Opinión

Un home de Marte

UN MOZO que pasa por pouco dos vinte anos, húngaro que estuda en Alemaña, presenta a súa tese doutoral diante de David Hilbert, o meirande matemático da primeira metade do século XX. Rematada a disertación, Hilbert ten que intervir: "Só teño unha pregunta: quen é o seu xastre? Endexamais vin un traxe de tres pezas máis bonito".

Anos despois ese mesmo mozo, convertido xa nun matemático famoso, celebra en Princeton unha das súas frecuentes festas e convida un amigo, profesor de Historia Bizantina na prestixiosa universidade. "Asistirei", responde o convidado, "pero cunha condición: que non se fale de historia de Bizancio. Considéraseme o meirande especialista do mundo nisto e gustaríame que seguise a ser así".

Resulta que, na súa infancia, o anfitrión leu un libro sobre Bizancio... que, corenta anos despois, pode recitar completo, polo que o especialista corre o risco de que o humillen diante dos seus colegas.

Son estas dúas das máis famosas anécdotas que coñecemos de Johnny von Neumann e que recolle na súa biografía, de Ananyo Bhattacharya, publicada en España por Oberon, selo dependente do grupo Anaya. Permítasenos, denantes de continuar coa figura de von Neumann, sinalar que a edición contén numerosos erros de tradución, edición e maquetación, impropios dun selo serio e que agardemos podan corrixirse en futuras reimpresións polo ben do contido da obra.

Durante os anos 30 en Estados Unidos coñeceuse a un grupo de científicos de orixe húngara coma Os Homes de Marte. Calquera que estivese naquel país sabe que posúe unha lingua moi complexa que deixa un trazo moi característico cando se fala inglés o español, o que facilitaba a brincadeira. Ademais Eugene Wigner, Leo Szilard ou Theodor von Karman eran tan intelixentes que semellaba imposíbel que pertencesen ao noso mesmo planeta.

O seu pensamento vai a tal velocidade que consegue prognosticar o funcionamento dos ordenadores, Internet e a intelixencia artificial, o Proxecto Manhattan ou deseñar a Teoría de Xogos


En realidade, como nalgunha ocasión aclarou Wigner, gañador do Premio Nobel de Física en 1963, de Marte só había unha persoa: Johnny von Neumann. El non chegou a gañar o famoso galardón sueco —morreu dun cancro fulminante aos 53 anos, probabelmente debido ás radiacións recibidas durante a fabricación da bomba atómica—, mais, como demostra Bhattacharya, as súas contribucións deron forma ao noso mundo actual.

Von Neumann aparece decote no cumio das listas de persoas máis intelixentes de todos os tempos e este retrato seu confirma tal posición. Von Neumann aparece sempre recoñecido coma primus inter pares por científicos de moi diversas disciplinas —matemáticas, física, informática, lóxica—. É unha calculadora humana á que encargar problemas irresolúbeis mesmo para as máquinas. O seu pensamento vai a tal velocidade que consegue prognosticar o funcionamento dos ordenadores, Internet e a intelixencia artificial, eliminar obstáculos imposíbeis para os demais no monstruoso Proxecto Manhattan ou deseñar a Teoría de Xogos, desenvolvida despois por Nash —o matemático do filme A beautiful mind — e usada para calquera escenario económico serio —ou ético— actual.

Mais tamén chama a atención o feito de que, en realidade, Von Neumann nunca aparece só coma un marciano intelectual. Afeccionado aos traxes caros e aos coches rápidos —que conducía sen ningún coidado—; posuidor dun don para a conversa que non dubidaba en utilizar coas mulleres; anfitrión das festas máis salvaxes de todo Princeton, cheas de champaña, combinados e delicatessen; comprometido política e intelectualmente cun verdadeiro concepto de liberdade que o levou, por exemplo, a defender a outro xenio, Robert Oppenheimer, dos ataques do mesmo goberno que lle dera un dos cargos máis altos en tempos de guerra... E é que von Neumann podía e pode parecer de Marte, pero era humano: de feito un modelo de humano cuxos pasos podemos seguir, dentro das nosas modestas posibilidades, con lecturas coma esta.

Comentarios