Opinión

Termar de nós

"TERMAR", "ter man de", como ben saben, significa aguantar, soster ou coidar de algo. Por iso a expresión me serve como matriz deste artigo. Escoiteina en contextos tan diversos como "térmame do neno un momento", "terma do lume, que non esmoreza", "non sabe termar dos cartos", "xa nin sequera termaba do alento", "terma da honra, que non hai ouro que a pague" ou "terma do que dis, porque as paredes oen". E podería seguir cun interminábel rosario de exemplos para demostrar o rendíbel do verbo.

Porén, non reparamos no que significa ou significaría "termar de nós", porque o practicamos pouco. Coidar de nós, sosternos, ponderarnos.

Térmase do que se valora; mais, para valorármonos, é imprescindíbel que nos coñezamos. Non se trata de chauvinismo, senón de amor propio no significado máis positivo da frase, de autoestima.

Como reza un verso de Manuel María, Galiza somos nós, a terra e mais a fala. Tres cousas das que a máis importante, a imprescindíbel, é a primeira: nós. Esta afirmación é doada de demostrar. Castelao (e coma el moitos exiliados e emigrantes) morreu fóra deste territorio; porén, como declara no título do seu libro fundamental, estivo sempre en Galiza. A fala, a lingua galega, se non queremos que sexa obxecto de museo, reducida á produción literaria, ten que saír da nosa boca para renacer cada día.

Secasí, quero ir máis alá. Este país desprezado polos propios no suicida exercicio de asumir, como merecida, unha galegofobia que ben de lonxe e non debería ir para lonxe (cancións, ditos, definicións do dicionario ou mesmo trato desigual por parte dos que mandan desde Madrid), este país, digo, non é consciente das arrobas de talento que pousan nas súas xentes. Sabelo sería o mellor antídoto contra os complexos que tan a miúdo nos posúen.

En todos os eidos da ciencia e das artes hai galegos destacados. Pero, se fixermos unha enquisa pedindo nomes, é seguro que acharíamos máis persoas coñecedoras das aliñacións dos equipos de fútbol que das nosas persoas eminentes.

Por exemplo, cantos por aquí saben que o gañador da última edición, a 35ª, do Premio Reina Sofía de Composición, foi Juan Durán, vigués que reside na Coruña e é talvez o máis notábel compositor actual de todo o Estado? A obra premiada, Whispers in the Dark, será estreada pola orquestra de RTVE. As raíces do propio folclore, coma no húngaro Béla Bartók ou noutros famosos compositores, agroma en moita da súa música. Así O bosque do asubiador, composta para pito pastoril e banda, recentemente estreada polo profesor lugués Efraim Díaz e a Banda Municipal da Coruña.

Termemos de nós, interesémonos polos nosos para querérmonos queréndoos.

Comentarios