Opinión

O rei das listas

tren

O FINAL de cada ano e o comezo do seguinte proliferan as listas de todo tipo, tamén de libros por suposto. Algunhas, como a dos libros escollidos polo suplemento literario do New York Times, son excelentes para prognosticar como vai ser a temporada de primavera e verán en Europa; outras, simplemente, expresan a opinión de críticos, lectores ou persoeiros.

Dentro das listas confeccionadas por persoeiros algunhas acadan a condición de virais e, polo tanto, unha enorme difusión. É o caso da que adoita facer Bill Gates, fundador dunha das empresas tecnolóxicas máis importantes do mundo. Hai un anos apareceu diante de min nunha rede social e, por unha vez, parei nela polo suxestivo do primeiro título, Energía y civilización. Era a obra dun profesor checo, Vaclav Smil, emigrado primeiro a Estados Unidos e despois a Canadá –onde se instalou definitivamente a comezos dos anos 60– despois da infame Primavera de Praga, a invasión soviética de Checoslovaquia en 1968. E despois duns anos aparece traducida ao español na editorial Arpa.

Denantes de entrar no excepcional fondo do libro temos que facer unha precisión sobre a edición: é un traballo en proceso. O orixinal de Smil en inglés é un libro cheo de fotografías, táboas e –sobre todo– cadros de texto, polo que a maquetación é todo un desafío. A primeira edición española, sobre todo a partir da páxina trescentas, contiña erros impropios dun libro ben elaborado e segue nas librarías. Por fortuna para os lectores seguintes, as boas vendas impulsaron xa unha segunda edición con distinto formato e menos erros. Non viría mal que para as seguintes, se as hai, se corrixise tamén o mal costume de aclarar entre paréntese moitos termos orixinais en inglés, algo que nada aporta a unha tradución moi correcta polo demais.

O seu obxectivo dende o principio é medir as cantidades de enerxía consumidas e producidas polos seres humanos e, a partir dese dato, analizar as transformacións que levamos a cabo no noso contorno

Que o libro de Smil apareza de xeito destacado non só na lista dun famoso como Gates se non noutras moitas é algo non só comprensíbel senón bo para a difusión da ciencia en España. Estamos perante un ensaio seminal, que mestura con acerto cuestións de Bioloxía, Historia, Xeografía, Tecnoloxía e outras moitas materias. A tese de Smil mestura cantidade e calidade, aínda que é de recoñecer que é máis salientábel a primeira. O seu obxectivo dende o principio é medir as cantidades de enerxía consumidas e producidas polos seres humanos e, a partir dese dato, analizar as transformacións que levamos a cabo no noso contorno.

Isto leva ao autor a unha viaxe apaixonante polo xeito no que os seres humanos foron quen de usar as ferramentas dadas pola natureza -desenvolvemento cerebral, mobilidade fina, bipedestación- para maximizar a enerxía que tiñan arredor de si no amencer da humanidade e como dende ese intre emprendemos unha carreira para dispoñer de máis e máis enerxía –que como sabe calquera escolar nin se crea nin se destrúe, só se transforma– a través dos xeitos máis diversos, dende un burro ou un búfalo de auga até un átomo que se racha e produce unha reacción en cadea.

Smil leva os seus acertos ata o final. Coa liña argumental que vimos de explicar tería sido sinxelo un final apocalíptico, no que advertise á humanidade dos perigos do descontrol da enerxía. Algunha advertencia neste sentido existe, mais o autor elixe un camiño máis construtivo e esperanzador, no que salienta a capacidade milenaria que posuímos para avanzar e controlar esa produción de enerxía e bens no noso beneficio e a confianza que debemos ter como especie na solución dos obvios problemas que xerou a transformación do noso xeito de vivir nos últimos tres séculos.

Comentarios