A Policía detén a un veciño de Santiago por un delito de estafa

Conseguía de forma fraudulenta e a través do engano información persoal como contrasinais ou detalles dunha tarxeta de crédito

Axentes da Policía Nacional detiveron a un veciño de Santiago de Compostela, de 27 anos, por un suposto delito de estafa polo método fishing (ir de pesca en inglés), informou este venres nun comunicado a Comisaría da capital galega.

O fishing é un método de estafa mediante a utilización de técnicas de enxeñería social, consistente en adquirir, de forma fraudulenta e a través do engano, información persoal, como contrasinais ou detalles dunha tarxeta de crédito.

Os feitos deste caso remóntanse ao mes de marzo deste ano cando a un home e a unha muller naturais de Castelló lles estafaron máis de 7.500 euros.

O individuo suposto autor destes feitos, e que ten antecedentes por delitos similares, foi detido este xoves. Tras prestar declaración en dependencias policiais quedou en liberdade á espera de xuízo.

Comentarios