lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Lírica para a derrota

En 1990, o programa Plastic de TVE, copresentado por Tinet Rubira, recibe un grupo que acaba de gravar unha maqueta. A batería marca un ritmo de xota: "Desde que tú no me quieres,/ yo quiero a los animales/ y al animal que más quiero/ es al buitre carroñero (bis)". Esta primavera confinada, a semana na que tiña que comezar o principio da fin de Extremoduro, Maialen, unha das concursantes de OT —dirixido por Tinet Rubira— elixiu cantar Si te vas: "He robado, he mentido/ y he matado también al tiempo/ y he buscado en lo prohibido/ por tener buenos alimentos".
 
Robe Iniesta. AEP
Robe Iniesta. AEP

OS  INSUBMISOS entraban en prisión. Os parques das periferias, os polígonos das vilas, refuxiaban cada fin de semana milleiros de mozos, que trapicheaban cintas TDK. Os seus curmáns máis vellos abrazaran a cultura da Transición, hedonista e desideoloxizada, pero eles sabíanse carne para a picadora: o paro no 25%; a reforma laboral de Felipe González. Nun abrir e pechar de ollos, desde o lanzamento do ‘Agila’ de Extremoduro, do 23 de febreiro ao 3 de marzo de 1996, cando Aznar gaña as eleccións xerais, semellaba que era posible unha mudanza de paradigma.

Agila é o imperativo do verbo bulir en castúo. Foi o sexto álbum de estudo da formación liderada por Roberto Iniesta Ojea, El Robe, (Plasencia, 1962) e soaba ben. Moi ben, mesmo. Sobre todo, se se ten en conta que os traballos anteriores tiñan sempre esa pegada sucia. Iniesta viña de atoparse a si propio despois de case que catro anos "de caos". Separárase da súa parella. Botárase á estrada nunha furgoneta, na salvaxe compaña do seu can. Creou en Barcelona a banda Q3, cuxos músicos acabarían por integrarse en Extremoduro. Non estivo desaparecido, nin moito menos. Publicou co grupo ¿Dónde están mis amigos? (1993) e Pedrá (1995), unha rareza cunha única canción de 29 minutos. Ás adolescentes das cassettes rebobinadas con bolígrafo BIC cristal contáronlles outras rapazas unha, dúas, trescentas veces, que seica leran no xornal que atoparan a El Robe morto de sobredose; o lutuoso (e ficticio) suceso coverteuse nun lugar común noventeiro.

O desencanto, o desacougo e a xenreira cantábanse en castelán (tamén en euskara e en galego). A aquela mocidade desposuída do futuro, sen medios técnicos nin económicos, o Agila de Extremoduro tróuxolle unha inxección de autoestima e tamén de consciencia: non tiñan nin a hexemonía nin o capital simbólico.

Prometeo recolle De mal en peor de Miguel Hernández: "No me levanto ni me acuesto día / que malvado cien veces no haya sido".

Buscando una luna abre o disco. O primeiro single incorpora o derradeiro serventesio de Por tierras de España de Antonio Machado: “Veréis llanuras bélicas y páramos de asceta / —no fue por estos campos el bíblico jardín—; / son tierras para el águila, un trozo de planeta / por donde cruza errante la sombra de Caín”. Sucede arranca como Walking Around de Pablo Neruda: "Sucede que me canso de ser hombre". Prometeo recolle De mal en peor de Miguel Hernández: "No me levanto ni me acuesto día / que malvado cien veces no haya sido". So payaso, o segundo single —"Quiero ser tu perro fiel, / tu esclavo sin rechistar"—, resistiu ata a versión de Fran Perea na época de Los Serrano, pero foi unha arma de dobre fío: "Se agora resulta que Extremo lle gusta a todo o mundo, deixará de ser o noso segredo?".

Sucedeu que Agila acadou o dobre disco de platino. Durante toda a segunda metade dos noventa, Me estoy quitando, a versión do tema homónimo de Tabletom, non podía faltar en ningún botellón. Agila foi un antes e un despois; entre outras cousas, porque Iñaki Uoho Antón, guitarra de Platero y Tú, asumiu os mandos da produción e incorporouse de facto a Extremoduro. Introduciu arranxos jazzeiros e meteulle vento-metal.

A Roberto Iniesta, un tipo fraco e guedelludo que se presentaba como exionqui aos 27 anos, cando vendía bonos de mil pesetas para gravar as súas cancións en 1989, nunca lle acabou de reinar a etiqueta de rock urbano. El era de Plasencia, como Pepe Botika, o honrado traficante, e deixara o instituto en terceiro de BUP para poñerse a traballar co seu pai, presidente da peña local do Atlético de Madrid. As letras nacen da periferia e do popular, e levan con orgullo toda feluxe da devesa desde o primeiro segundo: "Tenemos el agua al cuello/ con tanto puto pantano,/ las bellotas radiactivas,/ nos quedamos sin marranos", canta en Extremaydura, no disco auroral. "Vamos a robar cerezas de las del valle del Jerte; / soy capaz de cualquier cosa por volver a verte", berra en ¡Qué borde era mi valle! de Para todos los públicos (2013), o último álbum de estudo. Rock transgresivo, o título da maqueta do micromecenado de cando non había micromecenado —nin moito menos crowdfunding—, quedou para a posteridade como definitorio do sonido Extremoduro.

Despois do Agila chegou Canciones prohibidas (1998). Salir, (beber, el rollo de siempre; meterme mil rayas, hablar con la gente...) e Golfa, os sinxelos do disco, acabaron por cumprir a profecía de So payaso e entraron no caixón das cancións-de-Extremo-para-xente-á-que-non-lle-gusta-Extremo. Os seareiros máis antigos, aquelas que copiaran a letra de Necesito droga y amor (Somos unos animales, 1992) na carpeta, sentían que os mercaderes ocuparan o templo de Jesucristo García e que quedaran no anecdótico; niñatos que berraban "puta".

A banda de El Robe acadou nestes trinta anos unha transversalidade inimaxinable.

Ao rematar Yo, minoría absoluta (2002) —outro éxito inmediato—, Roberto Iniesta tivo unha seca creativa de seis anos e apuntouse a cursos de lingua e latín. Escribiu unha novela, El viaje íntimo de la locura (El Hombre del Saco, 2009), porque non lle saía a música. La ley innata (2008), Material defectuoso (2011) e Para todos los públicos (2013), os derradeiros discos de Extremoduro, enconxuraron todos os medos e mesmo seduciron a bancada máis gafapasta e intelectualoide da crítica.

A banda de El Robe acadou nestes trinta anos unha transversalidade inimaxinable. O 13 de novembro de 2002, cando o monocasco Prestige encalla fronte á Costa da Morte, os foros de Manerasdevivir.com —a primeira rede social do rock en castelán— comezan a encherse cuns versos: "Ella era una flor del mar, / yo un delfín tras un velero; / de esta noche no paso: / se ha hundido otro petrolero". Son de No me calientes que me hundo, tema de ¿Dónde están mis amigos?. Dez anos máis tarde, o gañador e a finalista do premio Planeta 2012, Lorenzo Silva e Mara Torres, integran nas súas novelas senllas citas de Extremoduro.


As drogas —e a toxicidade— son unha constante nos cancioneiros de Iniesta. As letras tocan o recreativo, pero tamén as miserias, a paranoia, a síndrome de abstinencia. O que manca e o que fede. Serve a receita para describir ou anceiar uns intercambios lúbricos desde o explícito, un sexo con pelo, que mancha, nas antípodes do estilizado. A poética de El Robe é crúa e plástica. El sostén que lle nace dun xeito inconsciente. "Nunca sé de qué voy a hablar. A mí me vale lo que me pone la carne de gallina y me da igual si lo entiendo o no. Emocionar, tocar la fibra, me interesa más que hablar de una cosa en concreto".

Despois están as lecturas do letrista. Velaí os Machado, Neruda e Miguel Hernández do Agila. Tamén Lorca, de quen toma prestados Los encuentros de un caracol aventurero para o Puta de Yo, minoría absoluta: "Subí al árbol más alto/ que tiene la alameda/ y vi miles de ojos/ dentro de mis tinieblas./ Nosotros no las vemos,/ las hormigas comentan./ Y el caracol: Mi vista / solo alcanza a las hierbas". E ata os Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós e A lei natural de Cicerón saltan á capa e ao libreto de La ley innata. Extremoduro abríalle a porta a certo tipo de coñecemento á boa parte da rapazada dos polígonos. Asemade, servía para reivindicar voces nas marxes, como a do preso político Marcos Ana, na xoia agochada de Te juzgarán sólo por tus errores (yo no) que aparece como coda na reedición de 1994 de Rock transgresivo. Como a do gandeiro Manolillo Chinato, autor do himno Ama, ama, ama y ensancha el alma (Deltoya, 1992) e pedra lírica do proxecto Extrechinato y Tú (1996-2001).

Roberto Iniesta tomou despois do Agila a estrada do norte. Volveu á vida en parella, en familia, e bota de menos en Euskadi o sol de inverno extremeño. Seica hai anos que fai unha vida ordenada e ata sae a andar en bici con Iñaki Antón e Fito Cabrales. Ten agora 58 primaveras e unha xira pendente para despedir o repertorio de Extremoduro, para dicirlle adeus a trinta anos de educación sentimental na derrota e abrir unha páxina nova.

"Voy buscando lo que quiero;/ averiguando a mi manera:/ no me gustan los maderos/ ni la gente con banderas / ni la Virgen María,/ ninguna ideología".

Agila
O sexto disco de estudo de Extremoduro chegou anticipado pola película El día de la Bestia (1995) de Álex de la Iglesia e que incluía na banda sonora o quinto corte do Agila. "Como cada día en el inferno me aburría, me fui de bar en bar", comeza a canción, titulada tamén El día de la Bestia. Á parte das radiadas e máis coñecidas (Buscando una luna, Prometeo, Sucede ou So payaso) e do himno porreiro Me estoy quitando, Agila acubilla xoias como Ábreme el pecho y registra ou Qué sonrisa tan rara e Correcaminos, un estándar do macarreo: "Y no tiene licencia y no tiene seguro/ acelera un poco más/ y no tiene carné/ y no tiene luz de atrás". Ademais da producion e das músicas interpretadas por Iñaki Uoho Antón, colaboraron en Agila  Fito Cabrales —compañeiro de filas de Uoho en Platero y Tú naquela altura—, Albert Pla e El Reverendo.

Lírica para a derrota
Comentarios