miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

O corpo diplomático da maternidade

Ricardo foi o rapaz máis obstinado do barrio. Vivía dúas casas máis alá. A familia marchou a Madrid, que era onde se cocía o éxito con callo. Estudou Historias –dicíao en plural– e opositou a diplomático. Aprobou o primeiro exame. Cando ía polas Cuatro Calles, en Ribadeo, todos o felicitaban. El contestaba en francés ou en inglés porque xa se vía embaixador.
Berta Dávila. EP
Berta Dávila. EP

O MEU AMIGO era tenaz. Memorizou os artigos da Convención de Viena e aprendeu o uso de cada cuberto para comer nas recepcións oficiais. No primeiro verán deixouse ver por Ribadeo. A nai contábao orgullosa na froitería. No segundo verán non apareceu e xa deixamos de velo. A nai contaba que casara cunha grega que sufría unha nostalxia irredutible, propia de Penélope. Tempo despois soubose que o noso conde de Gondomar suspendera o segundo exame e que a súa vida naufragara nunha illa deserta. Acabou sendo parlamentario en Madrid, acaroado a Esperanza Aguirre e revolcado na mesma sorte. Ricardo era o máis disciplinado dos cativos do barrio, pero quod natura non dat, Salamtia non praestat.

Eu non fun pai ata que fun pai. Estiven nove meses recibindo parabéns por un suceso futurible que ben podería sufrir un asalto polo itinerario. Ao cabo, Sara naceu cunha cadeira rota e algunhas ameazas mortais que non se concretaron. Pero todo o mundo me aseguraba que eu sería pai como a froiteira de Ribadeo felicitaba a Ricardo cando o cruzaba na rúa, aínda que a imaxe que ela tiña dun diplomático era máis James Bond en Licencia para matar. Eu trataba a Federico, que estudara Filosofía e exercía de secretario na embaixada de Trípoli. Nunca deixou de veranear na casa de indianos que a familia tiña na rúa de San Roque.

Ser pai para min representou unha expectativa ata o día en que unha enfemeira me pouxou un bebé rosáceo e morado nos brazos, e me preguntou polo meu nome e o carnet de identidade coma se me entregase un paquete de Amazon. Confiei que a manta rosa que abrigaba á miña filla traería cosido un decálogo de uso, con indicación sobre a qué temperatura lavala ou o xeito de pranchar aquela pel engurrada que recendía a herba despois de chover. A sociedade organiza carreiras para pintar un cadro e promove cursiños para fritir un cachopo, pero no dá a lección máis básica sobre o xeito no que tes que comportarte cos fillos, sobre cando debes levalos a urxencias ou qué debes facer se choran por ser excluíodos dunha festa con globos. A única vantaxe cando naceu Antón é que aterousara catro anos de experiencia no meu curriculum vitae. A vida xa me garantira que non deixaría de respirar en calquera momento da madrugada.

Estiven lendo Os seres queridos (Xerais) de Berta Dávila. Trata, contado en bruto, da decisión dunha muller de non ter un segundo fillo. Por unha banda, teño libro favorito para este ano; pola outra, quixen falar con ela, pero deume reparo. Nunha entrevista tes que cuestionar ao entrevistado para revelar os seus acertos e contradicións. Non me atrevía a facelo con Berta porque a miña experiencia na maternidade é nula. Ser home e pai é coma estar nunha esquina da cociña esperando que algúen mire para ti mentres hai unha corrente fluída de palabras e afectos entre Sara e Antón, e a súa nai. Lendo a novela de Berta Dávila descubrín que a maternidade non é unha esfera pechada, feliz e exenta de interrogacións. En Os seres queridos fala das fotos de cando o fillo era un bebé –"Sosteño o bebé pola cintura. Procuro mantelo erguido, pero tamén separado do meu corpo"– e das fotos actuais co seu cativo –"Aparecemos frecuentemente collidos da man"–.

Coñezo escasamente a vida de Berta Dávila e, con honestidade, carezo de interese en indagar nela. Eu atopo coincidencias de nomes, lugares e aconteceres

Para elaborar unha entrevista non necesitas un cuestionario, senón concretar a primeira pregunta. Desde que a formulas soamente tes que escoitar ao entrevistado. A miña pregunta foi:
—Entre a primeira versión e a segunda lograches superar o medo a contar esta historia tan dura?
—Non era medo a contala. Tiña a vontade de contar esta historia desde esta narradora. Quería facelo doutra maneira que se correspondía coa intención e non co desexo que eu tiña. Planifico moito os libros, despois recupero as notas, e ordeno e reescribo todo. Rematei esa versión por disciplina, sabendo que non funcionaba, e pasei a outra etapa, con sensación de loito por un libro fallido. Xa abandonara outros; pero con este tiña a idea de que quería facelo, doutra maneira. 

A personaxe da novela tivera un fillo con Miguel e quedou embarazada estando con Carlos como parella. Coñezo escasamente a vida de Berta Dávila e, con honestidade, carezo de interese en indagar nela. Eu atopo coincidencias de nomes, lugares e aconteceres. Díme:
—Confío en que os lectores saiban trascender esa identificación. A novela recolle unha maneira de sentir os vínculos e os afectos.

A autora conta no seu texto que escribira unha primeira versión, titulada As flores trímeras e trataba "sobre as tres idades" humanas. "Era máis amable para o lector e para min". Nesta segunda versión, Os seres queridos hai tamén tres mulleres: a avoa María coma nai carente de capacidade para optar a respecto de ser nai, a protagonista como individualidade e a protagonista como persoa que decide non ser nai novamente.
—Hai unha liña clara entre a muller e a nai. Mellor, entre individuo e nai. A idea era falar dese cambio identitario, non da natalidade ou da conciliación, senón do estrano de ser diferente a que entra nun construto social de nai e deixar de ser individuo. Debe recoñecerse con ese construto. Despois de parir, eu non estaba interesada en que outras nais me falasen da alimentación dos nenos, nin dos obxectos de puericultura, nin dos cursos de natación para bebés, senón de como perdoaran aos seus fillos por descompoñer a muller que xa non eran.

A protagonista compárase coa avoa María, que tivo varios fillos con naturalidade e resignación porque non puido reflexionar sobre se a súa vontade se correspondía coa maternidade

A novela atende aos sentimentos e ás decisións que vai tomando a protagonista. A avoa, os pais e as parellas semellan transeúntes que contemplan o seu drama.
—Ela sente a escisión como desaparición. Ese cambio faille preguntarse polas relacións de dependencia a respecto da avoa, e dos pais, que son figurantes. As parellas, Miguel e Carlos, están a un lado. Ela cuestiónase quen é a avoa, quen é esa muller? Decátase cando desaparece.

A protagonista compárase coa avoa María, que tivo varios fillos con naturalidade e resignación porque non puido reflexionar sobre se a súa vontade se correspondía coa maternidade. Esa mesma naturalidade aplícaa tras a desgraza dunha filla. "Co paso do tempo a súa tristeza tornou cada vez máis profunda e cada vez máis calada. É así como a miña avoa entende que debe dignificar o seu pesar".

Ao tempo, a narradora cala diante da avoa que está embarazada porque se compara con ela e teme o seu reproche.
—Eu non podo falar sobre o que sente a avoa. A avoa non fala, a personaxe é quen conta a avoa. Os outros personaxes eran máis importantes na primeira versión da novela.

Berta Dávila parece agora máis estable a respecto da maternidade, pero non sabe se o tema vai ter continuidade nas súas novelas. 
—Para min este libro é un fin de ciclo. Apetéceme escribir sobre outras cousas. O tema da estivo aí e parecía que nunca chegaba. Non sabía como enfocalo. Hai temas que estám no debate social, polo que, ao tratalos, corres o risco de ser un discurso xa construído. En temas tan marcados todo está condicionado por iso, é difícil levalos.

A maternidade foi unha santidade incuestionable ata que as nais empezaron a romper esas augas hai uns anos para rachar co tabú.
—É un asunto moi presente no discurso. Escribir sobre cuestións que se falan moito é máis difícil. Corres o risco de facer algo fóra da literatura,de convertelo en algo cívico. Se escribes sobre algo que toca unha temática fóra do ámbito literario corres o risco de te contaxie como escritora. Quero tratar eses temas non como escritora, senón como cidadá; non nunha novela, senón nun artigo. Son consciente de que esta novela vai ser dirixida ao social,pero interésame escribir sobre este conflito de ser individuo e nai ao meu xeito. A lectura é soberana.

O corpo diplomático da maternidade
Comentarios