Opinión

Falangueiros polo mundo

A editora Axóuxere pon nas nosas mans A lingua viaxeira, un itinerario pola identidade galega na diáspora que, dende diferentes autores e localizacións, enguedella unha serie de textos cheos de emocións coa voltaxe que xorde da distancia e da nosa lingua.
rozas

DENDE Rianxo, terra de coñecidos exiliados como os Rafael Dieste, Castelao, ou viaxeiros que dende a lonxanía nos deixaron textos como De catro a catro de Manuel Antonio, nos chega, saído de prelo da editora Axóuxere, un sorprendente e emocionante proxecto literario no que, baixo o título de A lingua viaxeira, se recollen unha serie de textos, dende o poético ao narrativo, dende o ensaístico ao reflexivo, sobre a estadía de galegos, vencellados dun ou doutro xeito á cultura, e que nos propoñen, dende as súas diferentes cidades de estadía, un espazo literario que serve para entender o seu vencello coa nosa terra dende a distancia e a través dese fío inesgotable de sensacións e posibilidades que é a lingua. 

"Son galego da Arxentina, galego da Alemaña, galego de Cuba, da Suíza, da Holanda, do Canadá...", escribiu Fran Pérez, Narf, e ese sentimento de galegos espallados polo mundo, homes e mulleres pertencentes a unha diáspora que mantén sempre a súa alma identitaria en pé e en perfecta hibridación con cada un dos seus territorios e paisaxes de acollida é o que agroma ao longo destas páxinas que serven, non só para amosar un hoxe protagonizado polos autores e autoras aquí escollidos, senón para homenaxear a tantas e tantas xeracións de persoas que tiveron que marchar, que tiveron que construír a súa vida lonxe dunha terra que sempre ía con cada un deles.

Un índice que coa forma dun mapamundi sitúa a todos os protagonistas do libro polo mundo adiante. Dende Cork ata Bangladesh, dende Reykjavik ata Madrid, as voces dos galegos e galegas resoa como un elo de emoción co seu lugar de partida que sempre mantiveron aceso nese ámbito do descoñecido ao que chegaron nun proceso de integración que tiña na comunicación, na resistencia do galego, un xeito de manter vivo o espírito que nos conforma e ao que nunca renunciar. Empregaba Castelao o termo falanguear para referirse a esas conversas cos outros, a ese falar no que o galego servía tamén de ponte de afectos con outras comunidades nun intercambio lingüístico que nos refire como pobo aberto e afeito ao entendemento.

Cada un dos participantes neste libro é unha sorte de falangueiro polo mundo que, xunto ao desenvolvemento das súas profesións ou estudos, manteñen a lingua galega como un referente vital para artellar novas redes na súa contorna, mais tamén no exercicio das súas diferentes accións culturais e das que nos presentan neste libro unha ben axeitada escolla que vai dende o senso máis ensaístico de Martín Veiga (Cork) ata o relatos biográficos de Erín Moure (Montreal), Eva Moreda (Glasgow) ou Xavier Queipo (Bruxelas); dende o contido poético de Miriam Sánchez (Denver) e Luz Pichel (Madrid) aos textos máis narrativos de Carlos Penela (Viena), Helena Salgueiro (Edimburgo), Xelís de Toro (Brighton), Moncho Iglesias (Bangladesh), Elías Portela (Reykjavik) ou María Alonso (Edimburgo). 

Cada unha das súas impresións é un campo aberto a entender esa distancia e a cómo cada un deles se relacionan co seu territorio de acollida

Cada unha das súas impresións é un campo aberto a entender esa distancia e a cómo cada un deles se relacionan co seu territorio de acollida, pero sempre en función do que deixaron atrás, que non deixa de ser parte dunha alma común, dun estado de ánimo ancorado nunha Galicia que se definiu ao longo da historia por ese carácter nómade, por ese estado emocional que serve de pasaporte eterno aos que quedan e aos que marchan, poblando conxuntamente un ideario colectivo.

Nun dos textos que se enxiren neste volume, o que asina Xavier Queipo, baixo o ilustrativo título de Xeitos de regresar a casa, entende "Galicia como casa, mais tamén a lingua como morada", e esa significación do noso idioma e o que gorece en cada un dos textos que se serven da nosa lingua como fogar, como teito que acompaña en cada viaxe, en cada estancia lonxe do noso chan, e baixo o cal xerar un afecto permanente coas linguas de acollida, manténdose en cada un deles como cerna da súa actividade intelectual.

A lingua viaxeira é, daquela, un vizoso caderno de bitácora de cadanseu paquebote dos que marcharon polo mundo coas velas inzadas de palabras e dun vento falangueiro co que se pode chegar ben lonxe, ata onde cada un de nós queira.

Comentarios