Opinión

As catro lúas

Se unha maneira ten que ter unha editora de celebrar unha data é editando libros. Así é como, co gallo do 25 aniversario do nacemento do selo Kalandraka, xorde nesa casa unha nova marca da escrita chamada Cuatro Lunas na que se publicarán libros realmente especiais.
Federico García Lorca en Betanzos en 1932
photo_camera Federico García Lorca en Betanzos en 1932. EP

Aquel soño que consistiu en editar libros é hoxe unha das editorias máis prestixiosas do noso país e unha das máis importantes no Estado, algo indiscutíbel se falamos do seu labor no libro infantil e xuvenil. Kalandraka cumpre 25 anos, 25 anos daquel lema de Libros para soñar e agora empéñase en seguir facéndonos soñar e mesmo en dirixir lecturas cara eses lectores que comezaron a achegarse ao universo da lectura a través dos seus libros.

Cuatro Lunas acolle catro campos de edición: poesía, narrativa, no ficción e nómadas que, lonxe de ser catro carreiros independentes, fíanse entre eles dende diferentes elos en base ás características que sempre forman parte do catálogo da editora: o compromiso coa educación, a igualdade, a memoria, o respecto á contorna e ao ser humano. Libros que veñen para ofrecerse a todos ese lectores como novas pontes para achegarse a eses soños que comezaron a albiscar coas súas primeiras lecturas, moitas delas pentencentes a este selo. Así é como estes libros forman parte tamén dunha sorte de rescate de textos que os ritmos de edición, tantas veces faltos de tempo para darlle acougo aos títulos e propiciar que cheguen a máis mans, non fixeron sinxela a súa lectura, quedando afastados dos vieiros dos lectores que corren o perigo de non volver a eles. Kalandraka detectou esta cuestión e a súa proposta é a de darlles unha nova vida a estes textos, abofé que magníficos, e que se recuperan baixo a calidade editorial propia desta firma.

Temos, daquela, catro títulos cos que arrincar cada unha destas series. Canciones, un libro de poemas de Federico García Lorca, Cardumen de Rexina Vega, No queda nadie de Brais Lamela e Pisaremos las calles nuevamente de Vivian Lavín. 

"Noche de cuatro lunas/ y un solo árbol...", é o comezo do poema Murió al amanecer que se inclúe no libro Canciones e son esas catro lúas as que lle dan nome a esta colección, convertendo a este libro nunha pedra angular do que virá despois. O libro, publicado por Lorca en 1927, podemos dicir que é no que se forxou a vontade do granadino por ser poeta, por atopar un xeito de expresión no que a tradición dun universo rural atopaba unha maneira de trasladarse ao lector dende o literario cunha tremenda carga de modernidade, convertendo a este texto nunha sorpresa para moitos que se reafirmaría ao ano seguinte coa publicación do Romancero gitano. Nel asomarán varios do temas esenciais ao longo da súa escrita: o paso do tempo, a infancia, a morte ou o amor, e todo iso presentado dende unha palabra capaz de moverse nun rexistro culto ao tempo que popular.

O certo é que poucas maneiras mellores de arrincar unha traxectoria literaria baseada na recuperación de texto, cun monllo de poemas que veñen a poñer en valor o feito polo granadino antes do Romancero gitano, onde sempre semella que comeza a poesía do autor. Aquí hai moito do que estaba por vir como nos amosa o tamén poeta Luis García Montero no prólogo que lle dá lustre a este primeiro volume e no que fala, non só da trascendencia na carreira de García Lorca deste poemas, senón do importante que para el mesmo foi o seu encontro nunha edición que se atopaba na súa propia casa.

Do mesmo xeito ten pouco de aleatorio o resto de títulos nesta quenda de saída, xa que tanto Cardumen, no que Rexina Vega propón unha historia da memoria, da nosa Guerra Civil, o retrato colectivo do Vigo dos anos 30 a través dunha das óperas primas máis brillantes da nosa escrita. O mesmo acontece con Pisaremos las calles nuevamente que, dentro da liña de non ficción, recolle tres entrevistas a mulleres vítimas dos noxentos efectos do golpe de estado en Chile en 1973, feitas pola xornalista Vivian Lavin. O libro ademais conta cun prólogo da expresidenta de Chile, Michelle Bachelet. E para completar este póker de saída que mellor que o libro que vén de gañar o premio do crítica a unha obra narrativa en galego, No queda nadie que, asinado por Brais Lamela, estrea a liña Nómadas cun texto híbrido, que se move por diferentes xéneros e que ten unha difícil adscripción nun caixón determinado. Cuatro Lunas que veñen a alumear na noite do esquecemento, outorgándonos a luz da palabra o pensamento e a emoción.

Comentarios