O ministro de Sanidade decidirá que comunidades pasarán de fase o día 11

Fernando Simón aclarou que non participará nese proceso
O ministro de Sanidade, Salvador Illa en rolda de prensa. EFE
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa, en rolda de prensa. EFE

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade, o doutor Fernando Simón, asegurou que será o Ministro de Sanidade, Salvador Illa, quen decida que CCAA pasarán de fase e cales non.

"Non lles podo dicir aínda se o informe técnico será favorable ou non, pero si lles podo dicir que a decisión final de se se pasa ou non de fase, é unha decisión que a tomará o ministro, eu non vou entrar nese proceso", remachou o doutor Simón durante a rolda de prensa que ofrece en Moncloa todas as mañás desde que se declarou o estado de alarma en España.

Neste sentido, recalcou que "será o ministro a través dunha orde, logo de discutilo coa correspondente CCAA, quen tome as decisións pertinentes".

Fernando Simón afirmou que lle consta que Salvador Illa está a reunirse con todas as autonomías e facendo un esforzo importante por garantir que a información que presentaron no Ministerio de Sandida é sólida, de calidade e que hai a marxe suficiente para valorar correctamente a información.

Segundo explicou, os técnicos do Ministerio aínda están a avaliar a documentación de moitas das comunidades autónomas que a presentaron coa petición de acceder á fase 1 o próximo 11 de maio. Por iso, sinalou que aínda non pode dar información de cales van pasar ou non de fase.

No entanto, o doutor Simón considera que os documentos e a información que mandan as CCAA é por que entenden que están en situación de cumprir as condicións para pasar de fase.

Pero o responsable do CCAES non quixo dar os nomes das persoas que forman ese equipo técnico que se encarga de avaliar a información que presentan as rexións. Alegou que sofren presións da sociedade e dos medios de comunicación e dar os nomes faría máis difícil que poidan traballar con absoluta liberdade.

O único que revelou é que é un equipo de 12 técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio que está a traballar coas correspondentes comunidades autónomas e coas cidades autónomas e pediu que se lles deixe facer o seu traballo da forma máis independente posible.

Comentarios