adopten horarios que permitan conciliar; e traslado do plan de corresponsabilidade da Xunta ao ámbito municipal.

7 Funcionarios
Cobrarán o 100% do salario durante as incapacidades temporais e estenderase o modelo da carreira profesional do Sergas a outros 16.500 empregados públicos da Administración xeral.

8 Innovación
Programa de Talento 2021 para 1.500 mozos con gran potencial; parque industrial no polo aeronáutico de Rozas; e novo complemento retributivo para aqueles docentes que transfiran coñecemento á sociedade.

9 Emprego
Programa Segunda Oportunidade para que novos que non estudan nin traballan adquiran competencias básicas. Máis diálogo social.

10 Empresa
Regularanse as Iniciativas Empresariais Prioritarias para que o seu tempo de tramitación se reduza á metade e seguirase apostando polo sector agroalimentario.

11 Mar
Campaña de consumo de peixe e marisco entre os mozos, dixitalización das lonxas e Plan Estratéxico do Conxelado.

12 Campo
Lei de fomento da mobilización da terra produtiva.

13 Transporte
Segunda fase do plan de transporte co novo mapa de rutas e extensión da gratuidade do bus urbano para menores de 19 anos a todo o rural. Tamén se apostará pola intermodalidade.

14 Medio Ambiente
Rebaixa do 10% do canon de Sogama aos concellos máis comprometidos coa redución de residuos e que teña reflexo no recibo dos cidadáns. E na auga, primar a quen consuma menos, declarar o abastecemento de Vigo de interese estatal e asinar un gran pacto coa Fegamp. Tamén haberá unha estratexia galega para plásticos.

15 Vivenda
Extensión do Plan Rexurbe e priorización da rehabilitación sobre a nova construción.

16 Educación
Bacharelato de excelencia en cinco institutos máis, avanzar no Campus FP de Vigo e o seu centro FP Hub, habilitar 14 novos graos universitarios ata 2020 e axudas á expecialización.

17 Cultura
Anuncio dunha Estratexia da Cultura Galega e a creación dun Legado Artístico de Galicia. E en materia lingüística, habilitar a obtención do Celga vía internet e promoción do galego entre a mocidade nos festivais.

18 Igualdade
Máis oficinas de atención e unha quenda de oficio de psicólogos para vítimas de violencia de xénero; apoio a menores de 25 anos vítimas desta secuela e programas da educación en igualdade e contra as agresións sexuais.

19 Xacobeo
Plan estrela da Xunta para 2021 para o que espera a achega da oposición a través dun grupo de traballo específico e da sociedade a través da plataforma O teu Xacobeo. Presentación do Plan de Turismo Rural e do Plan Enogastronómico.

20 Política
Petición de convocatoria da Conferencia de Presidentes para abordar o financiamento, retomar o debate da reforma do Senado e remisión ao Parlamento do Plan Estratéxico 2021-2026.

Comentarios