Opinión

Atentos á vida

Vivir, unha aventura irrepetíbel é a mostra que nos leva a percorrer a vida e a escrita de María do Carme Kruckenberg, nomeadamente coñecida pola súa poesía, a súa vida é todo un berro de liberdade dunha muller que mirou aos ollos dos desfavorecidos e da inxustiza social.
María do Carme Kruckenberg
photo_camera María do Carme Kruckenberg

A sede da Deputación pontevedresa en Vigo acolle unha mostra cun fondo contido didáctico arredor da obra e persoa que fixo de María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926-2015), unha das voces máis firmes e singulares da poesía galega do pasado século e comezo do noso.

Ese espazo, bautizado dende o acubillo da poesía, no cumio do Berbés, asomado á ría de Vigo, e coa lembranza aos seus pés do traballo e vida dos mariñeiros, é o lugar máis acaído para achegarse á descuberta ou a un novo recoñecemento da significación desta poeta no contexto cultural galego, tendo sempre a cidade como unha anclaxe vital. Un contexto de retorno permanente ao que nunca renunciou, cada vez que, por obrigas da vida, ou polo seu desexo de coñecer o maior mundo posible, e que María do Carme Kruckenberg sempre afirmou como recoñecemento dunha identidade que, xunto ao fornecemento da lingua galega na súa escrita, situou a súa figura nese ámbito de rebeldía e firmeza nas súas conviccións.

No acto de inauguración desta mostra o alcalde da cidade confirmou que o ano 2026, ano de celebración do centenario do nacemento da poeta, será o ano de María do Carme Kruckenberg en Vigo. Un xeito máis de prolongar esa comunión permanente da autora e a súa cidade xa visibilizada nunha praza co seu nome, un extraordinario mural asinado por MM Puhinger, un monumento da Asociación de Escritores en Lingua Galega e, sobre todo, o recordo permanente da súa figura a través de citas como a que nos ocupa e que, baixo o comisariado da súa biógrafa, Mercedes Queixas, percorre a través de diferentes paneis, a modo de estacións, o que foron os fitos da súa vida, esa vida á que se adicou ao cen por cen como muller do seu tempo, sen complexos e cunha liberdade engaiolante.

"Non vivimos tempos para nos adurmiñar. Cómpre estarmos ben espertos, atentos á vida, que é o que importa. Hai que dicir as cousas e un poeta ten que estar na época exacta que vive", afirmou a escritora. Esa immediatez da súa presenza é a que define toda a súa obra, a que foi artellando dende o compromiso cos máis desfavorecidos asomada ao duro traballo do mar, as viúvas que tinxían de negro as ribeiras de Vigo, as inxustizas dos débiles fronte aos poderosos, todo iso converteuse en palabra, unha palabra libre, debedora en parte daquela poesía aparentemente sinxela da lírica medieval cun forte contido popular. Así a poesía levedou no seu interior, dende ese carácter autodidacta marcado por uns pais que, como ela mesmo dixo: "Educáronme para a liberdade". Esa procura da liberdade levouna ao exilio en Estoril, as cousas calmaron e retorna nos anos 40 a Vigo, achégase ás tertulias, faladoiros protagonizados por homes, como os que atoparía algún tempo despois en Madrid, pero ela estaba alí, entre eles, afirmando a súa presenza.

A lingua galega converteuse en materia creativa, como sinala un dos paneis da exposición e os seus poemarios sucederanse dende os anos 50

Entre 1949 e 1953 María do Carme Kruckenberg vivirá en Buenos Aires. Unha estadía fundamental para fixar a súa relación co galego e coa identidade coa terra. O contacto coa comunidade galega do exilio, comandada por Arturo Cuadrado, lévaa a compartir horas con todos aqueles exiliados da vida e da cultura, e a ter dous encontros con Castelao que a marcan de xeito profundo: "Díxome que non deixara de escribir en galego, porque eu formaba parte do futuro do idioma".

A lingua galega converteuse en materia creativa, como sinala un dos paneis da exposición e os seus poemarios sucederanse dende os anos 50 con Las palabras olvidadas ata o derradeiro A voz da auga en 2010. Todo ese ronsel de publicacións, que tamén se achegaron á narrativa, ao conto infantil ou á tradución, polo seu coñecemento de moitas linguas, xunto cos diferentes recoñecementos obtidos como a Medalla Castelao, recibida no ano 2002, son os que podemos atopar nas diferentes vitrinas que acompañan a mostra e que constrúe a recreación dunha vida e dunha forma de asomarse ao mundo vangardista e moderna, pero sen deixar nunca de ollar ás panelas dese peixe relucente que o traballo dos homes sacara do mar, do mar dos trobadores do mar, das escumas do sofrimento, do mar dun Vigo ao que sempre tornaba María do Carme Kruckenberg.

Comentarios