O Consello da Cultura Galega honra a María Victoria Moreno

A entidade publica unha edición conmemorativa de Mar adiante

María Victoria Moreno. ARCHIVO
photo_camera María Victoria Moreno. ARCHIVO

Mar adiante, subtitulado Historias de nenos e pra nenos, é o libro conmemorativo co que o Consello da Cultura Galega (CCG) quixo render homenaxe a María Victoria Moreno, autora protagonista este ano 2018 do Día das Letras Galegas.

A edición conmemorativa foi presentada este xoves nun acto na sede do CCG ao que asistiron o presidente desta institución, Ramón Villares; o expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o marido da escritora, Pedro Ferriol, e Sara Alonso Pimentel, filla de Alonso Montero e a quen desde nena uniu unha tenra amizade con María Victoria Moreno dada a profunda amizade dos seus pais coa autora.

A escritora estremeña ía cumprir 34 anos cando publicou Mar adiante, o seu primeiro libro en lingua galega, sendo profesora adxunta numeraria de Lingua e Literatura Españolas no Instituto de Pontevedra. A obra é un libro de Edicións do Castro pero impreso no taller tipográfico da editorial Celta de Lugo, de onde saíu en marzo de 1973.

Sen dúbida foi Xesús Alonso Montero, con quen María Victoria Moreno coincidiu no instituto de Lugo, ela como mestra e el como xefe de Cátedra, a persoa que máis influiría na galeguidade da escritora estremeña, como o seu viúvo recoñeceu.

Pedro Ferriol dixo que o ano 1973, o da publicación de Mar adiante, foi o do "espertar" como escritora de María Victoria, e explicou que niso "tivo que ver moito" a influencia de Alonso Montero. "Baixo o seu amparo como xefe de cátedra influíu notablemente en que María Victoria acollese como súa a lingua galega e o seu amor por Galicia", afirmou.

Xesús Alonso Montero, pola súa banda, lembrou a amizade que o unía a el e á súa esposa Emilia Pimentel Iglesias con María Victoria Moreno, a quen escribiu a dedicatoria de Mar adiante: "Para vós Emilia e Xesús, máis pais deste libriño ca min, amigos a quen debo entre outras moitas cousas, a miña galeguidade e a miña maioría de idade. Co corazón todo, María Vitoria".

Como persoa, o expresidente da RAG referiuse ao "corazón" da escritora, "un ser humano grandioso, dun corazón tan asombroso e dun espírito tan solidario e tan fraterno", dixo.

Sara Alonso Pimentel, filla de Alonso Montero, e que mantivo desde nena unha grande amizade con María Victoria Moreno, lembrou que da relación amigable cos seus pais "naceu dela cara a min unha afección especial", e evocou, sendo xa profesora, a súa coincidencia no curso 1987-1988 "opositei no instituto de Vilalonga"

"María Victoria levou unha vida difícil; foi capaz de facer moitísimas cousas sempre cun sorriso na boca, animando a todo o mundo cando ela seguramente era quen máis necesitaba que lle desen alento. Foi capaz de, entre outras moitísimas cousas, ser unha das mulleres pioneiras da literatura infantil e xuvenil".

Esta mesma idea compartiuna o seu viúvo Pedro Ferriol, quen lembrou que na súa primeira novela o personaxe principal é unha moza, "algo inusual neses anos, cando o machismo predominaba na literatura infantil e xuvenil, e ela empezou a romper eses moldes establecidos", comentou.

Ferriol indicou que hai uns anos a súa familia viu "con pesar" como a obra de María Victoria "estaba un pouco esquecida, os seus libros non chegaban á sociedade galega", e dixo que foi a RAG a que dedicándolle as Letras Galegas este ano 2018 rexurdiuna " das cinzas". "Foi unha mestra comprometida, pouco convencional, que non só educou nas aulas senón tamén en toda a súa obra literaria", afirmou o seu viúvo.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, explicou a homenaxe que a institución quería renderlle á escritora coa edición conmemorativa de Mar adiante, "unha edición non venal -dixo- que non compite nin entra en concorrencia con ningunha outra edición que poida haber por parte de editoras comerciais", e que, engadiu, poderá axudar a difundir a obra de María Victoria Moreno.

Comentarios