Evaristo Calvo: ''Soy pez-gato, de muchas vidas. Muriendo por la boca de vez en cuando si hablo de más''

Evaristo Calvo (A Coruña, 1961) é un dos rostros omnipresentes da escena galega. A súa faceta máis coñecida é a de actor, cunha prolífica carreira en televisión, cine e teatro, onde xa deixou pegada percorrendo o país co "comando de comedia contemporánea" Mofa e Befa, ao carón de Víctor Mosqueira, o seu compañeiro e amigo, máis na realidade ca na pequena pantalla. Como xuíz e furtivo en Mareas Vivas, a relación non podía ser tan boa). O mellor actor de teatro nos María Casares de 2011 cóntanos que come... e que non.


Pregunta: Cal é a súa comida preferida e a que menos lle gusta?
Resposta: Pois non teño, si teño unha que é a que menos me gusta, que son as tripas de cordeiro. Xa pensando só nelas...

P: Cal é a súa bebida preferida?
R: É o viño en todas as súas variedades, pero a que nunca aturarei é o Red Bull.

P: Ten un postre favorito?
R: Moitos, calquera dos que leven queixo. O queixo con marmelo encántame.

P: Prepáralle alguén ese queixo con marmelo ou é de produción propia?
R: O marmelo por exemplo podo facelo eu, pero o queixo teno que facer alguén que teña unhas vacas e que teña un leite con bastante gordura, un queixo de Arzúa ou Ulloa calquera seria suficiente.

P: Que tal se desenvolve na cociña e que prato se lle dá mellor?
R: Dánseme ben moitos pratos. Desde os 13 anos que me metín nela xa non saín. O que máis me gusta son os guisos de peixe. Tamén os arroces con aire oriental.

P: Ten ou coñece algún segredo para cociñar?
R: Eu é difícil que poida dicilo, creo que segredo segredo, só pode dicilo xente coma Ferrán Adriá.

P: Herdou algún truco dos seus ascendentes?
R: Pois si, un deles é que a cebola rustida con manteiga en lugar de aceite abranda un pouco antes e é ideal para botar por riba dunha ensalada de queixo.

P: É de comida de dous pratos e postre ou de tapeo?
R: Son de comer de todos os xeitos. Incluso de bocadillos, hai algún que se está ben feito e tamén con agarimo.

P: Cal sería o menú perfecto?
R: Sería unha lamprea como prato único. Se quedase con fame comería algo máis, coma un queixo con marmelo, do que che falaba antes.

P: É innovador ou clásico?
R: Eu son clásico, porque para ser innovador hai que ser antes clásico, e eu aínda non cheguei á segunda fase. Fago experimentos e experiencias, pero innovador non. Como me gusta tanto comer, gústanme as dúas vertentes, desde o punto de vista do comensal, sempre que se faga ben, porque ás veces os experimentos saen mal.

P: Emprega internet para consultar receitas ou tira de teléfono e familiares?
R: Internet non o uso máis que para tempos de cocción ideais en cousas que experimento por primeira vez. Pero tendo a coller máis do que me ensinaron miña nai e as miñas avoas e de calquera outra persoa, pero con variacións persoais.

P: Carne ou peixe?
R: Peixe

P: Cociña asiática, mediterránea, italiana ou galega?
R: Quédome coa italiana porque creo que non hai nada que non me guste.

P: Entre os seus alimentos preferidos hai un que sexa imprescindible para momentos de tensión?
R: Din que é boísima a leituga. Eu ás veces apetéceme comer só leituga, paréceme unha auténtica marabilla vexetal.

P: Algún prato recén descuberto que lle resultase unha sorpresa agradable?
R: Cando probei un bacallau con leite de coco e foi unha sorpresa boísima, nunca pensara unha mestura tal.

P: E unha sorpresa desagradable?
R: Pasa varias veces creo que a todos, cando pedimos unha ración de polbo dun sitio e traen un prato de polbo quentado no microondas e furado polo medio... É o peor.

P: Que prato lle gustaría probar que só coñeza por referencias?
R: O caviar, nunca o probei, teño unha curiosidade tremenda.

P: E un lugar?
R: Pois o bulli, pero non conto, non soño con tal cousa.

P: Un lugar xeográfico onde se poida dicir: "Aquí cómese ben!"?
R: En Lugo sempre se di que se come moi ben, pero eu diría en xeral á beira do Miño, en Arbo ou nas Neves por exemplo, precisamente onde se ten tanta lamprea.

P: Garda fidelidade aos mesmos cociñeiros ou proba establecementos novos?
R: Teño tendencia a repetir os lugares que me gusten e é raro que cambie, a non ser que me chufen un sitio e mo metan na cabeza.

P: Nun restaurante pide o que sabe que lle gusta aínda que o faga na casa ou pide o que sabe que non cociña?
R: Procuro comer cousas que non cociño na casa, porque iso xa o faría eu.

P: Que ou quen está para comelo?
R: Está meu fillo, que ten catro meses e está auténticamente para comelo. Unha rapariga pois terei que cortarme, teño compromiso, non me vaia pasar coma ao alcalde de Valladolid, dicir estas cousas para que saian por internet...

P: Quen está apra trabalo nunha perna?
R: De primeiras, trabaría na perna aos que van "a toda hostia" pola cidade, trabaría especificamente a perna do acelerador.

P: Somos o que comemos?
R: Si. Somos comida, e a comida é a maior fonte de placer, non só material, se non intelectual e espiritual tamén.

P: Que lle suxire "Pola boca morre o peixe"?
R: Como eu tamén pesco algo, pois sei de que vai o dito, pero póñome como exemplo a min, cando digo o que non debo. Son peixe-gato, de moitas vidas. Morrendo pola boca de cando en vez se falo de máis.

Comentarios