Familias denuncian que deron crecepelo a catro bebés no canto de Omeprazol

A denuncia está dirixida contra un laboratorio, dúas farmacias e empresas de importación e distribución de medicamentos. Investígase un presunto delito contra a saúde pública e lesións
Centro de saúde de Los Corrales de Buelna (Cantabria). GOOGLE MAPS
photo_camera Centro de saúde de Los Corrales de Buelna (Cantabria). GOOGLE MAPS

Os pais de catro nenos denunciaron a un laboratorio, a empresas importadoras e distribuidoras de medicamentos e a dúas farmacias por fabricar, distribuír e vender un produto con crecepelo que se lles forneceu por erro aos seus bebés menores dun ano, no canto da fórmula con Omeprazol prescrita para o reflujo que padecían. A denuncia penal, á que tivo acceso a axencia EFE, presentouse xa por presuntos delitos contra a saúde pública e de lesións, e estase á espera de que se reparta ao xulgado de instrución que corresponda.

Os nenos foron diagnosticados de refluxo gastroesofágico no centro de saúde de Los Corrales de Buelna (Cantabria), onde lles prescribiron unha fórmula maxistral elaborada con Omeprazol, que inxeriron durante varios días. Ese preparado que se forneceu aos menores foi elaborado nunha farmacia de Los Corrales de Buelna e tamén noutra de Santander. Os pais alertáronse pola aparición de vello nos menores, sobre todo na zona facial, e desde o centro de saúde deuse comunicación ao Servizo de Farmacovigilancia de Cantabria. A reacción adversa notificouse á Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios o pasado 12 de xuño, que ordenou a retirada do produto do mercado.

INVESTIGACIÓN. Como medida cautelar, decidiuse retirar do mercado todas as unidades distribuídas do lote afectado e que as comunidades autónomas realizasen un seguimento. A denuncia penal presentouna o despacho de Francisco Javier Díaz Aparicio, que na súa argumentación incide en que a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios non comunicou a día de hoxe o resultado das investigacións, "mantendo aos proxenitores totalmente á marxe das actuacións que se levaron a cabo".

A denuncia solicita citar á Administración pública como posible responsable civil

Esta denuncia vai acompañada de diversa documentación, como o informe dunha pediatra no que consta que a causa da aparición do vello nun dos menores débese a que o produto que se lle forneceu contiña minoxidilo en vez do Omeprazol prescrito. Segundo a información proporcionada pola pediatra, e que consta na denuncia, o minoxidilo é un vasodilatador empregado como crecepelo. A denuncia tamén solicita que se cite Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios e a Consellería de Sanidade de Cantabria como posibles responsables civís subsidiarios, ao tratarse de organismos "encargados de velar polo cumprimento da normativa reguladora da expedición de medicamentos".

Fontes da Consellería de Sanidade consultadas por EFE destacaron a rapidez coa que actuou este departamento e a celeridade coa que se retirou do mercado o lote "defectuoso". Nun informe dese departamento, explícase que ao ter coñecemento dos primeiros casos por medio do Centro de Farmacoviligancia realizáronse comprobacións, tomas de mostras e inspeccións. E engádese que, tras esas primeiras comprobacións, "as principais sospeitas recaeron nun lote de Omeprazol", cuxa distribución en Cantabria era "moi limitada".

Comentarios