Opinión

A feira como vai nela

Chegados a este punto matino que calquera persoa cun mínimo interese nos asuntos literarios sabe que un dos grandes libros do 2020 é o primeiro volume da autobiografía de Barack Obama, Una tierra prometida, éxito editorial asegurado como demostra o feito da súa saída simultánea nos principais mercados literarios, en España da man da editorial Debate. 

O autor, presidente dos Estados Unidos entre 2004 e 2012, tampouco precisa presentación como personaxe público, aínda que si como escritor. Obama xa tivo un pequeno éxito denantes de chegar á presidencia, en 1995, con Soños do meu pai, no que relataba parte da súa vida familiar, marcada pola mestizaxe (un pai keniano, unha nai branca estadounidense, unha infancia en Indonesia, unha mocidade en Hawai, unha vida adulta entre Harvard e Chicago). Dado o nivel intelectual dos presidentes dos Estados Unidos dende hai algunhas décadas (culminado con Trump), Obama ocupa un lugar moi diferente e polo tanto as súas memorias deben valorarse de xeito distinto ás de, por exemplo, o mítico Gerry Ford, de quen se dicía que non era quen de andar e mascar chicle ao tempo.

Máis que con escritos presidenciais, o libro do primeiro presidente afroamericano debe compararse con algunhas das obras mestras de certos altos empregados da Casa Branca, caso das memorias de Henry Kissinger ou o inigualábel Present at the Creation de Dean Acheson, secretario de Estado de Truman despois da Segunda Guerra Mundial.

Para comezar, é un libro escrito con conciencia de historiador. Obviamente ofrece unha visión de parte (xa dicía Tucídides que a obxectividade na historia era en realidade imposíbel ou, nun refrán máis noso, que cada un conta a feira como lle vai nela) pero o autor tenta case que sempre expoñer os argumentos a favor e en contra das súas decisións, o que ademais contribúe a que o lector perciba as enormes dificultades que trae de seu ostentar a presidencia dunha superpotencia.

Os retratos doutros gobernantes e funcionarios de diverso grado son tamén diversos. Apréciase unha conciencia de equipo, de fidelidade a quen traballou con el, que ás veces branquexa personaxes sinistros coma Rahm Emmanuel, agora no foco dos medios estadounidenses por ter agochado durante un ano un caso moi grave de violencia policial cando era alcalde de Chicago. Cando o retratado é un gobernante estranxeiro é evidente a condescendencia en non poucas ocasións, transformada en ironía ferinte con persoeiros coma Nicolas Sarkozy.

Non é precisamente frecuente que os gobernantes, menos aqueles que posúen un aura case que mítica coma Obama, expoñan esas feblezas.

O pulso narrativo mantense coa mestura destes elementos coa descrición da vida persoal dos Obama e o recoñecemento de que Michelle non estaba nada convencida da aventura que estaba a iniciar o seu home, o que mesmo chegou a poñer en perigo o matrimonio. Non é precisamente frecuente que os gobernantes, menos aqueles que posúen un aura case que mítica coma Obama, expoñan esas feblezas.

Ben estaría que esa mesma capacidade reflexiva se aplicase a outros acontecementos máis importantes dende o punto de vista ético ou político. Péchase o volume coa organización e execución do operativo que levou ao asasinato de Osama bin Laden. Con independencia do que calquera poda opinar de semellante asasino confeso, non sobraba unha reflexión do presidente sobre a conveniencia ou legalidade de que o seu exército mate a un cidadán estranxeiro nun terceiro país cando quizais tiña a posibilidade de detelo e xulgalo, consonte á gobernanza internacional que tanto defende noutras páxinas.

Malia estas pequenas tachas os lectores de todo o mundo van agradecer o segundo volume, que supoñemos se publicará nun par de anos para dar tempo a esgotar a vida editorial deste e que vai facer aínda máis grande a mitoloxía que rodea a un persoeiro de carisma innegábel como Barack Obama.