viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

O libro, piar da civilización

A enorme aventura que supón a historia do libro é a protagonista de O infinito nun xunco que, tras o seu inesperado éxito en castelán, chega a nosa lingua da man de Xerais coa tradución de María López Suárez, propoñéndonos participar dunha viaxe homérica cara a nosas propias raíces.
Rozas

GAÑADORA do Premio Nacional de Ensaio 2020 se algo gañou este texto foron lectores que fixeron levedar as edicións dun xeito tan sorprendente como reconfortante para os que defendemos o libro como táboa de salvación do ser humano. A súa autora, Irene Vallejo, soubo crear un texto cheo de beliscos, de instantes que para os letraferidos, convértense en emocións polo que supuxo o libro como protagonista de diferentes instantes da historia do ser humano; converténdose, sen ningunha dúbida, nun dos piares máis afoutos da nosa civilización.

Son esas diferentes civilizacións ou momentos culturais ao longo da Historia nos que nos somerxe a súa autora, pero sempre mantendo un fío co noso presente, de aí que o libro se mova sempre baixo un latexo de interese por sentir como o que se nos conta non son só leas da Historia, ou episodios a rescatar baixo as areas dun deserto, senón que elas seguen presentes no noso tempo e incluso moitas das situacións que vivimos hoxe non son tan diferentes das que se podían vivir no Exipto dos faraóns ou na Grecia Clásica. Pero se algo está sempre presente nesta viaxe interxeracional é o libro, dende o máis modesto, bosquexado nalgún elemento da natureza, ata a máis moderna pantalla da nosa contemporaneidade, ao fin e ao cabo todo responde ao mesmo, á necesidade de contar do ser humano, de facer do acto de narrar un apuntamento vital dende o cal tentar explicar aquilo que nos rodea e mesmo a nós mesmos.

Estamos, polo tanto, ante unha aventura colectiva que se detén en aventuras particulares que esta doutora en Filoloxía Clásica soubo reinterpretar para acadar nelas non só a amenidade da lectura senón tamén esa sensación de goce ante o que se nos conta, que ademais entendemos como esencial na nosa configuración social ao longo da historia. Unha impagable didáctica que, lonxe do que podía pensarse ao tratar dun ensaio, co prexuízo que iso sempre xera de falarmos dun texto inicialmente aburrido ou pesado, convértese nunha lumieira aberta cara o pasado que é quen de levarnos ata a mesma Alexandría para camiñar pola súa biblioteca, ou a fascinarnos coa Ilíada e a Odisea, auténticas enciclopedias orais para os gregos, ou asomarnos ao gran centro do mundo que foi Roma. E todo iso dende a naturalidade e intelixencia que permite comparar nunha mesma frase a Aristóteles con Cary Grant, ao tempo que se reflexiona sobre o canon literario de cada época, isto é, aquel tipo de escrita que adoita ser o preferido ou o máis gabado en cada un dos momentos históricos polos que cruza este libro como nunha travesía polo Mediterráneo, entre acougos do mar e os ventos axitados. Épocas máis ou menos convulsas ás que se tivo que enfrontar o ser humano e que repercutiron do xeito máis variado, e ata inesperado, na evolución do libro.

Unha fermosa reflexión que enche o texto de brillantes espazos de pensamento para converter o libro en faro, para deixar acesa esa luz que ao longo da historia non deixou nunca de alumear

 Como seres que fabulan, e que como di Irene Vallejo, "afastamos a escuridade co conto", esa posibilidade de compartir relatos é o que deixa de converternos en estraños entre nós mesmos. Unha fermosa reflexión que enche o texto de brillantes espazos de pensamento para converter o libro en faro, para deixar acesa esa luz que ao longo da historia non deixou nunca de alumear dende a obra de milleiros de creadores, uns descoñecidos, outros coñecidos, pero que sempre apuntaba nunha dirección común, a de compartir, a de tecer e facer unha rede arredor da palabra, tal e como poidan facer hoxe as novas tecnoloxías. O que comezou como un acto oral, tan fráxil coma contundente, pasou a converterse en eterno co tránsito á escritura e a facer do libro testemuña do que fomos e esperanza do que seremos.

A chegada á nosa lingua de O infinito nun xunco, ademais de evidenciar a necesidade de incorporar ao galego os textos de referencia da actualidade, é tamén un xeito de afirmar o propio contido do libro e a tese da autora de que «esta é a historia dunha novela conxunta aínda por escribir». A esa narración incorporámonos agora os galegos grazas ao pulo de Xerais e o labor, pola propia identidade do libro moi meritorio a cargo da súa tradutora, María López Suárez, para así acadar novos lectores a carón deses xuncos que na nosa edición reinterpreta visualmente na capa de xeito fermoso e delicado Eli García para seguir medrando nesa historia conxunta.

O libro, piar da civilización
Comentarios