'O que arde', premiada en Cannes, estrearase en Navia de Suarna

A película de Oliver Laxe proxectarase na localización onde se rodou, segundo o produtor Xavi Font

Oliver Laxe, en Cannes. EFE
photo_camera Oliver Laxe, en Cannes. EFE

O que arde volverá ás súas orixes. Segundo confirmou un dos seus produtores na Radio Galega, o músico Xavi Font, a última película de Oliver Laxe estrearase en Navia de Suarna, a principal localización elixida polo cineasta para a súa rodaxe, aínda que non precisou a data do evento.

O que arde acaba de ser recoñecida no Festival de Cannes o premio do xurado na sección Un Certain Regard, na que competía con películas de importancia como Liberté, de Albert Serra -premio especial do xurado-, The invisible life of Eurídice Gusmãou, de Karim Aïnouz -premio Un Certain Regard- ou Jeanne, de Bruno Dumont -mención especial do xurado-. A película fixo historia, porque é a primeira vez que unha cinta rodada integramente en galego é premiada no festival de cine máis importante do mundo.

O premio do xurado de Un Certain Regard é o segundo galardón en importancia nun festival de Cannes que o cineasta coñece como a palma da súa man, xa que en 2010 recibiu o premio Fipresci por Todos vós sodes capitáns -o seu debut como director- e en 2016, o Gran Premio da Semana da Crítica por Mimosas, a súa segunda longametraxe.

O que arde xira ao redor de Amador, un pirómano que regresa tras cumprir dous terzos da súa condena. A súa nai espérao no pobo, onde a rutina se instala ata que un novo incendio fai explotar a aparente calma.

Para rodar a súa terceira longametraxe, Laxe -que agradeceu o premio de Cannes facendo unha defensa do "cine esencial"- recorreu a dous intérpretes non profesionais: o fonsagradino Amador Arias e a octoxenaria Benedicta Sánchez, do Corgo, que revolucionou Cannes coa súa vitalidade, desenvoltura e o seu paso de muiñeira durante o photocall oficial previo á proxección da cinta.

"Oliver fai que dependas de ti mesmo, non te martiriza, é cariñoso, sabe explicar e non levanta a voz a ninguén. Sabe moi ben o que quere e grazas á súa paciencia todo saíu perfecto", dixo Amador, coprotagonista da película, en declaracións a este diario.

Comentarios