domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

Cando coidar é un acto revolucionario

Coidadora, de María Marco acadou o Premio Xerais de Novela cun texto atrevido e poliédrico no que latexa o amor e o feito de adicarse a coidar a outra persoa. Un acto que permite á autora reivindicar unha eiva da nosa sociedade que aquí se artella dende unha serie de planos cortantes.
María Marco. MANUEL VICENTE
María Marco. MANUEL VICENTE

REFERENCIA no noso sistema literario os Premios Xerais, nas súas diferentes categorías, deixan entre nós un monllo de textos que adoitan ser unha referencia literaria cada ano. A pluralidade do seu xurado, non sempre composto por profesionais do sector, espalla as súas posibilidades e diversifica as achegas dos diferentes premiados. Outra das bondades destes premios é o da descuberta de nomes que non son habituais nas nosas letras. Autoras ou autores que nunca tiveron a oportunidade de publicar os seus libros e que aquí, baixo a libre elección dun xurado, ven cumplido o que para moitos deles é un auténtico soño.

Desta vez, o XXXVII Premio Xerais de Novela recaeu na novela Coidadora de María Marco, debutante no mundo da escrita e que xa ten nas mans a súa primeira novela publicada. O nome de María Marco ocupa un espazo propio no noso sistema cultural, pero dende un ámbito de traballo diferente ao da escrita, xa que a autora viguesa, doutora en Belas Artes, adícase á curadoría de exposicións e a crítica artística. Dende agora, e tal e como acontece no plantexamento da súa novela, abofé que un dos seus puntos fortes e un elemento moi valioso, ese plano de traballo crúzase co da literatura a través desta Coidadora que conta a súa propia experiencia como muller que debe exercer de coidadora da súa nai ante a diagnose dunha enfermidade de deterioro cognitivo.

 Ao tempo que ese cerebro amosa as súas progresivas eivas, a súa destrución interior, como se unha serie de buratos deixasen baleiro ese cerebro de recordos, de memoria, e de respostas ante o que acontece en cada momento, a autora propón ante a nosa mirada a exploración de toda unha serie de territorios que van do científico ao artístico, ou do literario ao social. Enguedéllanse así toda unha serie de eidos que axitan, como células nerviosas, a nosa propia construción humana, ata o punto, que en ocasións semella como se a propia protagonista se internase por algúns deses pasadizos para tentar entender  que sucede con eses baleiros, un camiñar polo noso subsolo no que atopar unha luz que ilumine as escuridades que comezan a rodeala.

Esa escuridade é parte da nosa sociedade. A mellora da esperanza de vida dende hai anos que activa toda unha serie de enfermidades dexenerativas que ocupan un maior espazo entre as doenzas actuais. O cómo se comporta a nosa sociedade con eses novos dramas está tamén moi presente no relato de María Marco e faino co pesar de darse conta en primeira persoa do illamento que sofren os enfermos e os que os acompañan, coidadoras e coidadores, que ven a súa vida limitada a esa outra persoa. Un sacrificio ao que aínda non se lle dá a atención precisa e que converte a eses outros afectados nunha sorte de presos ante a súa obriga. Ese labor de coidar acada en moitos casos un aspecto heroico, por como unha vida se somete a outra, un acto realmente revolucionario polo que ten de exaltación do amor, así como de sacrificio polos demais, xusto nun tempo no que os egoísmos adoitan ser o que máis nos define.

María Marco é unha valente á hora de producir unha escrita afastada de territorios comúns e que descategoriza o propio facer do escritor

"Coidar é o verdadeiro acto revolucionario, un acto kamikaze dunha radicalidade infravalorada", así o define María Marco con esa contundencia da linguaxe que se revela en todo o texto como un dos seus elementos salientables. Un falar directo que se impón neste texto que ten moito de experimental, de exploración de posibilidades á hora de artellar unha novela que xorde pola suma de textos arredor desa historia común e con ese fío da enfermidade como tecido interno que funciona como un nó que pecha todo este conxunto de hibridacións que amosan a María Marco como unha valente á hora de producir unha escrita afastada de territorios comúns e que descategoriza o propio facer do escritor. "A miña escrita, como as neuronas dos vellos, conéctase con débiles sinapses, enrédase e, ás veces, por uns segundos, colapsa e detense", así explica ela mesma como emerxe este relato feito case a machadazos que tentan limpar esa selva que semella enredar a os afectados de xeito directo ou indirecto por esa deriva e fronte ao que só o amor nos suxeitará ante a inmensa dor da perda.

Da man dos Premios Xerais gañamos unha nova autora, e unha novela merecente de tal galardón e que agora o que precisa é dunha sociedade que resposte non só ao literario, senón tamén as súas denuncias.

Cando coidar é un acto revolucionario
Comentarios