Opinión

Conachada ben podería ser caralluda

ANTONIO de Nebrija xa afirmaba no século XV que a lingua é un instrumento de poder. Ou de poderes, pola súa abundancia; un deles por xénero. Durante centurias o valor da muller foi mínimo, soxulgada pola preponderancia do home, e ese dominio reflíctese no idioma. É paradigmático que caralludo sexa admirable, en contraste coa conachada coa que se designa algo fútil, carente de importancia. Na linguaxe hai casos abondos desta diferencia que aprecia o masculino e subestima o feminino. Pero a fala, como todo, evoluciona, por exemplo relanzar naceu como repeler e agora tamén é volver impulsar, por iso o que significa hoxe algo pode co tempo ser o contrario. Cando se feminizou médica, avogada, xuíza ou árbitra houbo rexeitamento e agora está asumido, non sei se algún día se admitirá membra ou portavoza, pero o idioma cambia, a pesar dos inmobilistas e dos machistas.

Comentarios