Detido 'El Marro', o capo máis buscado de México

O estado mexicano de Guanajuato leva anos vivindo unha guerra de cárteles polo roubo de combustible e liderada polo CSRL. López Obrador asesta co arresto o seu maior golpe ao narcotráfico
El Marro, detenido. EP
photo_camera El Marro, detenido. EP

En tan só unha década, José Antonio Yépez, El Marro, pasou de roubar camións a ser o líder do Cártel Santa Rosa de Lima (CSRL), o grupo criminal que rouba combustible e ten aterrorizado o estado mexicano de Guanajuato, onde este domingo foi capturado polas forzas de seguridade mexicanas. 

"Hoxe na madrugada, nunha acción encabezada polo Exército mexicano e apoiada pola Fiscalía Xeral do Estado de Guanajuato foi detido José Antonio, tamén coñecido como El Marro. Neste momento atópase a disposición da autoridade xudicial local", detallou en rolda de prensa o encargado de seguridade federal, Alfonso Durazo. O Goberno seguía a pista de El Marro desde había máis dun ano pola súa rede de secuestros, extorsión, narcotráfico e, sobre todo, o roubo de gasolina dos oleodutos da petroleira estatal Pemex.

O pasado 20 de xuño, tras a detención de varios membros do Cártel Santa Rosa de Lima, entre eles a súa nai, El Marro difundiu un vídeo desde o patio dunha vivenda prometendo vinganza entre prantos. 

Os primeiros sinais da vida delituosa do Marro remóntanse a 2010, cando foi detido por asaltar camións de carga, pero foi deixado libre. 

El Marro acumulou poder e forza porque o roubo de combustible foi durante anos unha das maiores industrias criminais, ata que o Goberno do presidente López Obrador puxo fin a un suculento negocio de 65.000 millóns de pesos (uns 2.888 millóns de dólares) anuais e comezou a persecución do cártel

El Marro evitou en polo menos en cinco ocasións ser capturado polas autoridades, dúas delas ao saír por pasadizos secretos na súa mansión

Na era do huachicol, como se chama o roubo de hidrocarburos en México, El Marro escalou a segundo ao mando do grupo criminal e para o 2017 xa estaba á fronte do cártel. 

Na súa carreira delituosa, Yépez recorreu á familia á cal fixo o alicerce da estrutura do CSRL para alimentar unha rede de complicidades tan estendida como os oleodutos petroleiros que cruzan decenas de comunidades de Guanajuato. 

O seu liderado do CSRL estivo marcado polo personalidade violenta e o poder de lume que lle deu á súa organización para asumir e defender o seu terreo ante as intencións doutros grupos criminais por ampliar o seu poder no país. 

A decisión do Goberno de combater o roubo de combustible afectou ás actividades do coñecido delincuente, que tivo que fuxir do paraíso que se construíu en Santa Rosa de Lima. 

As crónicas dos medios dan conta de que El Marro evitou en polo menos cinco ocasións ser capturado polas autoridades, as dúas máis destacadas ao saír por pasadizos secretos na súa mansión e ao escapar dunha cova minutos antes da chegada da Policía.

Coa súa detención, o Goberno de Andrés Manuel López Obrador asesta o seu maior golpe ao crime organizado, coa que se abriu a incógnita de se se debilitará ou recrudecerá a violencia en Guanajuato, o estado con máis asasinatos de México.

Comentarios