Opinión

Non caledes nunca

SON INIMIGOS e amigos ao mesmo tempo. Son os que son e van cantando polo camiño, cantando regueifas, falando e recitando versos de amor e de querencia, cantando cancións fermosas con música propia e letra dos poetas e versificadores locais, dos que saben dicir o que cómpre saber, dos que entenden a contorna e respectan as opinións dos veciños, por parvas que parezan. Son amigos e inimigos ao mesmo tempo. Son eles, os que andan coa regueifa literaria buscándolles novo significado ás palabras, falando con moitos xestos e con expresións baldeiras, sen compromiso, sen rumbo fixo e sen ruta definida.

Desconfían ata da súa propia sombra, atópanse embeleñados nunha discusión sen saída, nun escenario cruel e de maltrato, onde todos ven malicia en cada movemento dos outros todos. Insufrible esa situación nauseabunda. Totalmente insufrible. Os políticos non gañan para desgustos, dicía a nai da meritoria alcaldesa. Son xente que debe acostumarse aos desabores, como os concelleiros, asesores e asesoras. Asesores agrupados en gabinetes e en montóns, paseando polos corredores dos edificios administrativos, buscándose a vida e procurando fuxir das razóns para que teña mando o domador e a presa quede domesticada e, se é posible, desnortada ou perfectamente desorientada.
 

Tía Manuela non se privaba, "en boca pechada non entran moscas, pero rapaces, non caledes nunca!, expoñede as razóns e defendédeas"

"En política, o importante non é ter razón senón que lla dean a un", dicía Konrad Adenauer, que foi, como saben os lectores, o xefe do primeiro goberno da República Federal de Alemaña. Moitos dos políticos actuais teñen ese pensamento gravado na testa, na mesma fronte e na alma súa. Non importa a razón nin as razóns. Interesa a aparencia, aínda que sexa pura fantasía, simplemente fachada.

Pero, a pesar dos políticos, os cidadáns falan de política e discuten, sobre os principios e sobre o que debería ser, cos amigos e familiares, na taberna, na praza da vila, no adro da igrexa ou na casa. Un vinte e tres por cento dos cidadáns levan a política ás súas conversacións cotiás, segundo indica o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Non é así, con todo, nos ámbitos de traballo e de estudo, onde a porcentaxe baixa ao doce por cento. A Tía Manuela non se privaba, "en boca pechada non entran moscas, pero rapaces, non caledes nunca!, expoñede as razóns e defendédeas".

Comentarios