
George Steiner, o espírito de Europa
Vai o tempo así de rápido. O filósofo, Príncipe de Asturias de Humanidades, tan lúcido e libre que encarnaba o espírito europeo, morreu en febreiro, cando un virus acazapado ía paralizar o mundo. Tiña en alta estima a literatura e dicía: a lectura éche unha obriga moral. Toda unha vida entre libros: alegrías e desolacións cos ollos asombrosamente abertos. Arte, literatura e música, di, son o mellor valado contra a barbarie.
Marcado polo Holocausto e a bestialidade nazi que case acaba coa idea de Europa avisa de que a súa destrución volve ser posible polos fascismos latentes na sombra. Outra vez a deshumanización que afundiu o torturado continente. Daquela a mans de asasinos, agora polas poutas de bárbaros populistas.
Aínda resoan as palabras do pastor luterano M. Niëmoller: "Primero vinieron por.."» denunciando a covardía de intelectuais caladiños ante o matonismo chusqueiro de Hitler. Aviso agora para santóns da intelectualidade que pechan os ollos ante o renacemento dos fascismos. Para eles, o verso de Celaya: "Maldigo la poesía de quien no toma partido / partido hasta mancharse".
Non apelaba á pena ou a rabia, senón á intelixencia, á cultura que fai libre, á historia que recorda leccións do sanguinario s. XX, derrota e renacemento de Europa. A cultura, como o amor, non soporta o imperativo pero é imprescindible para frear a barbarie.
A fermosa construción de Europa non pode esmorecer no Museo do Po. É historia viva que pode morrer se non loita polos seus valores, linguas, tradicións. O continente de contornos líquidos éche un xigante económico, político e cultural, porto de abrigo para os que escapan dos seus infernos.
Representa o ideal humanista co que nos identificamos, nunha xeografía de estatura humana sen espazos inhóspitos. Europa, di Steiner, son os cafés, lugar de amizade e palabra. As rúas manteñen vivos a poetas, estadistas, científicos e filósofos. E non pode axeonllarse diante de nacionalismos excluíntes e insolidarios, ‘a peor peste que envelena a flor da cultura europea’, recorda S. Zweig. Os odios étnicos, os nacionalismos chovinistas foron o pesadelo de Europa. Poden volver.
Somos europeos cunha idea compartida de civilización, unha identidade cultural e un modelo económico e social que permite manter o irrenunciable estado do benestar. Europa é a democracia, dereitos humanos, estado de dereito, escenarios de negociación e vacina contra guerras fratricidas. E debe ser defendida contra os novos bárbaros nas cabinas de mando do mundo.
A súa figura europeísta mostra que a filosofía é dúbida, tamén lucidez en tempos ominosos onde non asustan os berros dos peores senón o silencio dos mellores. Hai uns meses apagábase George Sneider, poderoso faro que ilumina o espírito de Europa.