Opinión

Mal dadas

BAIXABA POLAS escaleiras rotas de granito rosado dun castelo arruinado e, aquela moza morena, guapa, intelixente e brillante estudante de matemáticas e filosofía, chegou ao final cunha enorme lesión cerebral, cun cadro clínico que a sitúa para sempre no grupo de doentes con dano cerebral adquirido. Daquela, na súa propia carne, na súa mente e no seu entorno agrandáronse as ideas da solidariedade e da xustiza social como valores que cómpre defender e estender. Algo parecido pasoulle ao carpinteiro amigo que, ao rebentar unha roda da bicicleta que guiaba, bateu coa cabeza contra un carballo centenario e tardou máis dun ano en recuperar parcialmente o coñecemento.

O mal é cousa mala, é condenado, pero se tes a quen contalo, se o contas e te escoitan, poida que entibie por un tempo

Os datos indican que unhas tres mil persoas teñen implicacións directas coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), organización non gobernamental, independente, apartidista e aconfesional, integrada polas cinco asociacións galegas de dano cerebral adquirido, ADACECO (A Coruña), ADACE (Lugo), Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago). Son persoas asociadas, profesionais ou voluntarias que dedican o seu tempo, esforzo e traballo a contribuír á mellora da calidade de vida daquelas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares.

Entre os obxectivos que perseguen está sensibilizar á sociedade e a todos os seus integrantes da enorme dimensión desta discapacidade, poñendo en marcha iniciativas que axuden á rehabilitación, á inclusión e normalización social do colectivo. Sobre esta cuestión tamén teñen un papel importante as institucións. Nunha sociedade de benestar, os servizos públicos deberían responsabilizarse destas transcendentes cuestións, onde estaría perfectamente xustificado o gasto. Perfectamente xustificado diante daqueles que entenden (entendemos) que a saúde é o primeiro, a base da felicidade, "o sentido e o propósito da vida", como dicía Aristóteles.

O mal é cousa mala, é condenado, pero se tes a quen contalo, se o contas e te escoitan, poida que entibie por un tempo. Xa que logo, a Tía Manuela insiste: "Humildade, xenerosidade, solidariedade, vontade e valores son palabras para dicir e para escoitar, porque se veñen mal dadas, é mal para todos, para a familia, para os compañeiros, para os amigos, para a sociedade enteira".

Comentarios