Opinión

'Camino a la escuela'

POUCO QUE celebrar no mundo da infancia aínda que vimos de facelo no Día Universal do Neno. Neste tema, como noutros da axenda global, a balanza está desequilibrada. Unha minoría vai coa mochila cargada de dereitos, mentres a inmensa maioría de nenos e nenas dos mundos máis aló do primeiro mundo, cargan no lombo un pesado fardo de deberes. E poucos dereitos que levar á boca.

Camino a la escuela, multipremiada película francesa, recolle catro historias de nenos e nenas afrontando cada día o durísimo camiño á escola. É dicir, camiño ao paraíso da educación vedado para tantos. Ao fin, é o camiño para conquistar dereitos humanos con rostro de neno. E construír un mundo máis humano e vivible.

A película de Pascal Plisson, 75', é imprescindible. As catro historias do camiño de casa á escola, erizado de dificultades, contrastan coa nosa sobreprotección aos nenos, forma sibilina de maltrato que converte a tantos pais e nais en taxistas ou nunha sorte de gali- ñas chocas.

O documental, co apoio da Onu, Unesco, Unicef e Axuda en Acción, éche unha declaración de principios. Só con educación poderán mellorar o mundo no que viven. Aínda que, curiosamente, a película será vista polos que te- ñen a escola á porta da casa, e aínda así chegan cada día ás aulas no colo do coche.

Xusto cando vimos de celebrar o Día Universal do Neno, tamén o Día do Mestre, percatámonos do malgasto de prescindir de millóns de cerebros e abandoar á súa sorte aos que naceron no lugar, na familia, ou co sexo equivocado. E iso que todos nacemos libres e iguais. Uns máis que outros.

O mundo é así de inxusto cos nenos que, como di Galeano, nacen coas raíces no ar. Cinco millóns morren nos primeiros anos de enfermidades que se poden previr. Quiñentos millóns están afectados por guerras e emerxencias. Catrocentos millóns malviven en extrema pobreza. Cento setenta millóns traballan...

Tantas cores escuras non ocultan os progresos das últimas décadas. A mellora da nutrición e a reducción da mortalidade permitíu a millóns deles rachar co círculo maldito da pobreza. O mundo é así pero ben pode ser doutro xeito: máis fermoso e habitable se hai decisión política para revertir a situación que condena aos máis febles. Investir na infancia non é só un imperativo moral, é apostar polo presente e colocar alicerces de futuro. A escola é unha oportunidade moi valiosa para centos de millóns de nenos.

As historias de Salomé e Jackson en Kenia, Carlitos e Micaela na Patagonia, as de Zahira, Zineb e Noura no Alto Atlas, a de Samuel na cadeira de rodas que empuxan dous irmáns pequenos mostran historias conmovedoras, cheas de coraxe, determinación e un millón de sorrisos.

Catro horas, hora e media, dúas horas cada día nunha teimuda e esperanzada loita diaria. Camiño da escola.

Comentarios