jueves. 24.06.2021 |
El tiempo
jueves. 24.06.2021
El tiempo

Medo e desastres

SUPOÑO QUE así, de primeiras, a maior parte de vostedes non saben onde estaban na noite do 22 de maio de 1997. Durmindo, matino.
Terremoto de San Francisco. 1906
Terremoto de San Francisco. 1906

Eu, coma os demais veciños da miña vila, Becerreá, durmía tamén ata que me espertou un terremoto. Un par de minutos despois deste produciuse un segundo que é o máis forte nunca rexistrado no interior na Galiza —si os houbo lixeiramente máis fortes na costa, en Ferrol e Pontevedra—. Estrado no chan eu só sentía a casa moverse en círculos namentres un aturuxo arrepiante saía das entrañas da terra. Pasado un cuarto de século non volvín sentir un medo así e dubido que ocorra de novo.

Esta experiencia persoal tivo o efecto intelectual de facer que me interesase en todo aquel libro que estudase as catástrofes naturais: terremotos, tsunamis, volcáns, inundacións… Se están ben escritos teñen unha boa dose de épica do ser humano, interese científico e un toque de reflexión filosófica: con todo o que avanzamos como especie nos últimos séculos, aínda non podemos evitar sentírmonos cativos cando a natureza desata a súa forza cega.

Un destes libros ben escritos e divulgativos é Desastres. Cómo las grandes catástrofes moldean nuestra historia, da escritora e científica estadounidense Lucy Jones, que publica en español Capitán Swing. Poucas persoas máis axeitadas para tratar o asunto que a autora, unha das encargadas de estudar a posibilidade e os hipotéticos efectos dun acontecemento do que se fala dende o nacemento da sismoloxía a principios do século XX: un terremoto de efectos arrepiantes ao longo da falla de San Andrés que esnaquiza a megaurbe de Los Angeles.

A pesares de tratar un tema que dá para descricións apocalípticas, Jones mantén sempre unha actitude aséptica no seu repaso histórico. Estrañan algunhas ausencias, en particular a do famoso ano sen verán provocado polo estoupido do Tambora e a do Krakatoa, e sobra quizais o capítulo dedicado ás inundacións na cidade de Sacramento, aceno ao público estadounidense ao que en principio ía dirixido o libro.

Precísase sempre unha actitude aberta, de respecto á ciencia e á enxeñaría, e unha asunción, cada día máis complexa

Polo demais, atopamos efectivamente os principais acontecementos naturais desastrosos que deron forma á nosa historia. Pompeia fixo nacer a arqueoloxía moderna; o terremoto de Lisboa, ademais de tirar coas torres da catedral de Lugo, espertou as reflexións volterianas e abriu grazas ao Marqués de Pombal a porta ás grandes actuacións públicas de socorro; o terremoto do Grande Kanto en 1923 lanzou a sismoloxía xaponesa; a grande inundación do Mississippi en 1927 foi o limiar da Grande Depresión.

A lectura dos efectos de todos estes acontecementos pode impresionar, pero no fondo quedamos coa sensación de que «iso agora non ocorrería». Eran as décadas ou os séculos pasados, non tiñamos tecnoloxía nin grandes axencias gobernamentais que poden mobilizar recursos a unha velocidade asombrosa. Por iso resultan especialmente importantes os capítulos dedicados a Nova Orleans, Banda Aceh e Fukushima, que demostran que non hai previsión humana que poda aturar os poderes desatados da natureza.

Chegados á actualidade, Jones non deixa que a desesperanza tome o seu libro. En canto aos terremotos, atopámonos nunha complexísima carreira para desenvolver a predición -como demostra o ocorrido en L’Aquila e Tangshan-. Polo demais, precísase sempre unha actitude aberta, de respecto á ciencia e á enxeñaría, e unha asunción, cada día máis complexa a niveis políticos —o libro escribiuse en pleno trumpismo—, de que no caso de sucesos coma estes non hai liberalismo nin mercado que funcionen: só o esforzo coordinado e colectivo pode evitar que as grandes traxedias sexan aínda peores, custen máis vidas e empeoren as condicións de supervivencia de moitas persoas.

Medo e desastres
Comentarios