A cólera de Aquiles
A PRIMEIRA palabra da literatura occidental é menin, acusativo de menis, a cólera de Aquiles que a Deusa terá que cantar e describir durante os seguintes miles de versos da Ilíada. Todo comeza, polo tanto, coa ira, cun enfado que ten moito de irracional. O meu ano comezou con ira a causa da gripe e con Homero grazas a Homero y su Ilíada de Robin Lane Fox, toda unha obra mestra da crítica literaria e histórica que chegou a finais de 2024 ás nosas librarías.
Robin Lane Fox non é precisamente un descoñecido no terreo da historia, seus son tres libros que merecen estar en calquera biblioteca: El mundo clásico, sobre toda a Antigüidade grecorromana; Alejandro, a mellor biografía nunca escrita sobre Alexandre Magno; e a esgotada A versión non autorizada, unha análise histórica e arqueolóxica sobre a realidade da Biblia. En todos eles hai unha escintilante mestura de rigor histórico, capacidade de divulgación e prosa ensaística de primeiro nivel. Son trazos que tamén atopamos neste volume sobre Homero.
O primeiro que ten que ser calquera historiador da literatura ou crítico é un lector atento e Lane Fox éo, abofé. Como tantos outros estudantes ingleses das public schools —véxase o caso do exprimeiro ministro Boris Johnson, a quen pode verse en redes sociais recitar centos de versos da Ilíada—, Fox formouse con Homero no seu orixinal grego e é un lector fondo do aedo, polo que o seu libro transmite en primeiro lugar o sedimento de ducias de lecturas homéricas levadas a cabo durante décadas. Para apreciar de todo este efecto, convén que as lectoras de Fox o sexan tamén de Homero, por suposto.
Á marxe disto, para escribir unha monografía deste tipo precísase toda unha vida de manexo de bibliografía e coñecemento duns feitos que non só teñen que ver con Grecia e Asia Menor. En realidade, de Homero e as súas obras sabemos pouco e precisamos deducir moito para formular hipóteses que sexan razoábeis —algo a valorar especialmente nestes tempos nos que tantas persoas prenden con facilidade nas silvas da conspiración—.
A primeira parte desta obra está dedicada precisamente a estas deducións. En primeiro lugar preséntanse as que teñen base arqueolóxica ou documental na Antigüidade, relacionadas coa procedencia de Homero ou a época precisa na que se desenvolveron tanto a vida do poeta coma o seu relato. En segundo —menos coñecido fóra da crítica literaria e, en verdade, apaixonante— as pescudas sobre a forma de composición da Ilíada e a recuperación da tradición oral coa súa correspondente transcrición. Estas investigacións leváronas a cabo intrépidos exploradores estadounidenses nos Balcáns ou Asia Central e demostraron que non era preciso saber escribir nin ter fondos estudos para compoñer enormes cantos dunha grande emotividade para o auditorio.
A segunda parte do libro é un exercicio de crítica literaria que coloca a Fox nun posto senlleiro entre os homeristas actuais. Cunha selección escollida de cantos da Ilíada —e a exclusión de partes interpoladas, caso do meu odiado Catálogo das naves—, analiza Fox tanto as paixóns desatadas da obra, cunha explicación do seu significado no contexto no que se produciron, en especial o relixioso pola forte presenza dos deuses, coma o seu traslado para unha sociedade como a nosa, tan distinta, na que o estudo dos clásicos gregos está en decadencia, pero na que, para uns poucos polo menos, tanto a ‘Ilíada’ como a súa irmá, a Odisea —que, semella, terá versión cinematográfica en pouco tempo da man de Christopher Nolan—seguen a estar vivas e a ser faro de comportamento.
